Listado de la etiqueta: desaparición

Onte 1764: Presentación en Baiona de «Xa non estou aquí» de Iria Misa

a_non_estou_aqui_Baiona_14-10-2016-04

Éxito rotundo de Iria Misa na presentación en Baiona de Xa non estou aquí, novela gañadora do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2016. Máis dun cento de persoas seguiron no salón de actos da Casa da Navegación a intervención de Ledicia Costas e Iria Misa, compañeiras e cómplices da Xeración da Esperanza que está remudando a literatura galega.

Comezou confesando Ledicia Costas que Xa non estou aquí era a segunda novela das catro que Iria Misa leva escritas. «Iria é unha escritora prudente, discreta, unha grande lectora, que coñece a actualidade literaria, que conta cun criterio literario moi formado e que leva traballando en silencio dende hai tempo. Gañar o Premio Jules Verne supón para ela entrar pola porta grande na literatura galega». «Iria Misa é unha escritora social, non escribe sobre temas amables, a denuncia social ten para ela un peso decisivo. Ela dedícase a narrar, non dá consellos morais, consciente de que as valoracións corresponde facelas ás lectoras».

A seguir, Ledicia Costas desvelou que nas conversas con Iria a esta novela sempre a chamaban «Os murnios», «uns personaxes moi potentes que viven ao límite». «Xa non estou aquí é unha novela sobre os límites, sobre os límites do amor e da soidade, os límites soportables na adolescencia, cando non existen os grises, cando todo e branco ou negro. Esta é unha historia na que se exploran con magníficos resultados os extremos». «Xaora, é un libro que pode ler calquera clase de público», afirmou Ledicia Costas, para seguir salientando que «é unha novela que se devora, que ten un ritmo que agarra polas entrañas». «Está narrada dende diversos puntos de vista. A novela funciona como un prisma no que a luz sobre desaparición da protagonista provoca reflexións e refraccións, luces e sombras«. «Trata temas esenciais como o amor, a soidade, a necesidade de formar parte din grupo, mais sobre todo é unha histoira de emocións». Rematou Ledicia Costas parabenizando a súa compañeira e aventurando que «Iria comezaba con este Premio Jules Verne un camiño cheo de alegría».

XG00248601Iria Misa confesou que admiraba moitísimo a Ledicia Costas «porque hoxe é a mellor, divertida e cunha cabeza prodixiosa, non podería contar cunha madriña mellor ca ela, e sen ela sei que hoxe non estariamos aquí». A autora salientou despois a importancia do tema das persoas desaparecidas, o tema central de Xa non estou aquí: «En España hai 14.000 persoas desaparecidas, cada día desaparecen 34, unha cifra arrepiante, un problema social que non caduca. Ninguén desaparece por que si. Entre todas estas desaparicións hai algunhas que merecen o impacto dos medios de comunicación de xeito que é imposible ignoralas, pero pasado un tempo esquecémolas e volvemos ao noso, asumindo aquilo que nos contaron sen maís. desta idea naceu esta novela e dunha fixación que tiña dende nena, o medo que me producía o conto do home do saco». «Cando hai case dez anos desapareceu en Baiona unha rapaza pareceume algo terrible. Aquilo coincidiu co inicio da miña escrita, aí naceu a historia que hoxe presentamos».

«Dende o inicio quixen que a miña protagonista falase por si mesma, por iso é Ánxela a que conta a versión do que lle pasa. Fala sen filtros, case sen emoción, conta de forma moi fría o que lle acontece, xa que non sempre é todo o que parece». «Na novela son moi importantes so murnios, unhas amizades de Ánxela, unha xente que ten unha ética fóra da ética, persoas que non seguen as convencións da súa idade, o que crea un misterio arredor delas. Pretendín que as lectoras entrasen pouco a pouco no seu mundo. Quixen fuxir do adoutrinamento e do didactismo, non quixen xulgar, iso correspóndelle ás lectoras, quixen confiar na rapazada. Como tamén pretendín que a novela servise para que as persoas adultas se abrisen á rapazada e coñecesen outras realidades.» «Estou convencida de que como persoas adultas temos que axudar aos mozos e mozas a decidir e valorar pola súa conta. Creo que a literatura, ademais de entreter, debe axudar a mudar as cousas, axudar a reflexionar».