Listado de la etiqueta: carlos_callón

Onte 412: LIBROX

Continúan chegando as novidades de fin de ano. Onte anunciamos a comercialización de «LibroX», a nova colección que presentamos para «facilitar o acceso á lectura en tempos de crise». Deseñada e preparada na súa totalidade polo departamento de edición de Xerais, tanto os interiores como as magníficas cubertas do xenial Miguel Vigo, foi concibida coa intención de que ofrecer unha serie versátil, flexible, dinámica e de libros con prezos asequibles (entre os 7,50 € e os 12,50 €). En definitiva, libros con vocación de conectar cun lectorado amplo. Libros xeitosos de non ficción que pretenden abrir ocos, temas e enfoques atrevidos para divertir, para reflexionar, para consultar, para cociñar, para mellorar o emprego da lingua, para incitar á lectura… Ese é o espírito que acreditan os dous primeiros títulos. Do G ao Z de Manuel Veiga, un breve dicionario humorístico e indignado, un novo xeito de presentar o ensaio con vontade inequivocamente popular. Outrosí sucede con Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez de Carlos Callón, outro libro de vontade eminentemente práctica destinado a mellorar a nosa calidade lingüística e a superar algúns prexuízos sobre o emprego do galego. Agardamos con expectación as opinións e a acollida do público. Mentres preparamos dous novos títulos para final do inverno.

Onte 155: Con Carlos Callón

Admiro o traballo teimundo e incansable de Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, compañeiro de Prolingua e autor moi querido de Xerais, a prol da lingua galega, a súa defensa e o fomento do seu uso en todos os ámbitos da vida social. Indígname que hoxe vaia ser xulgado, tras ser denunciado polo xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, a raíz das súas críticas polo reiterado incumprimento deste xuíz da Lei de Normalización Lingüística, sobre todo no que atinxe ao emprego do topónimo a Coruña. É incrible que un cidadán sexa procesado por defender o cumprimento da lei e por promover a defensa do noso idioma, unha obriga que teñen todos os servidores públicos, tamén este funcionario da administración de xustiza. Amoso toda a miña solidariedade e apoio a Carlos Callón. Animo a asinar o manifesto da Mesa pola Normalización Lingüística «Queremos xustiza para a nosa lingua. Non á criminalización da súa defensa!» A defensa do cumprimento da Lei de Normalización Lingüística é hoxe unha causa cívica primeira.

Onte 28: Usar, solicitar e escoller

Magnífico o discurso de Carlos Callón na presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos en Compostela. Con sutileza e firmeza rebatiu unha das afirmacións que con anterioridade fixera Francisco Rodríguez: «non é certo que teñamos que ser xubilados ou funcionarios para exercer os nosos dereitos lingüísticos». USAR, SOLICITAR e ESCOLLER son tres dos  verbos chaves do novo activismo lingüístico que propón Callón, baseado na corresponsabilidade individual e na confianza de que é posible superar os prexuízos e as falacias tecidas arredor do idioma. Unha inxección de entusiasmo que non significa de maneira ningunha abandonar a cobertura política das estratexias normalizadoras, mais que supón unha valiosísima actualización do discurso hexemónico nacionalista sobre a normalización do idioma. O centenar de persoas que ateigaron o Dezaseis comprobaron como neste eido, afortunadamente, estase producindo unha importante renovación, non só xeracional, que tamén.

Escollo o galego

Tras dúas semanas de descanso, reanudamos a xeira de publicación dos artigos de Campo de Granada en Faro de Vigo con esta achega ao fío da publicación do libro de Carlos Callón Como defenderes os teus dereitos lingüísticos.

Nacín no Pirulí. O meu berce estivo entre a Falperra e o Paseo de Afonso. Meu pai era fillo dun emigrante de Malva, un pobiño de Zamora, e miña nai dun ebanista do Couto. Na casa nosa non tivemos aldea ningunha da que botar man. Son, pois, un deses vigueses de Vigo, educados na casa e na escola en castelán durante o Tardofranquismo. E son, tamén, un deses vigueses que fala sempre galego, unha lingua na que decidín instalar a miña vida dende aquel mes de agosto de 1975. Foi aquela unha decisión adolescente que, como outros moitos membros da miña xeración de neofalantes vigueses, mantiven con fidelidade e firmeza, a pesar de que non é doado nin cómodo facelo nunha cidade na que agroman hoxe faíscas de intolerancia galegófoba.

