Está vendo o arquivo da categoría » brais_méndez

Campo do Fragoso CCX

bretemas —  8 de Abril de 2018 — Deixa un comentario

ONDIÑAS ASPAS

Un novo hat trick de Iago, o segundo aspazo da tempada, serviu para que o Celta noquease ao Sevilla de Montella, un rival directo na competidísima carreira polas posicións europeas, e para que a bancada de Balaídos nesta liga tan irregular, sexa a nivel de xogo como da conexión da afección co equipo, recuperase a ledicia e o entusiasmo cantando unha tímida rianxeira e que de paso lembrase con gratitude ao Totto Berizzo despedido pola directiva sevillista cando o cadro de Nervión ocupaba posicións de privilexio. Un partido máis igualado do que expresa o contundente catro cero do seu resultado que durante o segundo acto constituíu, ademais, un recital goleiro do Merlín de Moaña, que cos seus tres caroliños de moi alta escola acada os 114 goles en partidos oficiais, superando así o rexistro histórico do mítico Vlado Gudelj e consolidando a súa candidatura para ser considerado xa como o mellor dianteiro celeste de todos os tempos e aspirante indiscutible a levar o nove da vermella no campionato europeo do vindeiro verán.

Os tres goles de Aspas serviron para decantar un encontro no que, porén, foi o cadro andaluz quen levou a iniciativa e na que a parella dos seus dianteiros, Sandro e Ben Yedder contaron con excelentes opcións, mais que nunca foron capaces de superar a Sergio, o gardarredes de Catoira, que ofreceu unha actuación memorable, tamén decisiva para manter a cero a táboa de marcas dos vigueses durante a primeira parte. Dianas do internacional do Morrazo que naceron de dúas asistencias extraordinarias do noso admirado Tucu Hernández, mediocampista de xenerosidade desbordada e vontade inquebrantable, que primero no 57’ filtrou dende a medular para que o de Moaña xutase en carreira entre os dous centrais, e que tres minutos despois ofreceu dende a banda esquerda un servizo en parábola capaz de superar ao porteiro para que Iago marcase case a pracer dende a dereita.

Dous goles de fermosa fasquía, propios dun nove natural, un dianteiro á altura de figuras míticas na historia do noso equipo como a de Pahíño, esoutro internacional celeste da década de 1940, lector de Tolstoi, Dostoievski e Charles Dickens (o que daquela deulle fama de «rojo»), que se caracterizaba tanto pola súa eficacia goleadora como gañador do trofeo Pichichi, que permitiu que o Celta na tempada 1947-48 acadase a cuarta posición na liga e a final de Copa, mais que tamén será lembrado polo seu «fair play» e xenerosidade no xogo cos seus compañeiros. Valores de grande figura que onte tamén expresou Aspas cando no 77’ co hat trick xa ao alcance da súa biqueira nunha contra pasou o balón para que fose Brais Méndez quen marcase, aproveitando despois deforma xa inapelable o rexeite do porteiro ao xute envelenado do canteirán mosense, outro dos destacados de tan feliz tarde. Goles de Aspas que, coma aqueloutros decisivos de Pahíño (56 goles marcou o da parroquia de Navia en todo a súa historia como celeste), deben servir para que o noso equipo recupere azos e posicións de privilexio na táboa clasificatoria.

Xaora, non seriamos xustos se non lembrásemos que no partido de onte foron tamén decisivos os paradóns de Sergio, que durante unha primeira parte na que o Sevilla foi moi superior sostivo el soíño ao cadro de Unzué. Abonda recordar que no minuto 8, Sandro encarouno en solitario, tras un erro garrafal de Roncaglia, e o gato de Catoira aguantou semellante envite. Como incrible foi a parada que cos pés fixo no 43’, cando o Celta xa se adiantara tras un gol en propia meta dos andaluces, tras outro xutazo de Sandro, intervención que, probablemente, decantou o partido para os nosos. Actuación de Sergio que o debería consolidalo na titularidade nesa pugna amical que mantén con Rubén Blanco, esoutro porteiro da canteira, que até agora semellaba que era o que contaba coa confianza do adestrador navarro.

A avultada vitoria celeste diante do Sevilla expresa o valor da canteira nun partido no que interviron até cinco xogadores das diversas xeracións dos formados na Madroa, un feito que non sempre se salienta como merece e quizais os seareiros non valoramos en toda a súa grandeza. Por ventura este Celta que dirixe na lameira a estrela de Iago Aspas posúe idéntica estirpe ao que hai sete décadas capitaneaba no vello Balaídos Manuel Fernández Fernandez «Pahíño», que tamén traballaba para ser convocado para acudir ao Mundial de 1950.

