Listado de la etiqueta: chuvi

Que facemos co Pirulí?

No artigo da semana en Faro de Vigo abordo o futuro do Hospital Xeral e doutras instalacións da área sanitaria de Vigo.

ResidenciaCase coincidindo co sesenta aniversario da súa inauguración, nas vindeiras semanas “O Pirulí” pechará as súas portas para dar paso ao novo hospital Álvaro Cunqueiro de Beade. Un acontecemento que non pode pasar desapercibido xa que todos sabemos que o sucedido nos cuartos e dependencias da residencia viguesa quedará na nosa memoria máis íntima e na historia de cada unha das nosas familias, dende os días felices dos nacementos (máis de douscentos mil ao longo da súa historia) coma das longas noites de espera nos días das doenzas e das perdas dos seres queridos. Para a cidadanía viguesa, o Pirulí non é un espazo calquera.

Construída, a partir de 1949, ao pé da desaparecida capela de Santa Rita, no corazón do Couto, nun espazo concibido no plan de Cominges como a zona verde de Casablanca, con dezanove plantas e duascentas cincuenta camas a residencia viguesa tiña vontade de converterse no edificio máis alto de España e no seu maior centro sanitario. Porén, recortado o proxecto polas súas moitas alturas e o custe elevado, cedeu esta primacía á madrileña Torre España e, dez anos, despois á bautizada como “Ciudad Sanitaria La Paz”. Deseñada polo arquitecto José Marcide Odriozola –na súa pioneira estrutura de formigón interviu tamén o enxeñeiro e construtor vigués Ramón Beamonte– o edificio, que sobresae en trinta e tres metros á cota do Castro, foi inaugurado por Franco o 16 de setembro de 1955, recibindo o nome de “Residencia Almirante Vierna”, na honra de Manuel Vierna y Belando, o contralmirante do “Crucero Baleares”.

Da fasquía primixenia exterior daquel templo da saúde do Instituto Nacional de Previsión franquista e do seu plan de residencias e ambulatorios, coa excepción da luminaria frontal do corpo central, pouco quedou. A harmonía da construción simétrica racionalista da súa planta cruciforme e a impoñente escalinata sobre a rúa Pizarro, a que daba acceso á entrada principal presidida por seis columnas graníticas entreveradas, desapareceu polas sucesivas ampliacións do edificio, que medrou, desde a década dos setenta, coa mesma intensidade e desorde ca propia cidade.

As sucesivas ampliacións, invadindo o espazo dispoñible arredor do Couto e da rúa Pizarro, os colapsos periódicos dos servizos de urxencias e hospitalización, o dinamismo do seu cadro de persoal (protagonista dalgunha das primeiras folgas por “un convenio xusto”, mesmo antes da morte do ditador), as melloras asistenciais dos últimos vinte e cinco anos (coincidentes co seu traspaso ao Servizo Galego de Saúde) e, finalmente, a súa integración dende 2002 na rede formativa do CHUVI correspondéronse coa dinámica do crecemento revolcado da propia cidade. Xaora, o Pirulí, bautizado como Hospital Xeral dende 1983, ofreceu unha imaxe moi nítida do que foi Vigo e a súa área metropolitana nas últimas seis décadas.

Moitos somos os que nos preguntamos que sucederá coas instalacións do Pirulí unha vez pechadas o 3 de setembro. Como tamén coas do Policlínico Cíes, importante construción circular de 1967 do arquitecto Xosé Bar Boo, coas do hospital do Rebullón e coas dos centros de especialidades da Doblada e de Coia, que tamén quedarán fóra do servizo na reestruturación da área sanitaria de Vigo. Edificios de titularidade pública, que como no caso do Hospital Xeral volverán a depender da Tesourería Xeral da Seguridade Social do Ministerio de Emprego que deberá decidir o seu futuro, sexa a reutilización para novos usos públicos, a súa venda ou mesmo a súa demolición. Cinco importantes edificacións públicas cuxo futuro debe ser obxecto de debate cidadán e dun acordo interinstitucional entre as catro administracións que operan na cidade.

Os edificios do Pirulí ou do Cíes non pode quedar abandonados, como sucedeu coas instalacións residenciais, educativas e deportivas da ETEA, hoxe case arruinadas, para a vergonza de todos. Sen dúbida que o concello de Vigo debe ser a institución que lidere a elaboración dunha proposta de novos usos para o que noutrora foron instalacións sanitarias, tendo en conta as necesidades de espazos dotacionais para novas escolas infantís, centros de maiores, centros de carácter sociocomunitario e outro tipo de servizos públicos dos que Vigo carece. Sen esquecer que neste plan debe estar contemplada a ubicación definitiva da nova Biblioteca Pública do Estado, que como temos xa proposto, podería se construída no magnífico soar da Metalúrxica de García Barbón, propiedade tamén da Tesourería da Seguridade Social, ou nun exercicio de audacia instalada nalgunhas plantas da torre do Pirulí, transformando o edificio de Marcide na luz dos libros e dos lectores e lectoras vigueses. O alcalde Caballero debería valorar estas posibilidades no marco da axenda de negociación aberta co goberno central.

