Listado de la etiqueta: bill_nighy

Onte 1936: “A libraría” de Isabel Coixet

Isabel Coixet ofrece en The Bookshop unha fermosa homenaxe á lectura e ao mundo da libraría, que adapta a novela homónima de Penelope Fitzgerald. Unha peza de narración e realización impecable,como adoita a catalá, a pesar da escasa orixinalidade do conflito proposto, no que unha libreira soñadora e valente pon a proba a súa afouteza diante da extorsión que en 1959 sofre por parte dos poderes dunha pequena comunidade costeira. O máis interesante do film é a gabanza da lectura, do libro e da literatura sexa como forma de resistencia (protagoniza por Florence Green na excelente interpretación de Emily Mortimer), sexa como forma de instalarse na vida (eis o  enigmático señor Brandish, outra creación memorable de Bill Nighy). Xaora, tamén é interesante a concepción da libraría como espazo de encontros e descubertas, capaz de reeducar á pequena dos Gipping. Como son memorables as homenaxes a Bradbury e a Nabokov, así como algúns diálogos literarios referenciais desta balada triste da libraría.

Onte 1890: «Their Finest»

Su_mejor_historia-872413650-largeA directora dinamarquesa Lone Scherfig ofrece en Their Finest un melodrama localizado no Londres bombardeado polos nazis. Un film de impecable fasquía clásica onde todo está tan medido e equilibrado que cae no perigo de que a súa beleza sexa considerada insubstancial e escasamente singular. As interpretacións protagonistas son magnificas,sobre todo a de Gemma Aterton e a dun brutal Bill Nighy, que supera con creces o seu inesquecible personaxe de Love Actualy. A música e a ambientación (notables) crean o clima propicio que permite enfrontarse a unha traxicomedia (romántica) na que a directora intenta fuxir do sentimentalismo, afirmando en cada volta de guión o talento e a liberdade das mulleres. Neste empoderamento feminino e na reivindicación da coherencia do relato cinematográfico, subliñada pola protagonista, a guionista dun filme propagandístico, que pretende emocionar ao público en días decisivos para o futuro da guerra, radica o maior interese desta película, que se deixa ver sen esforzo.