Artigos

Campo do Fragoso CCXII

DERBI SEN ALMA

Despois de temporadiña tan ruín para o fútbol galego como esta pouco se podía agardar dun derbi no que o Deportivo chegaba descendido e o Celta eivado, con Aspas lesionado no palco e co adestrador desmotivado, cando sabe que non será renovado un segundo ano. E foi o de onte un derbi sen alma, onde o empate conseguido polos visitantes no comezo do tempo de desconto fixo xustiza ao sucedido ao longo de noventa minutos onde a pobreza (mellor sería dicir “a ausencia”) do xogo de ambos os dous equipos non os fixo merecentes da vitoria. Un derbi con pouco xogo e patadas de máis na lameira, pero con autocompracencia abonda nas bancadas de Balaídos, onde o escarnio da desgraza allea non puido ocultar o fracaso dunha tempada decepcionante na que os celestes non acadaron os obxectivos. En definitiva, foi o de onte un derbi descafeinado e triste cuxo resultado non terá outra transcendencia que engordar a serie estatística que dende 1928 ven conformando a historia do que bautizamos con orgullo de sentimento galego como «o noso derbi».

Comezou o Celta con vento nas velas, xa que no minuto 12’ Maxi Gómez marcou un gol de cocorote e de costas á portaría, outra auténtica xenialidade goleira do charrúa que coa colaboración do porteiro deportivista aproveitou un centro de Pione dende a esquerda, tras unha xogada iniciada por unha excelente recuperación de Hugo Mallo na banda contraria. Tras o gol, durante apenas vinte minutos, o Celta moi ben dirixido por Lobotka movía con rapidez a bóla polas bandas, sobre todo pola de Hugo Mallo, o máis motivado dos nosos, procurando que os centros diagonais atopasen a testa máxica do noso ariete uruguaio. No 28’ Maxi encarou a Rubén, mais desta volta o porteiro coruñés soubo aguantar e desfixo o que xa viamos como dous a cero. E con esa clara oportunidade acabou o mellor do xogo celeste nun partido que dende entón esvarou nos territorios da rotina e do aborrecemento centrocampista, que algunha parte da bancada tratou de evitar facendo unha onda de escarnio aos visitantes, a todas luces tan desafortunada como fóra de lugar.

Xaora, os de Seedorf, que só se xogaban o orgullo de non saír derrotados do municipal do Fragoso, deron noticias de moito perigo no minuto 36’, cun xute importante de Guillerme dende a frontal, que desviou cunha boa estirada Sergio. Acción que pouco antes do descanso movilizou os azos e esperanzas dos centos de sofridos seareiros deportivista desprazados que moito protestaron unhas supostas mans de Cabral na área viguesa. Co segundo acto, o partido gañou en brusquidade, patadas e algún que outro cobadazo, que provocaron continuas faltas, interrupcións e teatralizacións esaxeradas por ambas as dúas partes. Porén, o fútbol (ou algo que semellase a ese xogo de pelota) non aparecía por ningures, coa excepción dun gol (ben) anulado a Wass por fóra de xogo, tras outra xogada estelar de Pione Sisto, onte, por fin, o mellor dos celestes.

No entanto, cando o partido parecía gañado para o Celta, Unzué errou de forma garrafal nos trocos, retirando da lameira a Brais Méndez e mantendo, pola contra, a Jozabed que apenas chegaba a cada unha das pelotas. Seedorf percibiu que os vigueses aspiraban só a conservar o resultado e nos dez minutos finais ordenou atacar de forma heroica con todos os seus efectivos. E aí os de Unzúe recuaron de moi mala maneira. No primeiro asedio do minuto 80’ o Deportivo xa puido marcar, o que faría con contundencia Lucas Pérez dez minutos despois, cando Cabral non foi quen de suxeitar a Borges, que serviu para que a figuriña deportivista xutase a pracer ao primeiro pao. Un gol recibido polos coruñeses como auga de maio, que aliviaba algunhas dores e que evidenciaba, ademais, a pésima xestión do resultado feita por Unzué, incapaz de entender a importancia anímica que un partido como este ten para os seareiros celtistas.

Con semellante decepción, os celestes foron despedidos de forma moi fría polos seus propios seareiros, o que demostra que un dos peores efectos da triste tempada de Unzué foi afondar na desconexión do equipo coa bancada, que celebrou cada un dos resultados con moita austeridade. Unha doenza de anemia emocional agravada por este derbi que con seguridade nin pasará a historia nin lembraremos como o anterior celebrado en Balaídos onde o Celta de Eduardo Berizzo marcou catro goles de Aspas, Mallo e Orellana e desenvolveu un xogo electrizante. Agardemos polo ben do fútbol galego que aquel espectáculo extraordinario, lembrado hoxe con saudades, se repita en primeira canto antes. Celtistas e deportivistas merecémolo.

