Listado de la etiqueta: cine_fraga

Un futuro para o Fraga

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao futuro do cine Fraga:

Entre os aniversarios lembrados en Vigo este 2023, centenario do Club Celta e naufraxio do Hammonia incluídos, non poden faltar tampouco os 75 anos da creación de Refrey en Bouzas e da apertura do Teatro Cine Fraga o 27 de marzo de 1948. Celebrada cunha función de gala ás 11 da noite, aquel sábado de gloria estreouse a película española declarada de interese nacional Botón de ancla, unha produción de Suevia films do cineasta vigués Cesáreo González, dirixida por Ramón Torrado, presente nunha función, acompañado do actor  Miguel Ligero, na que se suplicaba aos espectadores que sen ser obrigado levasen traxe de etiqueta nas localidades de palcos, butacas de palco e de entrechán. Con esa pompa quería celebrar a inauguración da que se presentaba como mellor sala de Galicia, que contaba con 1.758 butacas (máis cas do actual Auditorio Mar de Vigo), o seu propietario e promotor, o emigrante carballiñés Isaac Fraga Penedo, entón o empresario máis importante de exhibición e distribución cinematográfica do noroeste; pioneiro tamén da industria do cine en Galicia, desde que en 1908 regresara da Arxentina e comezara o seu traballo como exhibidor ambulante, que xa contaba en Vigo tamén cos cines García Barbón, Odeón e Tamberlick, onde o 14 de marzo de 1930 proxectara o primeiro filme sonoro de Galicia.

Situado na rúa Uruguai, esquina con Isabel II, ao pé de onde saía o tranvía de Baiona, o edificio do Fraga, trazado polo arquitecto Luis Gutiérrez Soto en 1942, que creara na etapa anterior á guerra civil grandes cines de arquitectura moderna na Gran Vía madrileña, como o Barceló e o Europa, é unha das mostras máis significativas da arquitectura rexionalista viguesa durante a autarquía. Un proxecto ao que non foi alleo a teimosía de Isaac Fraga de crear a sala de cine máis grande e suntuosa de Galicia, na que estivesen presentes referencias da arquitectura compostelá. Unha solicitude que o arquitecto madrileño concretou no deseño dunha fachada de granito de Castrelos con balconada corrida de peitorís de ferro e decoracións neobarrocas de anxos, lazos e sartas de froitas colgando polos laterais, ao xeito das do Hospital Real, e cun ampuloso pórtico de acceso principal de formas rectangulares e frontón partido, así como polas formas renacentistas dunha galería superior de arcos entrelazados, influencia da fachada do Tesouro da catedral, e das poderosas balaustradas da coroación e os pináculos. Unha construción histórica que para Xaime Garrido e Xosé Ramón Iglesias «expresa esa liña de acentos rexionalistas que o arquitecto, por desexo da propiedade, introduce neste emblemático edificio da cidade».

Referente no lecer vigués até o peche o 28 de xuño de 2001 das entón tres salas de proxección, no patio de butacas do Fraga vivíronse horas inesquecibles para varias xeracións viguesas, dende estreas míticas como as de Foise co vento en setembro de 1951 até xornadas históricas como as de Cinegalicia en novembro de 1989 cando se estrearon as tres primeiras longametraxes rodadas en lingua galega no formato de 35 mm: Continental de Xabier Vilaverde, Urxa de Carlos López Piñeiro e Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, toda unha proeza. Como é tamén unha lembranza viguesa as horas vividas en Nova Olimpia, a discoteca que funcionou nos baixos dende maio de 1973 a agosto de 2007, escenario que inaugurou Georgie Dann e pisaron despois Tom Jones, Raphael, Massiel, Cecilia, entre outras figuras da música de finais do franquismo, renacido nos anos da movida da década de 1980.