Campo do Fragoso CCI

bretemas —  23 de Setembro de 2017 — Deixa un comentario

SÍSIFO E O CELTA

Entre os mitos acuñados polos gregos hai tres mil anos, quizais sexa o de Sísifo o que mellor explica o sucedido o xoves sobre a alfombra de Balaídos. Sísifo é lembrado polo castigo ao que foi sometido polos deuses: perder a vista e empurrar cara arriba unha pedra enorme que, antes de chegar á cima, rodaba cara o val, onde regresaba a recollela e outra vez empurrala e así unha e outra vez. O mito de Sísifo foi actualizado por Albert Camus, que o consideraba como a metáfora do esforzo inútil dos seres humanos, aínda que abría para este comportamento absurdo unha xanela de esperanza.

Ao xeito do que lle sucedera a Sísifo, o Celta de Unzué, a quen lle custou ferro e fariña controlar ao Getafe durante 85 minutos, deixouse empatar nunha xogada froito dun erro absurdo de toda a súa defensa. Como sucedera tamén o día da Real Sociedad, un erro colectivo, froito quizais do cansazo ou dunha errada disposición táctica, estragaba tanto e tanto esforzo anterior e sumía ao público do municipal entre a perplexidade e á melancolía saudosa daquel xogo intenso do Toto Berizzo. E o peor é que chovía sobre mollado nun mal comezo de liga onde co seu xogo errático este Celta demostra que aínda non colleu o punto ao estilo de xogo debuxado polo seu equipo técnico. Un Celta que até agora non soubo pechar as súas vantaxes en Balaídos e que deu a sensación de chaíña cando actuou como visitante, o que quizais poida ser máis preocupante.

Fronte ao Getafe, Unzué parecía traer ben aprendida a lección de Cornellá. Confiou a dirección a Tucu Hernández e introduciu a Sergi Gómez no eixo da defensa. O chileno non defraudou e (moi xeneroso) armou todo o xogo defensivo do equipo, aínda que a súa posición atrasada non lle facilitaba conectar coa tripla atacante, onde cadaquén libraba a guerra pola súa conta. A pesar desa eiva e das intermitencias de Josabez, o Celta foi abrindo fenda pola banda dereita. E por alí chegou a primeira oportunidade, nas biqueiras de Brais Méndez. Mágoa que Guaita estivese tan atento para impedir o tanto do canteirán no día do seu debut.

Xaora, o gol chegou, tamén pola dereita, nun gran servizo de Hugo Mallo, quizais o mellor atacante celeste, que despois de recuperar no vértice da área filtrou sobre Maxi para que o charrúa cunha seguridade asombrosa marcase de xute cruzado. Outro maxigol de factura impecable que, pasada a media hora, abría as mellores expectativas. Porén, este Celta en construción non soubo dar o paso adiante que a situación requería e limitouse a achantar ao balón fronte a un Getafe con pouco fútbol e moita leña.

Mais no segundo acto mudaron as tornas. Fronte a un xogo celeste cada vez máis triste e apático, que apenas inquedaba a Guaita, foron os de Bordalás os que adiantaron as liñas. E se isto non abondase, Unzué non acertou cando deu entrada a Emre Mor. O turco introduciu velocidade, mais tamén, ao sobrarlle en cada xogada un derradeiro caneo, acabou descompoñendo o debuxo celeste que con tanto afán sostiña Hernández. O partido caíu, entón, nesa fase de ires e vires dunha portaría a outra que agoiraban a posibilidade dun erro defensivo celeste que se produciu cinco minutos antes da conclusión, cando xa non había posibilidade de emenda.

Un empate que deixa ao Celta na cola da táboa, aínda que con idéntica puntuación á da liga anterior. Continúan sen resolver as dúbidas nun equipo sen identidade clara e con algunhas ansiedades de máis. Sabemos que Aspas está pouco afortunado na finalización, mais tamén que co actual esquema non conta con compañeiros para asociarse. Como tampouco está resolto como conseguir unha saída limpa e segura de balón dende a defensa, sexa cuns centrais ou con outros, alicerce do esquema do adestrador actual. O Celta non pode admitir o absurdo de ser cego coma Sísifo e botar a rodar a pedra cando quedou tan preto da cima.