Listado de la etiqueta: daniel_puente_bello

Onte 2127: «Contos de obxectos» no celme do mestre Xabier P. DoCampo

Previsorciño que era, Xabier P. DoCampo deixou nun cartafol preparados para a edición oito relatos dos que más gustaba recrear nas súas contadas para maiores. Contos todos nos que algún obxecto (unha máscara, un chapeu, un cravo, unha moeda…) convértese nalgún momento en motivo do trama. Textos, case todos inéditos en formato libro, recollidos en Contos de obxectos (Xerais 2021), precedido dun limiar da académica Fina Casalderrey e ilustrados polas fotos precisas de Daniel Puente Bello, que recrea cada obxecto no contexto ficcional onde foi utilizado. Un libro no celme da obra do mestre Xabier P. DoCampo, esencial para entender a súa querenza pola narración oral literaria, que enlaza temática e formalmente cos relatos de Cando petan na porta pola noite (Xerais, 1994) e Un conto de tres noites (Xerais 2001), así como coa novela A nena do abrigo de astracán (Xerais 201/).

Contos nos que habita a memoria e a lingua da infancia, aquelas cicatres que Xabier herdou de Raimundo, o pai muiñeiro de pucha enfariñada. Textos orais, revisados na escrita, nacidos da memoria daquela cociña de Castro, onde o pai contaba historias e a nai costureira contos mentres debullaba nun cesto de fabas. Nese berce literario naceu o mestre Xabier , o contador e o narrador natural que neste volume recrea contos da estirpe do conto popular, uns marabillosos, como «Os tres cabelos de Aldara» ou «O chapeu», capaces de explicar que ningún castigo merece ser eterno e ningunha culpa é imperdoable, outros de medo ou de exploración do descoñecido, como «A proba», «A máscara» ou «O cravo», nos que latexa a cerna da conservación da vida e da propia identidade. Contos, outros, nacidos dunha encarga para ser contados oralmente, como «Santo André Teixido», ou para unha publicación con utilidade didáctica, como «O habanero», o conto xenial dos galos de pelexa, unha auténtica marabilla, que aparecería nun dos libros da campaña de Renfe e Caixa Galicia (1997).

Estes Contos de obxectos foron reescritos co código secreto dos grandes contadores lucenses, mestres da memoria oral, como Ánxel Fole e Álvaro Cunqueiro, dos que DoCampo foi destacado continuador. Nestas páxinas a lingua popular brilla e escintilea de forma asombrosa, utilizando unha primeira persoa, a voz do contador experto, capaz de engaiolar á lectora coas súas viradas do relato e algún que outro engano narrativo. Contos de obxectos ofrécese así como un dos libros máis literarios e gozosos para entender o conxunto da obra dun dos grandes do noso tempo. Parabéns a Xerais e a familia de DoCampo por publicar libro tan excelente coincidindo coa celebración do 75 aniversario do nacemento (5 de abril) de Xabier. Unha boa contada, si señor!

Onte 2088: A reedición de «Catro cartas» do mestre DoCampo

A reedición de Catro cartas (Xerais 2020) de Xabier P. DoCampo, ilustrada por Fino Lorenzo, lembroume a xestación de Sopa de Libros, a colección onde foi publicada a súa primeira edición por Anaya Infantil y Juvenil (2000). Un agasallo que Xabier fixera ao seu amigo o editor Antonio Ventura, entón responsable da colección, onde despois de obter o premio nacional (1994) publicara O pazo baleiro (1997), na edición orixinal en galego e na traducidas para o castelán e o catalán. Foi o de Sopa un proxecto editorial, bautizado de forma informal como «Amadís», no que os directores de tres das editoras con catálogo infantil do Grupo Anaya, Emilio Pascual (Anaya Infantil y Juvenil), Ramón Besora (Barcanova) e eu mesmo (Xerais) intentamos deseñar unha colección de lecturas graduadas de calidade na que se trasvasasen de forma normalizada textos e ilustracións procedentes das tres linguas (castelán, catalán e galego) a carón de textos traducidos europeos.

Aquel proxecto Amadís con espírito de clásico de cabalaría, finalmente, naceu como Sopa de Libros e  sen a presenza de Xerais durante os primeiros anos, noutra das periódicas reviravoltas da relación da editora viguesa coa súa propietaria. Tras aquel vello e decepcionante trasacordo, non podo agochar o meu entusiasmo polo feito de que aquelas Catro cartas de Docampo, testemuña imperecedoira e extraordinaria sobre o valor do libro, a lectura e a literatura, sexan publicadas vinte anos despois por Xerais, feito que sei moito hai que agradecer a María Xesús Bello Formoso e Daniel Puente Bello, as herdeiras de Xabier. Un libro breve, apenas corenta páxinas ilustradas por Fino Lorenzo, o mestre galego da colaxe e da ilustración povera, mais unha obra esencial para entender a concepción da literatura como unha emoción compartida, poética que Xabier defendeu ao longo de toda a sua obra.

