Está vendo o arquivo da categoría » contaminación_luminosa

Calidade da noite

bretemas —  25 de Abril de 2017 — 1 Comment

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo á problemática da contaminación luminosa, ao fío da creación de Calidade da noite, o foro galego portugués polo fomento do patrimonio natural e cultural nocturno.

Vigo_noite

Na actualidade só de forma moi excepcional é posible contemplar dende unha cidade como Vigo un ceo nocturno estrelado. Impídeo o emprego abusivo da luz artificial que provoca un aumento do brillo da atmosfera e, como consecuencia, o incremento do brillo do fondo do ceo e a desaparición da nosa vista dos obxectos celestes que, como a Vía Láctea, forman a paisaxe nocturna que acompaña a humanidade desde as súas orixes. Bautizado como contaminación luminosa, este fenómeno que afecta como un veleno tan sutil como inocuo ao 99 % das poboacións de Estados Unidos e Europa e ao 80% do resto do mundo, que viven baixo ceos nocturnos contaminados de luz, ten efectos moi nocivos. Sobre o  futuro do planeta, na medida que supón un desbaratamento de consumo enerxético e un incremento das emisións de CO2, con inevitables consecuencias sobre o cambio climático. Perigosos para saúde dos propios individuos, xa que altera o seu reloxo biolóxico e modifica a secreción de melatonina, provocando problemas de insomnio e posibles desordes cognitivas e emocionais. Daniños sobre o equilibrio do medio natural, das súas especies, dos seus hábitats e paisaxes, ameazadas pola ruptura do ciclo natural de luz e escuridade.

Abonda con gozar da experiencia extraordinaria e inesquecible de vivir unha noite estrelada nas illas de Cíes e Ons para comprender como un ceo estrelado se ofrece dende a antigüidade como a maior biblioteca do mundo.  Sabemos que as estrelas guiaron durante séculos a navegantes e exploradores e que a noite posúe luz propia que orientou aos seres humanos de todas as épocas e xeografías. O escritor Agustín Fernández Paz lembrou en novelas memorables como Desde unha estrela distante (2013) ou Lúa do Senegal (2009) que por riba das procedencias xeográficas como dos valados que pretenden separarnos todos os seres humanos compartimos idéntico ceo estrelado e un mesmo corno da lúa onde prender os nosos degoiros. Un ceo que dende hai un milenio orientou aos peregrinos camiñantes por Europa e que hoxe auxilia aos refuxiados das guerras esquecidas do continente africano ou das de Siria e Iraq. Os seres humanos común temos o ceo, reescribindo o verso de Celso Emilio Ferreiro,

E por ventura tanto é así que a contemplación do ceo estrelado debe ser recoñecido como un dereito inalienable da humanidade, equiparable ao resto dos dereitos ambientais, sociais e culturais, como propón a histórica Declaración da Palma de 20 de abril de 2007, asinada por representantes da UNESCO e doutras axenciais científicas internacionais. A visión da luz das estrelas foi ao longo da historia, e deberá continuar sendo, unha inspiración para todos os seres humanos, como a súa observación representou un elemento esencial para o desenvolvemento cultural e científico de todas as civilizacións. Declaración da Palma asumida na súa integridade e de forma unánime polo Parlamento de Galicia na súa declaración institucional de 29 de setembro de 2015,  que reclama o control da contaminación luminosa en todo o territorio galego, a protección da saúde dos cidadáns e dos ecosistemas nocturnos,  así como o acceso ao ceo estrelado e a incorporación da Astronomía e dos valores científicos e culturais asociados a ela na actividade educativa.

O noso país non é alleo a esta mancha de luz nocturna que impide a visión das estrelas. Para Salvador Bará, coordinador do laboratorio de contaminación luminosa da Universidade de Santiago, en Galicia desbaldimos o 30 % da luz artificial nocturna dirixíndoa cara o ceo ou a puntos mortos. Un verquido de luz que se intensifica en cidades como Vigo, que conta con 45.000 puntos de luz, o que supuxo no ano 2015 unha factura de consumo eléctrico de 2,5 millóns de euros, unha cantidade anual importante, a pesar dos aforros obtidos pola posta en marcha do plan de eficiencia enerxética e de renovación da rede de alumeado público con lámpadas LED.