Campo do Fragoso CXXIX

O NOSO DERBI IGUALADO

O noso derbi máis galego-portugués da historia –até nove xogadores galegos e cinco lusos saltaron á lameira do Fragoso durante o encontro– resultou tamén un dos máis igualados e emocionantes dos que lembramos. O empate non foi un mal resultado para un Celta que estivo moi por baixo das nosas expectativas; aínda que, probablemente, este resultado foi un chisco decepcionante para un Deportivo que xogou moito mellor do que o veu facendo dende o comezo da liga. Con todo, polo visto no terreo, o empate resultou xusto e acorde cos méritos e deméritos de ambos os dous equipos.

A saída electrizante de Iago Aspas aventuraba unha noite de gloria. Na segunda vez que contactou coa pelota xerou o gol celeste. Foi unha internada pola esquerda na que a nosa figuriña superou ao seu marcador e disparou axustado ao pao dereito, obrigando a Aranzubía a despexalo con moitas dificultades, de xeito que o balón quedou morto para que Mario Bermejo, oportunísimo, o envíase doadamente ás redes. Tras o gol, o Celta creceuse. Cabral puido marcar cinco minutos despois, mentres que Iago coa súa mobilidade toleaba á defensa visitante. Foron os seus mellores minutos de xogo. Co balón no seu poder sentíase seguro, chegaba con certa facilidade a área deportivista e intentaba recuperar a pelota moi arriba, grazas á intensidade de Bermejo, Iago e Krohn-Dehli. Porén, o Deportivo foise estricando amodiño e conseguiu o empate á media hora de xogo grazas a unha xenialidade de Valerón que deliñou un xenial pase interior para que Juan Domínguez batese a Varas. A partir dese momento comezou a deriva celeste, que baixou a intensidade da súa presión e foi cedendo ao Coruña o control do partido. Valerón gañáballe a Borja na súa particular competencia, mentres que a veteranía cutre de Marchena pretendía quecer un partido, até entón de luva branca, descentrando a Aspas que até entón intimidaba aos visitantes con cada unha das súas intervencións.

Na reanudación foi clave o erro gravísimo do central Cabral que recibíu senllas tarxetas amarelas nos cinco primeiros minutos de xogo. Amoestacións, quizais rigorosa a primeira, mais que deixaron aos celestes en clara inferioridade. Oltra viu aquí a súa oportunidade e adiantou ao seu equipo de xeito que non deu tregua aos vigueses até o remate. Un minuto despois da expulsión, Pizzi, o mellor dos dianteiros coruñeses, lanzou un falta lateral de forma maxistral, de xeito que Varas salvou o tremendo cacheirón in extremis, na súa mellor intervención. Aí salvou o Celta o partido. Os visitantes insistiron na súa posesión, mentres que aos nosos abondoulles con defenderse con orde e serenidade, tratando de aproveitar un par de contrataques, especialmente un moi ben levado polo lateral Hugo Mallo, outro dos máis destacados do serán, que Iago non foi capaz de definir por centímetros. O troco inxustificado da figura de Moaña polo coreano Park, explicable apenas por razóns extradeportivas ou publicitarias, amosou que Herrera xa se conformaba cun empatiño.

Este noso derbi, lonxe das urxencias dramáticas da pasada tempada, foi moito máis sensato, temperado e agarimoso ca noutras edicións, tanto dentro como fóra da lameira, coa excepción dalgúns excesos verbais rotineiros de parte da bancada celeste, que deberían ser superados de vez. O feito de que no Celta xogasen sete xogadores galegos encheunos de fachenda.

A foto destacada é de Jesús de Arcos (Faro de Vigo)

Onte 67: Derbi igualado, sorte diversa

O noso derbi foi moi igualado e emocionante. O Celta atacou máis, moito máis, pero tamén amosou maior febleza defensiva, carencia que pagou co partido. O pobre de Jonathan Vila volveu gafala, agasallando un gol en propia meta nos minutos iniciais, que condicionou todo o desenvolvemento táctico do partido. Oubiña traballou arreo en solitario no medio campo, termando el soíño do equipo todo, mais foi incapaz, agotado na segunda parte, de gañarlle a partida a un inmenso Valerón, un xogadorazo que tamén sabía da importancia do encontro. Orellana entrou para agasallarnos cun dos seus orellanazos e ao minuto seguinte roubonos a ledicia cunha horrible orellanada que facilitou o golón da súa vida a Lassad. Isto é o fútbol, un xogo de pelota, onde intervén a intelixencia, a vontade e o esforzo dos participantes, mais tamén onde interveñen ingredientes de azar e emoción colectiva. Tras este primeiro derbi quedáronme claras tres cousas. A primeira, o áspera que é a afección coruñesa co Celta. Non houbo acenos de agarimo ningún, unha mágoa entre seareiros irmáns! A segunda, o Celta debe superar as súas graves dificultades de estrutura defensiva, que arrastra dende o inicio da tempada, se quere aspirar a desputar o ascenso. Terceira, O Deportivo, a pesar do seu xogo pouco vistoso, será dos que estean arriba. Onte demostrou contar coa sorte que só posúen os gañadores.