Listado de la etiqueta: diario_da_luz_e_a_sombra

Onte 1973: Homenaxe a María Victoria Moreno no Club Faro de Vigo

Ben interesante foi a mesa redonda de onte no Club Faro de Vigo sobre María Victoria Moreno na que acompañamos a Xavier Senín e Isabel Soto, autores da biografía María Victoria Moreno. Sementadora de futuro (Xerais, 2018). Un serán literario no que todos os tres reivindicamos o recoñecemento do que non gozou en vida, a pesar de contar con moitos amigos, para esta cidadá e escritora galega que o foi por decisión consciente, reflexiva e persistente.

Xavier Senín fixo o retrato humano de María Victoria, debuxou súa traxectoria formativa dende o ensino primario en Segovia e Sepúlveda, pasando polo bacharelato no colexio da Sección Feminina en Barcelona, até os estudos de Filosofía Letras na Universidade de Madrid, onde Rafael Lapesa e Dámaso Alonso foron profesores marcantes para ela. Detívose Senín na estancia de María Victoria e a súa irmá Sara en Valdoviño en 1947, cando acompañaron á súa tía Conchita e o seu home, primeira experiencia galega que para elas foi «un territorio de liberdade». Salientou Xavier os primeiros días da súa chegada a Pontevedra en 1963 e o que supuxeron os dous anos como profesora en Lugo, onde coñeceu a Xesus Alonso Montero, tras aprobar as oposicións como profesora agregada de Lingua e Literatura Española, onde tivo como alumnos a Xesús Rábade Paredes e Darío Xohán Cabana, entre outros. Referiuse, tamén, ao seu compromiso como profesora de lingua galega, tanto na década de 1970 como no inicio do período autonómico, así como á experiencia da libraría Xuntanza, que fundou con outros nove socios en 1973, e a cronoloxía da súa obra literaria, fundamentlamente pero no só, infantil e xuvenil que foi publicando dende aquel mesmo ano.

Isabel Soto comezou lembrando que María Victoria Moreno era apenas a terceira das mulleres homenaxeada en 55 edicións do 17 de maio, o que é algo importante, mais tamén moi significativo. Seguiu Soto debullando o que para ela foron os seus dous compromisos como autora: «só escribo en galego, só escribo para nenos». Compromisos asumidos como escritora autófona e monolingüe que «comprendeu o carácter diglósico da situación sociolingüistica desta terra». «Como amante das linguas e coñecedora delas, aprendeu galego dende cero e fíxoo con naturalidade consultando dicionarios, que moito lle gustaban, e realizando lecturas literarias dos nosos clásicos. Axiña deu cursos de galego, preparou unha antoloxía de poetas novos e chegou a facer varios manuais de historia da literatura para o ensino medio».

Xaora, tras salientar este compromiso de María Victoria coa lingua galega, a cerna da intervención de Isabel Soto foi reflexionar sobre a súa obra literaria infantil e xuvenil na que estableceu dúas etapas. Unha primeira, na que desenvolveu unha obra infantil, formada polos títulos publicados na década dos setenta: «Crarisca e o luceiro« (1972), conto premiado no concurso de narracións infantís convocado pola agrupación cultural O Facho; Mar adiante (1973), a aventura dunha escola nun barco, e «O cataventos», premio do Facho en 1975, un conto de animais que admite a lectura dun conflito desencaeante de cambios, que sería publicado catro anos máis tarde no volume Contos pra nenos (Galaxia, 1979), xunto a textos de Paco Martín, Xoán Babarro e Eliseo Alonso, libro que será o primeiro en lingua galega que formará parte da Lista de Honra do IBBY. Primeiro ciclo que pecha coa publicación d’ A festa no faiado (1983).

A seguir, Isabel Soto sinalou que  en 1986 María Victoria Moreno abriu a segunda etapa da súa obra con Leonardo e os fontaneiros, a primeira das súas obras dirixidas a adolescentes, á que seguiría Anagnórise (1989), que a convertiu nunha das autoras máis lidas polo público mozo, «novela que constitúe un achegamento maxistral aos medos da mocidade, introducindo o tema das drogas, que desafía ao lectorado de calquera idade», e que remataría con Guedellas de seda e liño (1999). Rematou Soto recomendando a lectura de Diario da luz e a sombra (Xerais 2004), onde está todo o seu estilo, «resultando conmovedor para expresar o seu optimismo sensato».

