Listado de la etiqueta: cineuropa

Vigo desaparecida

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a analizar a situación da cidade de Vigo desaparecida do Informe sobre a cultura en España en 2018 elaborado pola Fundación Contemporánea de La Fábrica:

Lin esta semana «La Cultura en España 2018», un informe interesantísimo preparado pola Fundación Contemporánea de «La Fábrica», entidade creada coa intención de contribuír ao desenvolvemento profesional do sector cultural en España, para o que desenvolve actividades de encontro, formación, análise e apoio a emprendedores. Unha esculca confeccionada a partir das escollas realizadas por un milleiro de expertos dos diversos eidos da cultura, tanto nos ámbitos da actividade privada como da xestión pública. Un informe no que se clasifican as comunidades autónomas e as cidades españolas no que se refire ao seu momento actual de creación e repercusión internacional nos diversos eidos da cultura, dende a gastronomía e o deseño (as manifestacións culturais hoxe máis valoradas en España), pasando pola literatura, moda, fotografía e arquitectura, até as artes plásticas, teatro, danza, vídeo arte e música clásica, contemporánea e popular.

Un observatorio de referencia no seguimento da actividade cultural en España, dende que comezou a ser publicado en 2009, no que a nivel de Comunidades Autónomas, Galicia ocupa en 2018 a sétima posición, na metade da táboa, nun ránking encabezado pola Comunidade de Madrid, Euskadi, Cataluña, Andalucía, Comunidade Valencia e Castela e León. Clasificación que a nivel de cidades pola calidade e innovación da súa oferta cultural encabezan Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia, Málaga, Sevilla e Donostia e na que dentro das primeiras trinta e dúas citadas só aparecen dúas galegas: Santiago de Compostela, na décimo segunda, e A Coruña, na décimo quinta. Unha táboa da que en 2018 forman parte cidades como Xixón, León, Cáceres, Cuenca, Segovia, Gasteiz, Alacante ou Logroño, da que Vigo desapareceu en 2011, cando ocupaba a décimo sétima posición, e da que formaba parte dende o primeiro informe, como décimo quinta cidade pola innovación da súa oferta cultural.

Ránking tamén dos acontecementos e institucións culturais mellor valorados de 2018, encabezado polo Museo do Prado, o Museo Reina Sofía, o Museo Guggenheim, o Teatro Real e o Festival de Cine de Donostia, e no que non aparece referencia ningunha a Galicia nunha relación de 75. Xaora, por ventura, existe unha táboa específica de mellores eventos e acontecementos culturais en Galicia do ano 2018 encabezada por (S8) Mostra de cinema periférico (A Coruña), Culturgal. Feira das Industrias Culturais (Pontevedra), Cineuropa (Santiago) e Resurrection Fest (Viveiro). Relación que até trece referencias se completa co Festival Noroeste (A Coruña), Festival Sin Sal de San Simón (Redondela), Teatro Rosalía de Castro (A Coruña), MAC. Museo de Arte Contemporánea (A Coruña), Cidade da Cultura (Santiago), WOS Festival (Santiago), Auditorio de Galicia (Santiago), FIOT. Festival Internacional de Teatro (Carballo) e Corto Circuíto. Festival Internacional de Cine (Santiago).

Clasificacións diversas, que recoñecen a excelencia e o atractivo da oferta cultural en toda a súa diversidade nas que chama poderosamente a atención que non apareza por ningures referencias a institucións ou acontecementos culturais celebrados na cidade de Vigo. Unha desaparición en toda regra que constitúe outro síntoma do triste devalo cultural  da cidade que durante décadas encabezou no século XX o dinamismo da creación cultural en Galicia, liderado que sempre lle foi recoñecido en España, onde era considerada unha referencia. Unha ausencia que obriga a todas as administracións que operan sobre a cidade, dende o concello, a deputación e á Xunta de Galicia e Goberno de España, a reconsiderar a súa estratexia cultural, absolutamente incompatible cunha cidade que leva a anovación cultural no seu ADN e que por ventura e contra vento e marea continúa sendo a capital editorial de Galicia e un dos referentes de edición máis dinámicos da península.

Ben sei que as razóns deste devalo obedecen a causas diversas, ás que non alleas nin o conformismo no que caeu o sector da cultura como a ausencia de políticas culturais públicas estratéxicas, compartidas de forma corresponsable polas diversas administracións e xestionadas de forma autónoma polos profesionais. Abonda con rañar unha miguiña nos conflitos do MARCO, do Centro de Arte Fotográfica, do Marisquiño ou da imposibilidade de pór en marcha a Biblioteca do Estado, para comprender que na cultura en Vigo hai que volver a colocar o contador a cero. Se queremos regresar ao ránking das cidades españolas que contan algo en cultura (non fai falta ser a primeira do mundo), Vigo debe compartir un proxecto plural, participado e profesional no que se xoga a súa identidade e lextimidade para liderar o proxecto comunitario galego e atlántico. No eido cultural, outro Vigo é posible, claro que si.

