Listado de la etiqueta: biblioteca_de_galicia

Onte 2018: O legado de Agustín

A Consellaría de Cultura e Turismo anunciou onte que aceptara a doazón do fondo bibliográfico Agustín Fernández Paz. Unha colección de 5.000 volumes que estará dispoñible, na súa maior parte, na Biblioteca de Galicia, mais tamén no Museo Pedagóxico de Galicia e na Biblioteca Pública Municipal de Vilalba. Rematan así os traballos de catalogación dun legado moi valioso, organizado de forma admirable pola tradutora Isabel Soto, que contén unha colección completa das  publicacións de Agustín, tanto literarias como pedagóxicas, tanto nas súas edicions orixinais como nas traducións ás diversas linguas.

Un legado que agardamos contribúa a que a investigación literaria afonde na obra, tanto literaria como pedagóxica de Agustín, unha figura esencial para entender a cultura e a educación en Galicia nas últimas catro décadas. Ás portas da celebración do aniversario do nacemento do autor de Non hai noite tan longa, o vindeiro 29 de maio, aleda comprobar como a súa obra continúa reeditándose e viva no interese do lectorado. Eis os anuncios de Xerais da vixésima edición de Noite de voraces sombras e a vixésimo cuarta de Aire negro, toda unha proeza para o libro galego.

Sen esquecer, tampouco, que está aberta a recepción do orixinais para a 3ª edición do Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade convocado polo IESCHA, o concello de Vilalba e Xerais. Agustín sempre necesario.

Inauguración da Cidade da Cultura

O acto de inauguración da Biblioteca e do Arquivo de Galicia, que suporá tamén a apertura ao público  da Cidade da Cultura a partir de mañá, amosou a profunda fenda que nesta lexislatura se abriu na política galega.

Resultoume incomprensible a ausencia no acto dos membros do BNG, o partido que tivo a principal responsabilidade durante o seu período de goberno na construción e finalización de ambos os dous edificios inaugurados esta mañá, así como en imprimir un maior pulo ao desenvolvemento do proxecto ideado por Manuel Fraga e Xesús Pérez Varela. Só polo respecto que merece o traballo desenvolvido por Ánxela Bugallo e polos membros do seu equipo ao longo de catro anos nesa dificilísima tarefa, a dirección do BNG debeu ter asistido a un acto ao que acudiron membros dos máis diversos sectores da sociedade e da cultura de noso. Unha presenza protocolaria que non impediría o lexítimo exercicio de crítica aos contidos e a forma de xestión escollida para a CdC por parte do actual Goberno Galego. Outrosí sucede coa ausencia de Emilio Pérez Touriño, o ex-presidente da Xunta, que sempre defendeu a continuidade do proxecto.

Resultoume desafortunado que Alberto Núñez Feijóo aproveitase o seu protocolario discurso inaugural para incluír con sutileza a Camilo Jose Cela na historia da literatura galega, ao citar que nesta «biblioteca poderán consultarse os manuscritos do único premio nóbel da literatura galega», un comentario que con certeza non asumirían ningún dos nosos membros da Real Academia Galega nin o profesorado de literatura galega das nosas tres universidades.

Con todo, para min o máis abraiante do acto sucedeu xusto ao remate da interpretación do himno galego por parte do Coro Gaos, que foi acompañado pola gaiteira Cristina Pato. No momento de acometer «nazón de breogán» os coristas (por un razón para min descoñecida) fixeron a omisión da palabra «nazón». Non sabería chamar doutra maneira a ese pianissimo tan suaviño e tan inintelixible para describir como acometeron o sintagma pondaliano, unha elipse coincidente cun tiro da gaiteira ourensá. Unha situación corrixida ao remate do acto por un berro cívico de «nazón, nazón» pronunciado por un dos convidados. Un berro, sen dúbida, moi oportuno, xa que o Arquivo e a Biblioteca de Galicia hoxe inaugurados, como toda a Cidade da Cultura, deberán estar ao servizo da nazón, da súa lingua e da súa cultura. Eis o primeiro criterio para xestionar un proxecto para todos os galegos e as galegas que, a pesar do seu enorme custo de construción e mantemento (cifras que se deberían facer públicas), non pode de maneira ningunha hipotecar o futuro do resto das políticas culturais públicas. Facer compatibles ambos os dous criterios non vai ser doado, razón pola que os responsables deste traballo ben merecen, ao inicio do seu camiño, os nosos mellores desexos de éxito.