María Victoria, cidadá galega

Dedico o artigo da semana en Luzes á concepción de cidadanía de María Victoria Moreno:

A María Victoria Moreno (MVM), a escritora homenaxeada o vindeiro 17 de maio, amoláballe ser considerada «unha autora estremeña que escribía en galego». Comentoumo anoxada en máis dunha ocasión no proceso de edición de Diario da luz e a sombra, o texto autobiográfico onde relatou a súa experiencia como enferma de cancro e onde reflexionaba sobre como unha doenza, por grave que fose, non muda a personalidade de ninguén, se non que apenas resalta os trazos característicos de cadaquén. E tiña razóns abondas a autora de Anagnórise, xa que ela nin era estremeña nin moito menos escritora alófona galega, como Federico García Lorca ou Carles Riba. María Victoria Moreno era cidadá e escritora galega por elección consciente e persistente.

Opción de cidadanía moi presente nas diversas biografías que sobre María Victoria apareceron estes días, dende a primeira, a das académicas Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, a outras posteriores como a dos seus amigos Xavier Senín e Isabel Soto e a da profesora Montse Pena Presas, que reconstrúen una peripecia biográfica e formativa pouco convencional, dende o seu nacemento en Valencia de Alcantara o 1 de maio de 1939 até a súa instalación definitiva en Pontevedra a mediados dos anos sesenta. Sabemos agora que MVM naceu na localidade cacereña por puro azar, xa que alí acudiu a súa nai Sara (mestra malagueña) que tiña o home, Vicente (militar de Toledo) na fronte de guerra, para dar a luz na casa do seu irmán, Antonio que traballaba de policía na fronteira con Portugal. Como sabemos que despois de apenas tres anos en Badaxoz, a familia trasladouse a Segovia, onde seu pai fora destinado como administrador do cárcere provincial, e máis tarde a Sepúlveda, onde a súa nai reingresou como mestra. Localidades segovianas nas que MVM cursou os estudos primarios, antes de vivir interna nun colexio da Sección Feminina de Barcelona onde fixo o Bacharelato e trasladarse máis tarde a Madrid onde cursou Filoloxía Románica na Complutense. Un periplo pola península que a futura escritora completará en 1963, cando despois de casar co valenciano José Luis Llacer, o matrimonio se instala en Pontevedra onde o seu home é destinado como profesor do colexio da actual ONCE.

Unha etapa de formación na que MVM adquiriu a súa condición políglota, xa que aprendeu catalán e francés, o que lle facilitará a partir de 1965, cando coñeceu a Xesús Alonso Montero como profesora do Instituto Masculino de Lugo, a súa rápida inmersión no galego e a súa adscrición posterior a nosa literatura, participando nos primeiros concurso de contos convocados pola agrupación Cultural O Facho da Coruña e publicando en 1973 en Ediciós do Castro o seu primeiro libro para crianzas, Mar adiante, o mesmo ano no que abre en Pontevedra con outros socios a mítica Librería Xuntanza. Unha opción de vida que á xove profesora do Instituto Feminino de Pontevedra lle custará máis dun desgusto, como a retirada do pasaporte en 1974 por dar clases de galego no Ateneo de Ourense, o que daquela constituía una actividade sospeitosa.

A biografía galega de MVM nada ten que ver coa súa nacenza galega nin sequera cunha posible orixe familiar galaica dos seus ancestros, xa que o seu ADN era andaluz e castela, nin tampouco pola súa formación superior e universitaria que fixo dacabalo de Barcelona e Madrid. María Victoria Moreno foi cidadá galega porque quixo, porque escolleu o galego de forma consciente para instalarse na súa vida cotiá e para ser a lingua na que educase aos seus fillos. MVM, como sinalan Casalderrey e Aleixandre, «é galega porque Galicia foi a terra onde máis tempo viviu e coa máis se identificou». Unha elección republicana de cidadanía galega que merece ser coñecida e que pode axudar a explicar un concepto de identidade galega e de elección lingüística, que nada ten que ver coa etnicidade nin coa orixe familiar. Cidadanía por querenza consciente, pola vontade de incorporarse á formación da comunidade galega. Roubándolle as palabras ao inacabable Celso Emilio, MVM foi galega «porque si, porque lle gustou, porque lle petou quixo e deulle a gaña». Eis a galeguidade cento por cento. Brava María Victoria Moreno!