Catro cartas, que son cinco, que o mestre cheirego escribe a súa amada («os libros foron un lugar de encontro ao que vamos procurándonos»), ao fillo («eu sei que a miña vida durará tanto como eu perdure no teu recordo»), a mai («a lectura é un traxe que lle senta ben á alma e faina máis fermosa..»), a R.L.S. («aprendín a ler, a convertir cada lectura nunha aprendizaxe») e ao lector ou lectora das cartas anteriores («ler e escribir son dúas iniciativas individuais que nos axudan a indagar en nós e, ao mesmo tempo, substanciarse no outro, por medio da entrega, da xenerosidade, do amor…»)

Transcorridos vinte anos daquela primeira edición, confeso que a lectura destas Catro cartas, libro de cabeceira ao que volvín en moitas ocasións, produciume aínda maior emoción xa que identifiquei nestas páxinas boa parte das hélices do ADN literario de Xabier. Identifiquei os argumentos das súas intervencións orais sobre o valor da lectura como a semente de textos de creación ou de crítica posteriores, xa que para Paco (así o chamaba o mestre Agustín) «toda escritura é sempre un treito da viaxe que nos conduce a nós mesmos». Como aquí aparece que a lectura é para cada lectora unha indagación sobre unha mesma, na procura do amor, da tranquilidade, do coñecemento, da salvación… Ideas e fíos que Docampo desenvolveu en libros fulcrais como O libro das viaxes imaxinarias (2008) ou A illa de todas as illas (2013). Como nestas páxinas está tamén a súa convición de que a lectura constitúe unha creación e recreación de cada lector nun exercicio que a todos converte en narradores, xenerosos doadores de palabras e de historias.

Benvida esta reedición de Catro cartas, agora en Merlín (a outra colección graduada de Xerais que conta xa con 300 títulos!), un texto ideal para volver a reflexionar sobre o valor da lectura literaria como vieiro mellor para vivir unha vida máis plena, unha das causas polas que entregou a vida e a palabra o mestre Xabier. Parabéns a herdeiros e editora por tan excelente iniciativa.

Onte 1767: “De paraugas”, presentación en Lugo

Presentamos no serán de onte na Libraría Trama de Lugo De paraugas, os relatos que escribu Paco Martín a partir das fotografías de Daniel Puente Bello. Foi Xabier DoCampo, autor do epílogo da obra, quen chufou aos autores e salientou a súa singularidade. Comezou DoCampo confesando que o libro lle fixera moita graza: “Comprobei que tiña razón miña nai cando dicía que os de Lugo tiñan unha forma distinta de levar os paraugas, debaixo do brazo e co picho cara arriba”. Sinalou a seguir Xabier que “o libro era moi cunqueirán” e “que non puidera evitar lembrar na lectura “os quitasoles de Merlín e familia, branco, marelo e colorado, baixo os que sucedían grandes prodixios, quitaban o sol e as tebras, xa que pola noite deitaban luz”. “De paraugas é un libro que escribiría Cunqueiro, se hoxe vivise. Cunqueiro estaría presente nestas páxinas polo feito de entender a existencia dunha relación entre galegos e galegas que teñen un xeito de ser e as literaturas que nos contan. Se as nosas vidas non se fan relato, é coma se non existisen. Se Cunqueiro ten hoxe un continuador, ese é Paco Martín, sobre todo nesa medida tan difícil que é a narración breve, a que está máis próxima á poesia”.

XG00259401Sinalou Xabier que no libro había “un humor manifesto e declarado que vai máis alá do sorriso, xa que provoca as gargalladas”. “Un libro nacido das fotografías de Daniel e que Paco conectou cada unha delas cunha súa imaxe mental que axiña lle disparaba unha historia, algunhas vividas por el, outras relacionadas con ese mundo que lle apasiona que é o dos paraugas”. Rematou DoCampo referíndose ao “paraugas comunal”, “aquel que é de todos cando chove a cachón”. “Neste libro os paraugas dan para moitas anécdotas, pero se converten en literatura”. “De paraugas é un libro que se desfruta en cada parágrafo, que emociona cada páxina, é unha auténtica delicia”. Pola súa banda, Daniel Puente relatou como xurxiron as fotografías, “froito dun camiño de observación do xeito que a xente leva os paraugas, sobre todos nas feiras, como as de Parga e Guitiriz”. Mentres que Paco Martín advertiu que “este era un libro de paraugas no que non chove, que é cando o paraugas ten personalidade propia, o que permitiu que o libro tivese certa graza”.

Onte 302: Xardín de inverno

Aproveito as primeiras horas do serán da fin de semana, tras unha intensa reunión da Fundación Premios da Crítica Galicia, para dedicalas á lectura de Xardín de inverno, o libro de poemas de Ledicia Costas ilustrado por DNL e editado por Everest na súa colección Punto de Encontro. Un volume fermoso, moi fermoso, tanto polos poemas de Ledicia, como polas fotografías e o deseño dos interiores preparado por Daniel Puente Bello (DNL), dous dos artistas mozos cuxo traballo máis me ten sorprendido e impactado nos últimos meses. Ledicia escribe dende a desolación que lle produce a morte da avoa («aquel día o ceo tinguiuse de espanto»), escrutando nos territorios da memoria da infancia («por iso decidín empezar a construír / e inventei o xardín de inverno: / para gardar a tristura en bolsas de chuvia / e manter á mala sorte ben afastada de nós»). Versos nus de retórica («daquela a vida doeu tanto, / que quixen aprender a camiñar cara atrás / para non perdela nunca de vista») que facilitan unha viaxe expiatoria («quedo bloqueada na expresión do seu rostro») e superadora da ausencia («a miña avoa morreu / levou con ela o corazón figueira / a súa sombra de estío»). Un texto emocionante, conmovedor, mesmo nalgúns versos terrible, mais que tamén ofrece gromos de esperanza. As fotografías coidadísimas de DNL –empregando as posibilidades dos macros e das transparencias, esculcando coa precisión dun cirurxíán os perfís das sombras de elementos naturais e arquitectónicos– son capaces de ofrecer un discurso paralelo, transformando o libro nunha obra máis sinestésicoa ca metafórica. Parabéns a Ledicia e Daniel e, tamén, a miña admirada Irene Penas Murias, unha editora extraordinaria capaz de xuntar a ambos os dous talentos. Beizóns para todos os tres!!!