Marea branca

No artigo da semana en Faro de Vigo abordo a situación da sanidade pública na provincia de Pontevedra.

O éxito das manifestacións en defensa da sanidade pública, celebradas a pasada semana en Vigo e Pontevedra, testemuñan a preocupación cidadán pola deterioración da calidade deste servizo público esencial na provincia de Pontevedra ao longo dos últimos anos. Se aos duros recortes de prestacións sanitarias e farmacéuticas da pasada lexislatura, se ás longas listas de espera, consideradas proporcionalmente nalgunhas especialidades da área sanitaria de Vigo como as maiores de España, unimos o mal estado dalgunhas instalacións do CHUVI (no hospital do Meixueiro) e o atraso acumulado nas obras de construción do novo Hospital do SERGAS de Valadares (reducido con respecto ao seu proxecto inicial), sen esquecer os efectos da renovación desa custosa hipoteca que supón o concerto singular con POVISA (75 millóns de euros ao ano para atender a 140.000 pacientes) e o retroceso que conlevará para a de Vigo a recente reforma das áreas sanitarias de referencia, semella que existen razóns fundamentadas para esta marea branca de profesionais da sanidade e da cidadanía que coa súa protesta pretende parar o desmantelamento da sanidade pública na área metropolitana viguesa.

A situación dalgunhas instalacións do hospital do Meixueiro é lamentable, quizais a mellor proba do desleixo da Consellaría de Sanidade con respecto á área sanitaria viguesa. As pingueiras e humidades “provocadas” polas galernas de xaneiro e febreiro obrigaron a pechar máis de corenta cuartos, colapsaron nalgunhas ocasións o servizo de urxencias e debido a demanda elevada de hospitalizacións levaron a reabrir durante uns días o edificio do Cíes e a desprazar pacientes ao hospital de Fátima. Humidades nas fachadas do Meixueiro, un hospital que cumpre este ano o seu vinte e cinco aniversario, que non son novidade ningunha (abonda preguntarllo ao persoal do centro que leva denunciado a súa existencia dende hai unha década). No entanto, o máis chamativo do caso é que en 2008 a súa reparación foi incluída no plan director de infraestruturas sanitarias da Consellaría Sanidade do goberno presidido por Pérez Touriño; mais dende entón nunca máis se soubo da intención dos responsables sanitarios dos gobernos de Núñez Feijoo de reparar unhas graves deficiencias estruturais que impiden agora utilizar unha décima parte dos cuartos dispoñibles nun hospital que para ventura dos seus pacientes mantén un elevadísimo nivel cirúrxico.

Desleixo semellante coa área sanitaria viguesa amósase na Instrucción 7/2013 da Consellaría de Sanidade que divide a sanidade galega en tres áreas de referencia, A Coruña, Santiago e Vigo, restando poboación, referencias únicas e recursos só a do sur de Galicia. Unha medida, en aparencia técnica, presentada coa intención de reequilibrar a poboación das áreas do mapa sanitario galego e co argumento de reducir as listas de espera, que supoñerá que máis de 300.000 usuarios das de Pontevedra e do Salnés, que até agora tiñan como referencia ao CHUVI en determinadas especialidades (Oncoloxía, Radioterapia, Cirurxía torácica, Neurociruxía, Cirurxía plástica, Cirurxía pediátrica, Cirurxía cardiaca, Fecundación in vitro), pasarán a depender do Complexo Hospitario Universitario de Santiago. Un traslado, nunca xustificado por un estudo previo nin negociado co persoal sanitario, que alporizou ao Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra (mais tamén ao de Odontólogos, Farmacéuticos e de Enfermaría), ao Foro de Xefes de servizo do CHUVI e á Xunta de Persoal do CHUVI por considerar que terá un forte impacto negativo na investigación e na docencia e reducirá a dotación orzamentaria que recibe a área sanitaria viguesa.

Un reordenamento que prexudica aos pacientes de Pontevedra e Salnés que dobrarán a distancia e o gasto de desprazamento para ser atendidos en Compostela, mais cuxo impacto na diminución das listas de demora cirúrxica será mínimo, como recoñecen tras as protestas cidadás as autoridades sanitarias. Un traslado de pacientes que semella ter como xustificación real a de activar “recursos ociosos” do CHUS, o que traducido a román paladino, supón que o Goberno Galego pretende potenciar o hospital de Santiago detraendo recursos humanos, económicos e tecnolóxicos do complexo público vigués ao que se pretende xibarizar.

Enfrontámonos a un problema político, o de cómo repartir recursos escasos entre as tres áreas sanitarias de referencia. O Partido Popular de Galicia nunca recoñeceu que a área viguesa, a que até agora atendía a un maior número de persoas, arrastraba un vello déficit de infraestruturas sanitarias, cerna de moitos dos problemas denunciados. A solución máis racional e equitativa é aumentar os recursos alí onde son máis necesarios, coma propón a marea branca sanitaria viguesa.