Listado de la etiqueta: de_xente_nova_a_brais_pinto

Onte 2109: «Ulcis», o libro póstumo de Xosé Fernández Ferreiro

Xosé Fernández Ferreiro contoume que cando sufriu o infarto xa deixara encargado ás súas amizades [Manuel Álvarez Torneiro e Chisco Fernandez Naval] que se lle pasaba algo me fixeran chegar o libro de contos sobre os que viña traballando dende había anos. Por fortuna, Ferreiro saíu daquel trance e aínda publicaría De Xente Nova a Brais Pinto (Xerais 2012), un libro onde fai memoria da súa participación nos dous grupos xeracionais aos que pertenceu na mocidade, o ourensán Xente Nova (1950) e o madrileño Brais Pinto (1957), colectivo que en palabras de X.L. Méndez Ferrín «intentou poñer ao día a cultura galega de vangarda». Tras aquelas memorias breves, sabía que Pepe continuaba traballando no libro de contiños e nalgunha conversa telefónica me adiantara que eran moi breves e que tiñan por fío condutor a Ulcis, unha invención literaria dos tempos de Brais Pinto, referíndose ao libro co título Contos do Sil ou Contos do río Sil, aínda que aseguraba non o tiña moi decidido.

Magoadamente, Ferreiro faleceu o 16 de decembro de 2015 sen entregar o libro de contos en Xerais, aínda que lle dixera ao seu amigo e testamenteiro Chisco Fernández Naval, que o libro estaba feito e pensaba falar comigo [entón o seu editor] para facermo chegar. Analizando os arquivos que Ferreiro deixou no ordenador, Chisco comprobou que existían até catro documentos do orixinal, datados entre 2013 e 2014. Sobre eles traballou con enorme xenerosidade e a meticulosidade e o detalle do editor literario para conformar a recente edición de Ulcis (Xerais 2020), o libro póstumo do narrador e poeta de Espartedo.

Como era de imaxinar, por todas as voltas que Ferreiro deu a estes máis de oitenta textos, a maioría dunha extensión inferior a unha páxina, trátase dun volume fulcral no conxunto da súa obra, xa que aquí están presentes boa parte dos temas das súas quince novelas e as súas preocupacions máis íntimas. Nestas Historias de Ulcis están episodios da infancia na aldea e no territorio íntimo delimitado polo río Sil, o mundo onírico dos contos (a maioría de medo) ao lume da lareira, a violencia entre os mozos, o terror que sufriron os paseados nas gabias, os episodios de zoofilia, os contos de afiadores, mais tamén as querenzas literarias do autor (Valle-Inclán e Lovecraft), o mundo do cinema do que foi experto e amador, a experiencia na UCI tras o infarto, a memoria dos días de entusiasmo en Madrid na cafetería Los Mariscos onde se fundou Brais Pinto, a propia historia deste afiador esmagado por un autobús tras chegar de Rusia…

Con todo, a cerna destas historias radica no seu carácter circular, xa que esta viaxe sen rumbo polos abismos dos sumidoiros máis íntimos do autor, durou sesenta anos, desque creara en 1955 as primeiras referencias no libro de poemas A Noite, publicado por Brais Pinto, até o que corrixiu nos seus últimos días. O de Ulcis é un mundo atolado, escuro, surrealista, alucinado, habitado por seres míticos e máxicos como o propio personaxe e a súa amada, a bruxa Ertí, mais tamén por Iroba, o seu irmán xemelgo, ambos os dous bastardos e inimigos, que máis tarde ou máis cedo acabarán destruíndose. Ulcis como universo e como personaxe sería para Ferreiro algo así como ese substrato escuro que subxace en cadaquén ao que inevitablemente acabaremos enfrontándonos.

Magnífica a edición de Chisco, precedida por un memorable prólogo de X.L. Méndez Ferrín que contextualiza o libro dentro do universo literario do autor e da literatura galega de entre séculos. Un libro referencial, de grande interese.

Onte 1536: Ferreiro, afiador rebelde

ferreiroEntristeceume o pasamento de Xosé Fernández Ferreiro, o novelista da Xeración Brais Pinto, un gran tipo, unha persoa xenerosa e elegante, con que amizei nestes últimos vinte e cinco anos como editor das súas obras. Fundador en Ourense no ano 1950, xunto con César Arias, do grupo literario Xente Nova e, máis tarde, en Madrid no ano 1957 do grupo Brais Pinto, loitou toda a súa vida por unha Galicia nova, aberta ao mundo, mais sen renunciar nunca nin ao seu pasado nin as súas raíces. Neto dun afiador de Nogueira de Ramuín, xornalista de libreta e lapis, empedernido cinéfilo, novelista vocacional, o autor de obras principais da narrativa galega de fin do século XX, como A saga dun afiador (1980) ou Agosto do 36 (1991), nunca perdeu a alma de afiador rebelde, transgresor, romántico e sentimental, adxectivos que utilizou para definir aos membros da súa xeración. Con todos os nosos abrazos.

Onte 331: A xenerosidade de Xosé Fernández Ferreiro

Aledoume moito compartir mesa con Xosé Fernández Ferreiro para presentar o seu libro de memorias De Xente Nova a Brais Pinto. Sei que a Pepe non lle chistan moito estes actos e que, ao longo das súa vida de escritor, foron moi contadas as súas intervencións públicas. Ferreiro presentouse diante do público coruñés humilde e sentimental. Comezou insistindo na súa decepción pola perda irremediable do mundo da aldea: «Cando vou a Espartedo sempre boto a chorar, alí xa non vive ninguén, só o espírito dos mortos». Continuou subliñando a importancia do traballo realizado polos grupos aos que pertenceu, primeiro en Ourense, Xente Nova, despois en Madrid, Brais Pinto. Logo definíu o seu libro como «o retrato dunha xeración». Lembrou con agarimo aos amigos que se foron, Alexandre Cribeiro e Herminio Barreiro, «que leu este manuscrito antes de morrer e non lle puxo chata ningunha». Abeizou a presenza entre o público de Bernardino Graña e dos seus amigos coruñeses Álvarez Torneiro e Xosé Abeal. Acabou relatando con saudade como coñeceu a algunhas das súas primeiras namoradas ou as críticas certeiras que Vicente Risco realizou do seu primeiro poemario, publicado hai agora sesenta anos. A intervención de onte amosa que a xenerosidade e elegancia de Fernández Ferreiro non é frecuente no galeguismo actual: «Brais Pinto é o que fixo cada un de nós durante estes 50 anos nos diferentes ámbitos da súa actividade». Téñolle enorme afecto a Pepe Fernández Ferreiro, un gran tipo.