Listado de la etiqueta: carlos_martínez-buján

Onte 849: A miña lectura de «Luzes» 2

Aproveitei boa parte da tarde de onte devorando o segundo número da revista Luzes. Tres excelentes reportaxes e dúas entrevistas políticas potentes alicerzan esta entrega que gaña en profundidade e interese con respecto á presentada no pasado Culturgal. Gostei moito do tratamento que Luzes está dando á reportaxe, o seu xénero estrela, probablemente tamén o máis xenuíno do xornalismo inconformista que precisamos. É conmovedor o relato de Débora Campos da afouteza teimosa de Darío Rivas, coma excelentes polos seu rigor son os de Pablo López sobre o complexo conflito de Porto Cabral e o de Diana Mandiá sobre a vida infame dos roms nos arrabaldes de Marsella. Gostei moito tamén dos sete estralos sobre a lei de patada na boca de Marga Tojo (un texto sintético, didáctico e contundente) coma das conversas de Xosé Manuel Pereiro con Carlos Martínez-Buján sobre a sentenza do Prestige e de Iago Martínez con Amador Fernández-Savater, textos capaces todos os tres de deitar luz sobre eidos opacados na axenda pública actual. Nas páxinas de «República» interesoume o retrato que Carolina Díaz fixo de Lola Díaz-Baliño, a pintora esquecida, ampliando así a nosa ollada sobre o contemporáneo. Balance entusiasta dun segundo número que supera con moito as miñas mellores expectativas. Como editor un chisco maniático que son suxiro que os deseñadores de tan elegante e coidado produto gráfico estuden para o vindeiro número subir medio corpo a tipografía, sobre todo dos pés de fotos (aínda que non lle viría tampouco mal ao corpo todo do texto), presentado para lectores e lectoras que non padecen as incomodidades da presbicia. Sinto fachenda de formar parte dun país onde se edita unha revista coma Luzes, na que intúo que o mellor aínda está por chegar.