Despois de dúas décadas das derradeiras funcións cinematográficas no Fraga e da súa adquisición por parte de Caixa Galicia para darlle un uso sociocultural, tras o comezo das obras de remodelación con esa finalidade en 2008, dirixidas polo arquitecto César Portela, interrompidas en 2011, cando xa estaban moi avanzadas, Abanca puxo en venda o edificio en 2013. Dende entón o Fraga está pechado e sen actividade ningunha, recoñecendo o seu propietario que lle procura «unha saída sostible», o que entendemos supón polo momento continuar no ostracismo, un futuro incerto que non merece o que foi un dos espazos culturais máis emblemáticos da cidade. Non é doado aventurar cal pode ser o mellor futuro para o Fraga. Teatro municipal do que Vigo carece? Teatro provincial e sede da Deputación e do propio Museo de Pontevedra en Vigo, algo semellante ao que sucedeu co teatro Colón na Coruña? En todo caso, como propón de forma moi razoable o arquitecto José Antonio Martín-Curty, membro fundador do Instituto de Estudios Vigueses e estudoso dos cines de Vigo, «a recuperación do Fraga é unha obriga cidadá, debendo renacer co mesmo espírito no que foi concibido por Isaac Fraga: cultural». O Fraga debe saír deste esquecemento obrigado e absurdo ao que leva sometido dende hai unha década.

Matria

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á Matria, a longametraxe de Álvaro Lago protagonizada por María Vázquez:

O 25 de novembro de 1989 estreouse no cine Fraga Sempre Xonxa, a primeira longametraxe de Chano Piñeiro, tamén a primeira rodada en 35 mm do cinema galego e durante case tres décadas o filme en galego máis visto da historia. Estrea que formaba parte de Cinegalicia, nacido en Vigo coa vontade de ser o grande festival de cinema en Galicia, aínda que despois quedase nunha única edición na que tamén se estrearon outras dúas películas en galego, Urxa de Carlos A. López Piñeiro e Continental de Xavier Villaverde. Sesión recordada decote por Uxía Blanco, a Xonxa da fita do chorado boticario de Torrecedeira, hoxe concelleira viguesa de Muller e Normalización Lingüística, por aquel aplauso de quince minutos da platea en pé do Fraga, que serviu de adral da fantasía colectiva que procura dende entón facer cinema en Galicia e na lingua nosa. Acontecemento xeracional que Uxía Blanco lembrou no pase privado en Vigo de Matria, a película do director vigués Álvaro Gago, protagonizada por María Vázquez, tamén unha das rapaciñas do elenco infantil de Sempre Xonxa, que perseguía bolboretas tras Caladiño, serendipia afortunada que pecha o círculo iniciado polo soño cinematográfico amador de Piñeiro co trazado agora pola profesionalidade de Gago, que entón contaba apenas con tres anos.

Despois de máis de tres décadas, o cineasta vigués, que regresou ao país despois de formarse en teatro en Chicago e ampliar estudos de cinema na London Film School, presentou Matria, a súa primeira longametraxe na pasada Berlinale, na sección Panorama, e a súa protagonista María Vázquez, obtivo a Biznaga de prata á mellor interpretación feminina no Festival de Málaga, recoñecementos que aventuran unha grande acollida do público na súa estrea a vindeira fin de semana. Proxecto que Gago iniciara en formato curtametraxe cunha peza homónima de 21 minutos, dedicada e protagonizada por Francisca Iglesias Bouzón, actriz non profesional, a muller que coidara ao seu avó despois de quedar viúvo, premiada polos xurados dos festivais de Sundance, Cans e Seminci, como do Premio da Crítica de Galicia de 2018 de Cine e Artes Audiovisuais, que entón destacara que Gago «asumía o risco narrativo de fusionar a ficción cos recursos documentais coa intención de deitar unha ollada que desmitificase o mito do matriarcado galego». Continuidade dun proxecto narrativo, agora de 90 minutos, protagonizado tamén por Ramona, esa muller incansable que inmersa na precariedade laboral intenta sobrevivir nunha vila do Salnés como mellor pode.