Sei que algunhas persoas pensan que o meu patrón lingüístico –falo en galego con todas as persoas– é froito das miñas profesións de editor e mestre ou das miñas conviccións galeguistas. Dúas das condicións, xunto coa procedencia aldeana, que para algúns explican as razóns de que non empreguemos por defecto o castelán, en Vigo a lingua considerada de uso preferente. Un reducionismo falso e inútil para explicar o estatus actual do galego e os prexuízos tecidos arredor do seu emprego nunha cidade de acollida, de orixe aldeana e mariñeira, tradicionalmente agarimeira coa cultura e lingua de noso.

No entanto, os galegofalantes enfrontámonos decote a situacións pouco agaradables nos espazos públicos vigueses. Pedimos un “café con leite morno, por favor” e se nos solicita a confirmación como “café con leche templado”, recibindo un eco semellante ao dos estranxeiros que solicitan “warm coffee with milk”. Outro tanto pode acontecer no restaurante cando pedimos robaliza e se nos responde que “hoy no le tenemos lubina”, unha mostra da pobre competencia lingüística como a moi escasa empatía do servizo destes establecementos coa súa clientela. Outrosí acontece nalgúns taxis onde teño comprobado que só con indicar o destino en galego pode ser considerado polo condutor como unha falta de cortesía ou de respecto polo seu traballo. Molestias semellantes prodúcense se cando acudimos a unha consulta médica ambulatoria pretendemos ser atendidos oralmente en galego polo persoal sanitario. Por non falar xa das escasas posibilidades de resolver en galego un asunto nun dos xulgados vigueses, a pesar do dereito que nos asiste, ou de formalizar un trámite nunha das notarías da cidade, onde se solicitamos que un testamento ou unha hipoteca se formalicen en galego, é moi frecuente que se nos ofreza nun prazo de tempo moi superior ao previsto para a súa redacción en castelán.

En todos os ámbitos citados, o castelán é sempre considerada como a lingua por defecto, a lingua escollida, no mellor dos casos, para iniciar o intercambio comunicativo, relegando o galego a un segundo plano, o da lingua subsidiaria, propia dunha minoría en inevitable decadencia. Unha situación que os galegofalantes enfrontamos con paciencia, ironía e cordialidade infinitas, que como sinala Carlos Callón no seu último libro, Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (Xerais 2011), son as mellores ferramentas para desmontar os prexuízos e as falsidades tecidas arredor do noso idioma. Moi lonxe de desistir na nosa difícil angueira de vivirmos en galego, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística aconsella conxugar tres verbos para que o galego sexa un idioma vivo de verdade, con aspiracións lexítimas de normalidade: “usar, escoller e solicitar”, aos que eu engadiría os de “ler, escribir e sorrir”.

Non dubidemos en solicitar o servizo en galego alí onde non nolo ofrezan: “por favor, podería ser en galego [a factura, o contrato…]”. Escollamos en galego os servizos onde xa teñamos esta posibilidade: no móbil, no Facebook, no Tuenti ou no caixeiro automático. E, sobre todo, usemos o galego con amabilidade en todos os eidos da vida social, sen o deber de dobregarnos a abandonalo polo feito de que o noso interlocutor utilice o castelán. Ademais, podemos escribir en galego en todas as nosas comunicacións, dende anotacións nas redes sociais, correos electrónicos ou cartas aos xornais; como podemos escoller en galego unha oferta de lectura cada vez máis ampla e de maior calidade. Os milleiros de galegofalantes urbanos, conscientes de que unha lingua é un mercado, tamén podemos escoller o galego como outro criterio de consumo responsable, apostando por aqueles produtos etiquetados en galego, aqueles establecementos que tamén atenden en galego ou por aquelas empresas que o utilicen na súa publicidade.

Quen pode dubidar que as políticas públicas de promoción e uso do galego, sobre todo no eido educativo, son decisivas para o seu futuro? Mais tamén, quen pode facelo da importancia do compromiso de cada un de nós, da lealtade que manteñamos co seu emprego? Eu leo e escribo en galego; uso, solicito e escollo o galego.

«Como defenderes os teus dereitos lingüísticos», presentación en Festigal

Presentación do libro “Como defenderes os teus dereitos lingüísticos” from Redelibros on Vimeo.

Grazas aos amigos de Redelibros por realizar a gravación completa da presentación no Festigal (serán do 24 de xullo) de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, o libro máis recente de Carlos Callón.