Está vendo o arquivo da categoría » concello_da_coruña

Quixen agardar ao treito final desta edición da Feira do Libro da Coruña para a expresar a miña decepción polo modelo de organización das súas actividades. Por vez primeira existiron dous programas paralelos nos Xardíns de Méndez Núñez, o organizado pola Federación de Librarías de Galicia no espazo que os editores bautizamos como «a lata», e o promovido polo concello da Coruña na «Carpa das Librarías» e no «Xardín dos Libros», un espazo teatral de contacontos. Sen entrar na valoración polo miúdo dos contidos de ambos os dous programas, considero un importante avance a implicación da Concellaría de Cultura, Deporte e Coñecemento na organización da que é por participantes e volume de vendas a primeira das feiras do libro de Galicia, como tamén creo moi valiosa a existencia dun programa en lingua galega especificamente dirixido a público infantil. Como sei que é relevante que un numeroso colectivo de librarías coruñesas participen na feira da súa cidade e pretendan mellorala coas súas iniciativas.

Porén, o que creo a todas luces fóra de lugar é preparar nunha mesma feira dous programas distintos de actividades e arranxar dous espazos (a lata e a carpa) con moi diferente dotación de medios e comodidades, tanto para os oradores como para o público. Como a estas alturas xa non é aceptable a escasa presenza de actividades arredor dos libros editados en galego na Carpa das Librarías, cuxo programa estivo centrado en boa medida en conversas con autores e autoras de fóra de Galicia convidados expresamente polo concello da Coruña. Como tampouco é comprensible a insoportable interferencia sonora entre o que sucedía na «lata» e na carpa, que incomodou aos oradores e dificultou ao público o seguimento dos actos simultáneos. Como tampouco foron moi exitosas as sesións de asinaturas nas librarías, un modelo importado da Feira de Madrid, que nas feiras galegas, con algunhas moi honrosas excepcións, semella polo momento destinado ao fracaso.

Teño insistido na necesidade de virar completamente a deriva das Feiras do Libro de Galicia, como sei das enormes dificultades de facelo, ao que non son alleos a rixidez dos criterios dos actuais responsables da Federación de Librarías de Galicia. Mais isto non xustifica en caso ningún que non se puidese ter chegado a artellar entre Concello e Federación unha programación única dirixida ao público familiar e literario, mesmo para ser desenvolvida en diversos espazos mais todos cun mesmo deseño e semellantes condicións de comodidade. O modelo biface de organización da edición da feira que está a piques de finalizar foi un rotundo fracaso, confundiu a moitos lectores e lectoras, decepcionou con razón a moitos autores e autoras e editoras galegas, xa que puxo en plano de clara inferioridade ao libro galego, a pesar de que polos datos que recabei foi o protagonista comercial e cultural da primeira parte da feira.

Tras todo o sucedido nas Feiras do Libro de Galicia deste 2017 estou convencido de que o futuro deste periplo pasa pola súa refundación polo conxunto do sector do libro (librarías e editoras), contando co apoio da Consellaría de Cultura e Educación e dos diversos concellos, así como co protagonismo tanto dos libreiros locais e daqueloutros que participan na maior parte delas. As feiras do libro de Galicia, ou como se queiran chamar en cada cidade, continúan sendo imprescindibles para a visibilización do libro e da lectura no espazo público. Nesa angueira colectiva todas as mans son necesarias. Paga a pena un esforzo compartido de debate no sector sen exclusións nin límites para evitar a súa desaparición.

Guardar

Día de Lugrís

bretemas —  8 de Abril de 2015 — 1 Comment

No artigo da semana de Faro de Vigo volvo sobre a necesidade de forxar un novo modelo de relacións entre A Coruña e Vigo.

A pesar de que en campaña electoral sei que case todo se perdoa, non comparto a estratexia de buscar a palla no ollo alleo e non sacala do propio. Recorrer no pleno a denunciar o comportamento do grupo municipal do Partido Popular nas contratacións no concello da Coruña, onde se apunta a existencia de decenas de enchufes, non engade transparencia ningunha ao que no mesmo terreo se fai en Vigo e moito menos aclara diante dos vigueses o feito de que estean imputados por unha razón semellante varios funcionarios e unha familiar dun membro do equipo de goberno. Como non axuda a aumentar o número de destinos e frecuencias de Peinador denunciar que o concello da Coruña dopa ás compañías aéreas con fondos destinados á promoción turística. Como tampouco perdimos a caixa de aforros por culpa da Coruña… Por moitas voltas que lle deamos a este rodicio, non ten xeito ningún buscar as causas das eivas viguesas a cento sesenta quilómetros, cómpre abandonar de vez esa vella e reaccionaria estratexia romántica do duelo.

