Está vendo o arquivo da categoría » camilo_nogueira

Unha nova Gallaecia

bretemas —  12 de Febreiro de 2018 — Deixa un comentario

Dedico o artigo da semana en Luzes a discriminación que sofre Galicia ao ser excluído do Corredor Atlántico:

Paradoxos da actual política española levan a que Galicia, a única comunidade atlántica, quedará fóra, canto menos ao longo da vindeira década, do Corredor Atlántico ferroviario, un dos eixos das Redes Transeuropeas de Transporte de mercadorías, que unirá os portos de Lisboa e Leixoes con Francia e Alemaña. Galicia, como o resto das comunidades do Noroeste (Asturias e Castela e León), adiará sine die as posibilidades de conexión dos seus portos atlánticos (Vigo, Vilagarcía, A Coruña e Ferrol) coas plataformas loxísticas centroeuropeas, mesmo a pesar do carácter estratéxico das nosas terminais marítimas, dende hai séculos, para a súa conexión coa costa americana e co Pacífico. En definitiva, os intereses dos portos portugueses gañaron sobre os dos galegos –como sucedera xa hai máis dunha década co Sa Carneiro sobre as terminais aeroportuarias galegas– na súa estratexia de establecerse como nodos da rede europea de transporte de mercadorías.

Quedar fóra deste eixo ferroviario europeo –unha decisión avalada polo ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, que aposta por favorecer o desenvolvemento do Corredor Mediterráneo de Sevilla (Madrid) a Perpiñán, como “mellor vertebrador de España”, e asumida, como tantas outras do Goberno Rajoy, por Alberto Núñez Feijoo– supón adiar o desenvolvemento portuario galego, ao tempo que asumir que se atrase a modernización da liña ferroviaria do interior de Galicia, a que pasa por Monforte, e polo tanto a súa posibilidade de converter a capital de Lemos en plataforma loxística. Como sospeitamos que tamén podería levar a novos atrasos na finalización do tren de viaxeiros do Eixo Atlántico, hoxe interrompido en Vigo, xa que o Corredor Atlántico que sae de Porto-Leixoes priorizará a finalización da liña ferroviaria cara a Valladolid, Gasteiz e Bilbo. Cuestións todas a tres que supoñen unha clara discriminación da fachada marítima galega excluída dos fondos do proxecto Conectar Europa, ao tempo que outra pedra na zoca amola nas sempre complexas relacións de irmandade e competitividade entre Galicia e o Norte de Portugal, con especial incidencia entre as áreas metropolitanas de Vigo e do Porto.

Sexa como fose, Galicia perde estoutro tren europeo cando continúa agardando pola chegada do AVE da meseta, cuxa finalización todos sabemos se adiará de novo na fronteira do comezo da vindeira década, como sucedera coa autovía de Castela, que reclamaba Camilo Nogueira con teimosía no Parlamento Galego nos anos noventa, ou como aconteceu coa do Cantábrico e co Eixo Atlántico ferroviario nestas primeiras décadas do novo século. Atrasos na finalización das infraestruturas galegas, que sempre contaron coa pasividade e comprensión compracente dos diversos responsables da Xunta de Galicia, que asumían “os novos prazos”, case sempre ao fío das convocatorias electorais, e agradecían os esforzos do Goberno de España por finalizar obras “tan custosas e complexas pola difícil orografía do país”. Un relato da decepción ao que non foi alleo a incapacidade da oposición de ofrecer un proxecto estratéxico alternativo ao centralista alicerzado sobre a confianza nas posibilidades do autogoberno e sobre a necesidade dunha nova vertebración territorial.

Neste novo contexto tan desfavorable para Galicia, que dificilmente poderá ser revertido antes de 2027, cómpre atopar saídas que mitiguen os efectos negativos desta discriminación ferroviaria. E a primeira, sen dúbida, no marco dunha intensificación da colaboración transfronteiriza e cultural entre Galicia e Portugal, debería ser a de chegar a un acordo para estender até Porto da liña de altas prestacións que une A Coruña e Vigo, coa posibilidade de integrala progresivamente na rede de portos e aeroportos de toda a rexión. Apostar por un mellorado “Tren Celta”, que una Porto coa Coruña en pouco máis de dúas horas, o que sería posible se o executivo portugúes o asume como unha oportunidade, constituiría unha posibilidade extraordinaria de integración da poboación desta rexión europea de seis millóns e medio de habitantes, case tanto como os de Cataluña.