Conservando os vimbios temáticos da curta, aos que se incorporan, entre outras novidades, a conflitiva relación interxeracional e de desapego coa filla cando a moza procura o seu camiño vital, a sororidade coas amigas pendentes do teléfono (marabilloso o cameo de Francisca Iglesias como responsable do bar) ou o acougo da relación co señor Pepe e co seu can, a interpretación monumental de María Vázquez, no papel dunha Ramona renacida unha década máis nova, sostén todo o urdime narrativo, sendo capaz de hipnotizar e emocionar ao público apenas coa súa presenza tan permanente como trepidante na pantalla. Gago, Vázquez e Catoira, directora de fotografía, que utiliza un estilo sobrio e intuitivo, moi próximo ao  documental, ofrecen un retrato memorable dunha muller brava, dunha antiheroína que bulindo sen parar dun traballo a outro, sempre mal pagado, se ocupa dos coidados das outras persoas pero esquece os dela mesma. Unha narración cativadora e abraiante, concibida para facer visible o traballo oculto das mulleres da conserva e dos frigoríficos, mariscadoras,  limpadoras ou coidadoras obrigadas a non poder parar nunca. Matria é a traxedia gravada co lume da cotiandade de mulleres invisibles que sofren a precariedade en soidade e soportan a rutina do maltrato.

Consciente do carácter político do seu cine, na liña do dos belgas irmáns Dardenne e dos retratos de clase de Ken Loach, Gago non renuncia nin as sutilezas do humor retranqueiro nin a explorar a ollada da esperanza nun inesquecible plano final, cheo de matices, amosando que o cine é unha arte emocional de proximidade. E como sucedera na curta, Gago conserva a fala dialectal do Corbillón, Vilanova e da illa de Arousa, onde se localiza tamén a longa, sabendo que o retrato de Ramona debía estar tamén definido pola lingua que emprega e por como a emprega. Unha lingua utilizada para definirnos e facernos visibles no mundo, un modelo que agardamos se consolide en todo ese cinema galego indie, cando comeza a abrirse un espazo nos festivais internacionais e nas querenzas de públicos diversos.

Recomendo moi vivamente que acudan ao cine a emocionarse con Matria, que aventuro está chamada a constituír un acontecemento para o noso cine e para a nosa cultura contemporánea.

Onte 1213: Vigo hai trinta anos

A publicación onte de Vigo no Nodo levoume a coñecer outra peza audiovisual recuperada por Beny García, Vigo no ano 1984, un paseo en coche cunha cámara amadora que fixo un tal Teo dende Travesas ao Berbés. Unha viaxe de apenas sete minutos pola memoria próxima, que comeza co documento social dos picariños xitanos da rúa Hispanidade e coa vertixe do tráfico da praza de América, onde se bota en falta a porta granítica maxestosa de Silverio Rivas dialogando coa xeometría trapezoidal do edificio Pernas. A cámara percorre Camelias, coa construción actual xa consolidada, anque identificamos o edificio das teresianas. En Policarpo Sanz, onde os municipais aínda regulan o tráfico, a cámara detense uns segundos na parada da libraría Cervantes, onde retoman a marcha dous vitrasas, na transición entre os vellos pegasos azuis e os novos modelos de cor vermella. Outrosí sucede en Colón, á altura de Cividanes e do cine Fraga, aínda en funcionamento. Tamén ten interese de seu o percorrido pola rúa Carral, baixando por diante da tenda de souvenirs de «La Guía», camiño da piscina do Náutico. A viaxe finaliza no Berbés, onde o coche do cameraman adianta ás »últimas carrexonas» camiño da lonxa. Unha imaxe hoxe incrible. A memoria da mocidade vivificada. Un documento visual que nos axuda a coller perspectiva da nosa vida e racionalizar o autorrelato.