E a cerna desta deboura, segundo “Calidade da noite”, o Foro galego-portugués polo fomento do patrimonio cultural e ambiental nocturno, recentemente constituído por colectivos e persoas preocupadas pola contaminación luminosa, estaría en que os nosos concellos asumisen os principios dun uso responsable da luz artificial. Do que se trata é de iluminar onde sexa necesario e facelo sen derramar luz en espazos adxacentes nin enviar luz cara o ceo. Iluminar cando se precise, sen ter a luz permanente acendida, e facelo co nivel de intensidade e co espectro (cor) adecuados, sinalados polos especialistas. En definitiva, á hora de establecer as políticas de iluminación pública, os concellos, ademais dos criterios de eficiencia enerxética, deben asumir os de redución da contaminación luminosa.

Recibimos noticia do noso amigo Martin Pawley, membro da Agrupación Astronómica Coruñesa, da publicación da versión galega de Losing the dark, un documental de seis minutos e medio sobre a contaminación luminosa e a reivindicación do dereito a gozar dun ceo nocturno limpo. Un excelente recurso didáctico para abordar a defensa da observación dun ceo limpo como un dereito da humanidade ademais dun xeito de reducir o consumo de enerxías fósiles. Esta loita contra a contaminación luminosa contribúe, tamén, unha importate redución do custe enerxético. A este teor, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío estima a redución en Galicia de 30 millóns de euros anuais, só dous na cidade de Vigo. Non teño dúbida que o emprego máis racional e austero da luz artificial e o combate da contaminación luminosa, como sucede nos países do norte de Europa, é un asunto que con rigor e espírito construtivo debería ser incorporado na nosa axenda pública.

Ano Internacional da Luz

bretemas —  22 de Setembro de 2015 — Deixa un comentario

No artigo da semana no Faro de Vigo, a partir dun xantar co doutor Tomás Camacho, reflexiono sobre a celebración de 2015 como Ano Internacional da Luz.

Efiener-investiEspaña-CitiestaNighint2A pasada semana coincidín nun xantar co doutor Tomás Camacho García, o director médico do Laboratorio Lema e Bandín da rúa Lepanto. Toxicólogo clínico, colaborador da NASA no estudo das repercusión de tóxicos sobre os astronautas, Camacho é un dos científicos vigueses de prestixio internacional (e por ventura hai uns cantos na nosa cidade). A súa colección de microscopios, máis de duascentas pezas, representativas das diversas tipoloxías da historia deste aparello, iniciada hai quince anos nunha estancia na Universidade de Harvard, é unha das máis valiosas e recoñecidas do mundo. Nese xantar inesquecible, quedamos engaiolados cos seus relatos científicos, narrados coa facilidade e a sinxeleza dos sabios, sobre as causas dalgúns accidentes aéreos, a orixe do erro humano, a síndrome da quenda de noite, as razóns do envellecemento ou a estremecedora afouteza dos astronautas que se propoñen como pioneiros para as primeiras viaxes a Marte. Porén, o que nos rendeu foi o relato con tintes novelescos da rocambolesca adquisición en ebay do seu último (e máis importante) microscopio.

Unha peza do século XVII, que apareceu enterrada nas lameiras das canles de Delf, a cidade holandesa onde naceu o pintor Veermer. Un microscopio de trescentos aumentos do tamaño dun maimiño que pertenceu a Antonni van Leeuwenhoek, lembrado como o inventor e fabricante deste microscopio excepcional que permitiu observar por vez primeira os espermatozoides, abrindo así a microbioloxía. Unha peza orixinal, de incalculable valor, unha das nove existentes no mundo, que nos últimos meses foi solicitada para ser exposta en diversos lugares do mundo, mais que polo momento non tivo acomodo en ningún dos museos vigueses nin galegos.