Onte 1527: Cineuropa e Curtocircuíto

cortocircuitoNon debería pasar desapercibido o feito de que este ano fosen recoñecidos os dous festivais de Compostela: Cineuropa co Premio da Crítica Galicia 2015 de Iniciativas Culturais e Curtocircuíto co Premio do Público de Culturgal 2015. Dous premios honoríficos que salientan a importancia de senllas iniciativas de difusión e promoción do cine independente converténdoo nun eixo dunha proposta cultural de interese para a cidadanía, dende unha perspectiva local e global.

Tanto Cineuropa coma Curtocircuíto, ademais da excelencia e actualidade da súa programación, foron capaces de crear coa súa continuidade teimuda no tempo unha nova tradición. Como tamén ambos os dous festivais ampliaron as súas actividades a varios espazos da cidade e pretenderon a integración de públicos diversos arredor de propostas atractivas para audiencias de idades e intereses tamén diversos. As actividades arredor do cine funcionan como facilitadores dun xeito novo de facer unha cidade inclusiva. Xaora, o feito de recoñecer en Galicia (por fin!) as iniciativas cinematográficas constitúe un valor engadido para os propios premios e as entidades que os outorgan. Foi en Compostela un ano de cine. Abeizoamos aos directores e equipos técnicos de Cineuropa e Curtocircuíto, como ao concello de Compostela polo esforzo que supón mantelos e potencialos.

Onte 1496: Premios da Crítica Galicia

Outro ano máis, e van trinta e oito edicións, o xantar no que se coñeceu o ditame dos Premios da Crítica Galicia serviu para tomarlle o pulso a saúde das nosas creadoras e industrias culturais. E abofé que constituíu un bo exercicio de autoestima, respecto e pluralismo, actitudes de construción colectiva das que tanto precisa o país de noso. Bieito Ledo, o presidente da Fundación, resumiuno cunha das súas frases de retranqueira ourensanía: «Cando todos os galegos deixemos de pedir perdón por que chove, Galicia será nosa.»

No que atinxe aos premios, os xurados das sete modalidades salientaron a calidade e excelencia dos traballos de Agustín Fernández Paz (galardón recollido de forma moi emocionada pola súa amiga María Xesús Fernández), Xosé Ramón Pena, Cineuropa, Xaquín Marín, Guadi Galego (recollido pola súa compañeira Clara Pino), A Panadaría Teatro e Miguel Vila «Colineta». Como tamén volveu quedar clara a necesidade de dividir a modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais en dúas, como a de Investigación, nunha de de ciencias experimentais e tecnoloxía e noutra de ciencias humanas e xurídico-sociais. Agardemos poder incorporalas na vindeira edición, se contamos con recursos suficientes.

Onte 1150: «Diario Cultural»

Culturgal outorgou onte a Diario Cultural o seu premio do público deste 2014 co que recoñece un proxecto cultural destacado no ámbito social a través da participación popular. Xaora, foron máis de oitocentas as persoas que escolleron entre o programa da radio pública galega, o festival Cineuropa e Viñetas desde o Atlántico. Este recoñecemento ao programa dirixido por Ana Romaní dende hai máis de dúas décadas amosa que a información cultural galega diaria interesa a unha ampla franxa da audiencia. Como tamén se premia o seu carácter de espazo de referencia da nosa produción cultural con protagonismo destacado para a crítica literaria, teatral, musical e artística. Sen esquecer o de ser plataforma para a creación cultural, con iniciativas destacadas como a convocatoria do premio de teatro radiofónico (capaz de reinventar este xénero en galego) ou a edición de antoloxías poéticas sonoras como Os Cantares de hoxe. Parabéns a Ana Romaní e o seu equipo por tan valiosa traxectoria de xornalismo cultural que xustifica un premio merecidísimo. Será unha honra entregalo en Culturgal na tarde do domingo 7 de decembro.

Onte 1142: Achégase Cultugal 2014

Culturgal_2013Faltan pouco máis de tres semanas para que abra as portas Culturgal 2014 no Pazo da Cultura de Pontevedra. O equipo de traballo dirixido por Xosé Aldea pecha estes días un voluminoso e moi diverso programa de actividades, que será presentado o venres 21 de novembro. A incorporación da cultura gastronómica como eixo transversal, así como unha novidosa exposición de artes plásticas e un vermú cultural no que estarán convidados a participar membros das directivas das diversas asociacións de creadores serán algunhas das novidades da programación dunha feira que se constrúe sobre a corresponsabilidade dos seus expositores e dos públicos que a visitan. Xaora, pódese votar até o 18 de novembro o premio do público entre tres magníficas candidaturas, Cineuropa, Viñetas desde o Atlántico e Diario Cultural. Convén, pois, ir reservando nas axendas as datas do Culturgal 2014: do 5 ao 7 de decembro.