Erra Abel Caballero nas súas intervencións reiterando “o argumento coruñés” para incrementar o valor das súas actuacións, xa que afonda nesa estratexia tan resesa de rivalidade territorial utilizada até o delirio polo alcalde coruñés Francisco Vázquez. Lembremos que baixo o lema “Vigo no”, que popularizaron de forma irresponsable algunhas peñas deportivistas, agochábanse as carencias propias da cidade herculina que durante as case dúas décadas de vazquismo tivo bastantes máis ollos ca barriga. Unha absurda confrontación Coruña versus Vigo irraccional, na que se apela máis a emocións ca argumentos, na que quizais a curto prazo quen a emprega consegue cohesionar aos seus valedores, mais a longo achega moi escasos réditos, agravando os conflitos con novas e máis profundas feridas.

Aposto por abandonar esta estratexia cainita da rivalidade territorial A Coruña-Vigo, deixándoa apenas para os derbis futbolísticos, e substituíla pola da competencia e a da colaboración entre as dúas cidades portuarias. Trataríase de mudar os sintagmas da negación polos de carácter positivo, os vinculados ao estímulo, á emulación e á cooperación. Na dinámica do mapa das cidades do arco atlántico europeo as áreas metropolitanas de Vigo e A Coruña, os dous músculos da demografía e economía galegas, non poden continuar nin viradas de costas nin sometidas aos intereses curtopracistas das súas elites políticas. O Vigo do século XXI debe tender pontes máis alá de Rande competindo e colaborando, primeiro con Pontevedra, cidade que pertence a súa mesma rexión urbana, máis tamén con Porto e A Coruña, cidades das que ten o privilexio de ser equidistante, o que supón un valor engadido de centralidade neste Eixo Atlántico peninsular, que debería ser aproveitado.

Competir e colaborar entre cidades obriga a planificar e compartir esta estratexia, a irmandar e achegar ás poboacións e, sobre todo, a valorar e recoñecer as fortalezas e as feblezas de cada unha. Vigo ten moito que aprender da Coruña, de Porto e Pontevedra, as súas tres cidades de referencia, as tres con importantes proxectos de rexeneración urbana. Vigo ten moito que aprender das fortalezas da Coruña de entre séculos, capaz de abrir un formidable corredor peonil a beiramar, de especializarse en museos de ciencia e tecnoloxía, e tecer unha rede de bibliotecas municipais e centros cívicos (Fórum Metropolitano, Ágora…) que a sitúan como modelo indiscutible. Como Coruña ten moito que aprender dun Vigo que na difícil contorna da crise foi capaz de modernizar e sanear o seu viario urbano e periurbano, rexenerar o seu Casco Vello ou constituír a súa Escola Municipal de Música Tradicional en referente internacional deste eido.

lugris_o_cuarto

As corporacións de Vigo e da Coruña elixidas en maio deberían ter a afouteza de asumir esta estratexia de colaboración na competencia. Mais aínda cando ambas as dúas cidades teñen a medio prazo un futuro incerto, tanto polos efectos do tremendo devalo demográfico coma polo devir dos seus sectores principais (textil, automoción, pesca, naval e turismo). Coma fixeron Celta e Deportivo esta semana santa compartindo autobús para o desprazamento á meseta dos seus equipos da canteira (unha iniciativa marabillosa!), sería xenial que as novas corporacións asumisen decontado o reto de colaborar e compartir actividades culturais e deportivas, un motivo excelente para que a veciñanza viaxase de aquí para acolá coas facilidades do novo tren atlántico. Xaora, se os concellos queren recuperar o tempo perdido, poderían celebrar conxuntamente unha efeméride. Entre as posibles, propoño que estuden a do 28 de xaneiro, data do nacemento na Coruña de Urbano Lugrís, o xenial pintor finado en Vigo. Día Lugrís en Vigo e na Coruña, un soño realizable.