O microscopio de Leeuwenhoek e o Libro da Óptica publicado en 1015, hai xusto mil anos polo basorí Alhacén, representan dous fitos senlleiros na historia da óptica, a disciplina que se desenvolveu desde que o científico musulmán acreditou que a luz procedía do Sol e os obxectos apenas a reflectían. Xaora, un exemplar do libro do basorí e o microscopio do holandés propiedade de Camacho son as dúas pezas principais da exposición aberta na sede central da UNESCO en París para celebrar o Ano Internacional da Luz e das Tecnoloxías baseadas na Luz.

Declarada polas Nacións Unidas na súa 68ª Asemblea Anual, esta efeméride pretende salientar ao longo deste ano 2015 o papel fundamental da luz e das súas tecnoloxías en todas as actividade humanas, sexan económicas, científicas, educativas como artísticas. Na luz está a orixe da vida, a principal fonte de enerxía do planeta, e nas súas aplicacións científicas nos eidos da enerxía, a enxeñaría, a arquitectura ou a medicina algúns dos inventos que revolucionaron a sociedade nos últimos dez séculos.

Na luz está tamén a fascinación compartida polos seres humanos por fenómenos como a aparición do arco da vella ou a observación dos abrentes e solpores que por repetidos cada día non semellan menos sorprendentes. Na luz está o ADN das belas artes, dende a pintura á escultura, con especial incidencia nas artes contemporáneas como a fotografía, o cine, a vídeocreación. Como dende a invención do láser e o desenvolvemento da fotónica, as novas tecnoloxías asociadas coa luz facilitan a fabricación de novas fontes de luz eficientes, a súa utilización como instrumentos científicos, melloran as comunicacións por medio de redes ópticas e as utilidades en disciplinas como a biomedicina, sexa na imaxe diagnóstica como na propia cirurxía.

Ninguén pode dubidar que a luz afecta as nosas vidas. Tamén cando o abuso da súa presenza nocturna se transforma en contaminación luminosa, que impacta de forma negativa sobre o medio ambiente e impide a contemplación do ceo nocturno estrelado, que debe ser considerado como un dos dereitos da humanidade. Contaminación luminosa que constitúe aínda un asunto non valorado como merece polos poderes públicos, sexa polos seus efectos sobre a saúde das persoas, ao desaxustar o reloxo biolóxico e inhibir a secreción de melatonina, que regula importantes función vitais; pola alteración que provoca na migración das aves ou na vida dos insectos; como polo despilfarro enerxético antiecolóxico (tamén económico) que para os concellos supón esta sobreiluminación nocturna.

O emprego máis racional e austero da luz artificial e o combate da contaminación luminosa, como sucede nos países nórdicos, é un asunto que con rigor e espírito construtivo debería ser incorporado na nosa axenda pública. A iniciativa da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío para que o Parlamento de Galicia aprobe unha declaración institucional en defensa do ceo nocturno constitúe un fito que non debe pasar desapercibido na celebración deste Ano Internacional da Luz.

img_19330Esa fonte de coñecemento que é Martin Pawley desvelounos unha iniciativa da Agrupación Astronómica Coruñésa Ío para que o Parlamento de Galicia faga unha declaración institucional en defensa do ceo nocturno, na liña da «Declaración de la Palma» (207). Esta é unha cuestión referida tanto a un dos dereitos da humanidade, o de contemplar un ceo nocturno non contaminado, como á necesidade de que os poderes públicos aproben normas que controlen a contaminación luminosa, dado o impacto que xera sobre o medio. O emprego máis racional e austero da iluminación artificial, como sucede nos países nórdicos, para minimizar o resplandor que provoca no ceo e os seus efectos sobre os seres humanos e o medio natural, debería exixirse ás nosas institucións como ás entidades privadas. Reivindiquemos e traballemos a prol deste dereito que permite o gozo da observación dun ceo limpo.