Artigos

Onte 1950: En “Luar” con Matilde Felpeto

Por vez primeira formei parte onte do público de Luar, acompañando a Matilde Felpeto quen non transcurso do programa especial con motivo da Festa do cocido, xa á altura da unha da mañán, recibiu das mans de Rafael Cuíña, o alcalde de Lalín, o primeiro premio do Álvaro Cunqueiro de cultura gastronómica 2018 pola súa monumental Cociña galega tradicional, unha desas obras que constitúen unha fachenda para o editor.

A pesar das case cinco horas no Plató 1000 de Montouto e dunha temperatura máis ca fresquiña foi unha experiencia interesante da que conservarei grata lembranza. En todo momento fascinoume a dedicación de Xosé Ramón Gayoso co público e co seu propio equipo, que me pareceu vai moito máis alá do seu protagonismo en pantalla. Sorprendeume o ritmo que lle imprime ao programa Manuel Abad, capaz de facer compatible sen grandes fisuras a actuación das Supremas de Móstoles (vaia por diós!) coa do mestre Pablo Milanés; a presentación do veteranisimo Xosé Luís Blanco Campaña, inzada da vella retórica radiofónica, dunha versión galega de «Cocidito madrileño» de Ana Iglesias coa actuación estelar (en play back) da orquestra folk Son de seu; ou conseguir minutos de television memorables coa participación de Celso Fernández Sanmartín, para min hoxe o noso contador referencial, ou de Federico Pérez, todo un mestre da retranca.

Sei que non é doado explicar o éxito de vinte e cinco anos da fórmula acuñada por Gayoso e Abad para Luar, aínda que semella froito dunha reflexión atinada sobre a posibilidade (e os riscos) de encaixar pezas de procedencia e estilos diversos para ofrecer un programa musical de lecer capaz de chegar e fidelizar ao público da TVG. Asumo que nunca está de máis participar nestas experiencias estrañas que axudan a comprender mellor o qué e o cómo da TVG, non o esquezamos, a primeira industria cultural en lingua galega, unha alfaia sempre en risco.

Onte 1249: Resistir pola lingua

antipodas_lalin_27-02-2015Na presentación de Antípodas, onte no Museo Ramón María Aller de Lalín, Xosé Vázquez Pintor reclamou a necesidade de «resistir pola lingua, non renunciar nunca ao noso primeiro patrimonio». Xosé Crespo, o alcalde de Lalïn, na súa intervención para pechar o acto, colleulle a luva a Pintor e fixo un longo discurso sobre a situación actual da lingua galega, sobre a que confesou era por primeira vez moi pesimista. Recoñeceu que cada vez son menos os mozos de instituto en Lalín que falan galego e atribuíu a responsabilidade do caso ás familias, mesmo ás que se declaran galeguistas, que non se ocupan de transmitir o galego dende o berce. «As familias poden facer moito máis polo galego cas escolas», afirmou Crespo, para expresar despois a súa decepción de non poder facer máis dende o concello pola causa do galego. Quedoume claro que o discurso de Xosé Crespo será a partir de agora o que escoitaremos decote nos beizos dos responsables do Partido Popular de Galicia. Quedará algún espazo para a autocrítica e a corresponsabilidade sobre os efectos que o decreto de plurilingüismo provocou nos prexuízos e valoración social do galego?