Listado de la etiqueta: concello_de_carballo

Onte 1419: Praza dos Libros

praza_dos_libros_carballoAcompañamos onte a Manuel Rivas no recital na Praza dos Libros de Carballo con motivo da publicación do seu último libro de poemas A boca da terra. Son admirador desta novidosa feira do libro, organizada polo concello de Carballo co apoio de entidades privadas como conservas Calvo, que nesta edición (e cremos que por vez primeira) aparece co subtítulo de «Feira da creatividade cultural de Carballo», co que pretende ampliar o seu contido máis alá da lectura. Ás presentacións literarias engadíronse varios concertos de música infantil, unha sesión vermú do grupo Chicharrón e un gran peche a cargo de Poetarras. O éxito do modelo municipalista de Carballo (unha fin de semana de catro xornadas, nas que a lectura e a música ocupan con protagonismo o espazo público), como o das feiras do libro de Cee, Viveiro ou Foz, que se celebraron nestas dúas últimas semanas, deben axudar no redeseño das Feiras do Libro de Galicia do vindeiro ano, que sabemos xa está en marcha.

Onte 1400: Apego, que o seu nome sexa propio

logo_completo_apegoReparei onte por un chío da Coordinadora de ENDL no magnífico texto das recomendacións do programa Apego para axudar en tan importante decisión como é a de escoller nome dun fillo ou filla. Co agarimo e rigor co que está concibido todo este programa socioeducativo, dirixido ás familias que deciden que o galego teña un lugar nas súas vidas, o texto propón que cada familia valore a posibilidade de poñerlle un nome en galego pola orixinalidade, atractivo e o seu carácter propio, o que contribuiría a súa diferencia dentro da sociedade global. Como nomes en galego hai moitos, «e bonitos e orixinais», o programa fai unha ampla proposta deles, dando conta da súa orixe e significado.

Recomendo compartir no eido educativo os excelentes contidos de Apego, «un programa colectivo creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial», que nestes momentos desenvolven os servizos de normalización lingüística de trece concellos (Ames, A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo) e a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua. Ben sería que tras a constitución de novas corporacións en concellos e deputacións, se incorporasen novas entidades a este programa de esperanza para a lingua galega.

Onte 1274: «Apego»

falalle_galegoÉ un gran noticia para o idioma que doce concellos (entre eles Vigo, Ferrol, Santiago, Ourense, Redondela, Narón e Carballo), gobernados por diversos partidos, acordasen poñer en marcha o programa «Apego» coa intención de mellorar a socialización en galego de forma temperá. Un proxecto colaborativo ilusionante, desenvolvido dende os servizos de normalización lingüística de cada concello, coa intención de anosar o sentimento de apego para o galego, mais tamén como sintagma de afecto e simpatía na familia, como alicerce do desenvolvemento social e emocional dos menores de seis anos no seu entorno. Como sucedera hai trinta anos con aquela inesquecible campaña de «Fálalle galego», «Apego» é unha iniciativa chamada tamén a deixar pegada e emoción, a abrir un camiño novo nun momento decisivo para a lingua, para a recuperación de falantes no entorno familiar e para desfacer tantos prexuízos existentes no ámbito do público. Beizóns para as profesionais que a promoveron.

Onte 1234: «Parabéns para ti!»

Como en tantas outras ocasións son o concello de Carballo e a Mesa os promotores dunha valiosa iniciativa normalizadora: un videoclip para facilitar que nenas, nenos e maiores celebren e feliciten os aniversartios en galego.

Temos, pois, xa unha letra que facemos nosa para cantar en todos os aniversarios no momento emocionante de apagar as candeas coa familia ou compartir nas aulas a felicidade de engadir un ano máis na nosa vida:

Parabéns para ti / parabéns para ti / desexámosche todos/as  / parabéns para ti.

Parabéns para ti / nesta data querida / Moitas felicidades / Moitos anos de vida.

Hoxe é día de festa / cantan as nosas almas / para ti que hoxe é o teu día / unha salva de palmas!

Parabéns aos promotores e participantes na gravación dunha peza concibida para celebrarmos e compartirmos a vida na lingua de noso. Que rode!

Onte 860: O mellor que temos para quen máis queremos

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza dende hai tres anos un obradoiro de nanas impartido por Xabier Díaz e Guillermo Fernández. O arrolo (ou cantigas de berce, nanas ou anainas) é unha forma musical universal que dende os primeiros días permite transmitir a quen máis queremos o noso latexo, a nosa calor, o noso afecto, o noso cariño, a vibración e a prosodia do noso idioma nun contexto de crianza e acompañamento da maternidade e de educación respectuosa. O arrolo é vínculo, ponte de dozura e afectividade, un xeito tamén de estimulación sinestésica e psicomotriz temperá das crianzas. Este obradoiro de arrolos é unha iniciativa, coma outras actividades deste servizo modélico de promoción e activación do galego, que merece toda a nosa admiración e beizón.