Se pretendemos evitar novas décadas de illamento e de perda de competitividade da nosa economía, Galicia non pode continuar virada de costas con Portugal, como afirma o noso amigo o editor Nelson de Matos. Como Galicia tampouco pode perder o seu carácter de nación atlántica europea nin as súas posibilidades de integración tanto na cultura da lusofonía como nas culturas “célticas” do arco atlántico. Unha dupla dimensión que levaría a soñar, e despois a deseñar, un novo proxecto estratéxico para unha rexión europea que sería capaz de abordar nas vindeiras décadas con máis posibilidades os retos da previsible debacle demográfica e territorial galega como o escaso peso político de Galicia na España actual. Non estaría de máis considerar os beneficios que podería obter Galicia se formase parte activa desta rexión económica europea do noroeste peninsular, con raíces na historia, a que poderíamos bautizar como Nova Gallaecia.

Camilo, a razón esperanzada

bretemas —  15 de Novembro de 2016 — Deixa un comentario

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo á figura de Camilo Nogueira.

Homenaxe_a_Camilo_11-11-2016Baixo o lema “A esperanza razonada, a razón esperanzada”, Camilo Nogueira recibiu o pasado venres en Compostela a gran homenaxe que merece. Un serán no que a música de Tundal, Pardal na rúa e Uxía serviu para enfiar o retrato humano e político dun home recoñecido por todo o país pola súa coherencia e honestidade. Unha noite inesquecible onde no escenario do Auditorio de Galicia as doses de emoción mergulláronse coas de reflexión sobre unha terra cantada e construída dende unha tranquila autoconfianza nas propias posibilidades.

As intervencións dos voceiros dos partidos representados no Parlamento de Galicia, Xoaquín Fernández Leicega (PSdeG-PSOE), Ana Pontón (BNG), Pedro Puy (PPdeG) e Luís Villares (En Marea), que recoñeceron as contribucións decisivas do vigués ao desenvolvemento do autogoberno, constituíron un fito que sitúa a Camilo como un referente histórico da Galicia de entre séculos, ao tempo que abre unha xanela de esperanza para recuperar no futuro inmediato consensos e posicións orixinais en temas de país. Unha xusta reciprocidade das forzas parlamentarias con quen ao longo da súa vida política foi un militante do diálogo ilimitado cos seus adversarios, aos que sempre respectou na discrepancia, mais sen renunciar nunca a convencelos das súas posicións.

Na figura deste fillo dos Romanciños, lugar do barrio de Riomao de Lavadores, celebramos as cualidades dunha persoa boa e xenerosa na que identificamos os valores do galeguismo republicano e da esquerda galega, mais tamén na que recoñecemos unha forma singular de estar no mundo, adoptando como posición vital un optimismo construtivo, natural e contaxioso, traducido en afouteza na defensa das súas conviccións tan firme que chegaba a ser considerada como expresión de teimudez.

Xaora, en Camilo admiramos a un cidadán comprometido coa súa xente e o seu país, mais ao que ningunha causa ou problema do seu tempo lle resultou allea. Na homenaxe as palabras de agarimo e admiración dos seus compañeiros e compañeira dos Verdes / Alianza Libre Europea, grupo do que formou parte no Parlamento Europeo de 1999 a 2004, expresaron a súa valiosa achega na construción do proxecto da Europa sen fronteiras, hoxe máis necesario ca nunca, cando semella que a utopía europeísta comeza a ser derrubada pola xenofobia populista.

Xunto a outros membros da súa xeración, Camilo comprometeuse no proxecto, aínda inconcluso, de reconstrución do nacionalismo galego, liderando os partidos vinculados ao pensamento do socialismo nacionalista (Galicia Socialista, POG, Esquerda Galega e PSG-EG). Dende cada unha destas formacións, Nogueira contribuíu á modernización do proxecto nacionalista, desenvolvendo un programa global e sectorial capaz de construír Galicia como auténtica nación política, aceptando a responsabilidade de valerse fiscalmente, na interdependencia doutras nacións europeas, e promovendo un desenvolvemento autocentrado dos diversos sectores da economía.

Dende estas formacións políticas, ás que podemos denominar de “Esquerda Galega”, Camilo ofreceu unha proposta organizativa, comunicativa e programática para o conxunto do nacionalismo galego que, quizais, anticipou varias décadas a bautizada agora como “nova política”. Un nacionalismo que non é nin credo nin relixión senón apenas unha proposta de autoorganización que procura o autogoberno para Galicia e as maiores cotas de benestar e igualdade para toda a súa cidadanía. Ademais, Camilo dedicou moito tempo da súa vida a estudar e divulgar de forma teimosa a historia de Galicia para denunciar así a ideoloxía españolista e a marxinación inxusta á que foi sometida durante os últimos dous séculos. Afondou tamén nas raíces do galego, que concibiu sempre como lingua universal, vinculada ao mundo da lusofonía e das culturas atlánticas, un xeito de pensar o mundo dende Galicia en constante diálogo co noso tempo.

En definitiva, como sinalou Manuel Rivas na homenaxe, “Camilo encarna todo aquilo no que se pode confiar”, ou como expresou Suso de Toro, “Camilo representa o mellor de nós, a aposta de toda unha vida para que a nosa sociedade galega sexa capaz de solucionar os seus problemas por ela mesma”. Camilo é o modelo de home coherente e honesto, práctico e apaixonado, épico e lírico, reflexivo e soñador, curioso e rigoroso, velocista e maratoniano, atacante e defensa. Nogueira representa a esperanza razonada dunha Galicia con futuro no marco da Europa dos pobos, unha Galicia construída dende unha razón esperanzada por xeracións chantadas nas raíces da autoestima do presente. Contra tantos prexuízos existentes, a figura de Nogueira demostra que en política aínda hai persoas boas e honradas, servidores públicos que merecen o noso agarimo e recoñecemento. Beizón, Camilo!

Con Camilo en Trasalba

bretemas —  29 de Xuño de 2016 — Deixa un comentario

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo á gabanza de Camilo Nogueira, con motivo da entrega do Premio Trasalba 2016.

camilo-nogueira-1Coincidindo coa xornada electoral do 26 de xuño, viaxamos a Chans de Amoeiro para acompañar ao noso admirado Camilo Nogueira na recepción do Premio Trasalba 2016 outorgado pola Fundación Otero Pedrayo. Con este galardón, que dende 1983 recoñece anualmente a traxectoria dunha personalidade galeguista, a entidade que preside Víctor Freixanes valora no fillo de Lavadores “toda unha vida entregada á causa de Galicia, da súa identidade nacional e cultural, salientando de xeito especial a vocación e compromiso europeísta de Camilo Nogueira, na mellor tradición dos homes da Xeración Nós e, máis en concreto, de Ramón Otero Pedrayo”. Coincidindo no ano do seu oitenta aniversario, con este Trasalba recoñécese o compromiso dunha desas persoas boas e xenerosas na que varias xeracións de galeguistas identificamos de forma modélica os valores republicanos e o compromiso co proxecto de construción da nación.

Nacido no lugar dos Romanciños, no barrio de Riomao do concello de Lavadores, Camilo foi educado no berce dunha familia de tradición republicana. A súa nai, modista, e o seu pai, o escultor galeguista Nogueira, inculcáronlle un grande afán de superación. Das aulas da Academia Victoria de Príncipe pasou ás do Instituto Santa Irene, obtendo sempre as mellores cualificacións, o que non impediu que Lucho desenvolvese unha carreira deportiva no Estudiantes de baloncesto. Tras rematar os estudos en Madrid, en 1964 entrou a traballar en Citröen como enxeñeiro industrial, sendo despedido da factoría de Balaídos tras a folga do 72, na que foi detido e torturado. Daquela, como presidente da Asociación Cultural de Vigo promoveu, entre outras moitas iniciativas, as primeiras campañas de galeguización coa distribución dos famosos autocolantes para os automóbiles de “Falemos galego” e fundou con outros compañeiros da factoría a organización “Galicia Socialista, unha das orixes do actual sindicalismo nacionalista.

Tras este período vigués, Camilo Nogueira e a súa compañeira Paz López Facal trasladáronse a vivir a Santiago, onde traballará dende 1973 na empresa pública SODIGA. Coincidindo co proceso de Reforma Política, participou na creación da ANPG, na redacción das bases constitucionais do Consello das Forzas Políticas e formou parte do chamada “Comisión dos 16”, creada coa intención de redactar o primeiro borrador dun Estatuto de Autonomía para Galicia. Coincidindo co inicio da Autonomía, Nogueira encabezou os partidos vinculados ao pensamento do socialismo nacionalista (POG, EG e PSG-EG), sendo elixido deputado do Parlamento Galego (entre 1981-1993 por Esquerda Galega e entre 1997-1999 polo BNG), concelleiro do concello de Vigo (1987-1991) e deputado do Parlamento Europeo representando ao BNG no Grupo dos Verdes / Alianza Libre Europea (1999-2004).

Ademais de participar dende o inicio no inconcluso proceso de reconstrución organizativa do nacionalismo galego, a achega política esencial de Nogueira foi a de liderar a modernización do proxecto nacional galego, desenvolvendo un programa ambicioso, tanto global como sectorial, que conducise a que Galicia fose auténtica nación política; aceptando a responsabilidade de valerse fiscalmente, na interdependencia doutras nacións europeas; promovendo un desenvolvemento autocentrado dos diversos sectores da economía, con atención preferente á industria, á enerxía e os sectores gandeiro e pesqueiro; recoñecendo a lingua galega como nacional e universal, vinculada ao mundo da lusofonía e das culturas atlánticas; pensando, xaora, o mundo dende Galicia en constante diálogo coas circunstancias do noso tempo.

Camilo Nogueira ofreceu unha proposta de nacionalismo galego desmitificadora, como un punto de encontro que nos leva a integrarnos e a facer nosos os problemas de toda a humanidade. O nacionalismo non é unha ideoloxía, senón unha proposta de liberdade, progreso e independencia que procura o autogoberno para Galicia e o benestar e a igualdade para a súa cidadanía. Como sinalou o seu amigo Suso de Toro, “no nacionalismo de Camilo acrisólase a practicidade intuitiva e o sentido táctico de Bóveda, aberta ao seu tempo e ao conxunto da sociedade, coa paixón nacional de Castelao, pacífica e entusiasta até o lirismo”. Así o sentimos, cada vez que tivemos a fortuna de traballar ao seu carón, práctico e apaixonado, lírico e épico a un tempo, teimudo e paciente. Xaora, Camilo Nogueira foi pioneiro da nova política, capaz de compaxinar durante anos o seu traballo profesional coas responsabilidades parlamentarias e políticas. Persoa reflexiva e xenerosa, encarnou coa vontade de ferro do corredor de maratón, que dosifica o seu esforzo para chegar á meta, o modelo de optimismo da vontade que admiramos desque o coñecimos hai catro décadas. Seguimos, curro!

Camilo NogueiraAcerta de cheo a Fundación Otero Pedrayo outorgando a Camilo Nogueira o Premio Trasalba 2016. Recoñécese así a extraordinaria traxectoria de Camilo nos eidos político, profesional e cultural onde serviu con xenerosidade desbordada a causa de Galicia. Modelo de teimoso optimista da vontade, Camilo contribuíu a modernización do nacionalismo galego contemporáneo e o seu arraizamento no pensamento socialista radical e europeísta, “na mellor tradición da Xeración Nós”. Ensaísta concienzudo e lúcido, analista agudo, historiador erudito, lingüista vocacional, conferenciante didáctico, lector curioso, vigués cosmopolita, Camilo Nogueira acuñou no nacionalismo galego o modelo de pensamento inclusivo, imprescindible para enxergar e compartir os territorios da esperanza. Cando cumpre os 80 anos, este premio recoñece o seu labor de xigante e pioneiro. O 26 de xuño estaremos con el en Trasalaba celebrando a Galicia da esperanza.

Onte 933: Con Ana Miranda

bretemas —  4 de Abril de 2014 — Deixa un comentario

Ana_Miranda_03-04-2014Gustei moito de escoitar a Ana Miranda, a candidata do BNG nas eleccións ao Parlamento Europeo, na súa intervención no Fórum Europa de Vigo. Na presentación que dela fixo Camilo Nogueira salientou aspectos esenciais como os seus quince anos de experiencia parlamentaria en Bruxelas, a súa capacidade para expresarse nunha manchea de linguas, como a súa visión integral e o seu coñecemento profundo dos problemas de Galicia e no mundo.

No seu discurso Ana Miranda amosou este coñecemento, froito tanto dunha formación xurídica moi rigorosa como dunha experiencia e madurez política incuestionable. Comezou denunciando a pobreza, a desigualdade e a exclusión como principais problemas dunha Galicia con 280.000 persoas paradas, 100.000 emigrantes mozos expulsados do país e 90.000 familias sen ingresos ningúns. Denunciou o emprego precarizado en Europa, onde xa «hai 120 miillóns de cidadáns pobres, case unha cuarta parte dos da Unión».

Presentou un balance da súa actividade parlamentaria, centrándose sobre todo nos temas pesqueiros, medioambientais e de política industrial. «Nós somos unha nación pesqueira, un país atlántico» afirmou, ao tempo que lembrou que polos corredores do parlamento foi despedida como «a señora da pesca artesanal».

Apoiou os procesos soberanistas de Escocia e Cataluña, que cualificou de «exemplo vivo de democracia e do dereito a decidir nunha Europa que non recoñece a diversidade». «O seu é un exercicio pleno de democracia, o máis vangardista nos procesos de liberación nacional dos últimos séculos, sobre todo pola implicación da cidadanía. Merecen todo o meu respecto».

Ana Miranda respondeu con claridade na quenda de preguntas que lle formularon os asistentes dende a posición dos coaligados verdes sobre a pesca galega no parlamento («sempre defendimos e sempre defenderemos os intereses galegos»), pasando pola súa opinión sobre Lidia Senra («expreso o meu respecto para ela, benvido todo o mundo que defende a Galiza») até as relacións con Bildu («aquí en Galiza a lista será a do BNG, as coalicións son instrumentais, alí onde esteamos defenderemos os temas galegos, que son os temas universais».)

Creo que a de Ana Miranda é, sen dúbida, unha excelente candidatura. Unha voz firme, rebelde, loitadora. que defende unha Europa que aínda non existe. Unha beizón para a defensa dos intereses de Galicia e dunha nova Europa posible. Agardo que teña a maior fortuna no seu empeño.