Está vendo o arquivo da categoría » benedicto

Estremeceume a noticia do pasamento de Benedicto, un noso vello amigo, un dos mestres fundadores da Nova Escola Galega, cantor do entusiasmo colectivo, activista das causas da xustiza e da igualdade. Compartín con el os primeiros secretariados de NEG e o inicio do proxecto editorial de Vía Láctea do que sería un dos seus principais promotores. Colaborei con Benedicto na redacción e edición da unidade didáctica sobre o Jose Afonso (1987), de quen era embaixador en Galicia. Recuperei o contacto con el cando en 2008 publicamos Sonata de amigos, o seu emocionante libro de memorias no que como un dos fundador es de Voces Ceibes botou unha ollada serena cara atrás. Admirei sempre o seu optimismo da vontade e a súa capacidade de enxergar o horizonte, como cantaba na súa señora da guía; mais e sobre todo a súa teimosía para tecer afectos alí onde estivese. Lembrareino co afecto e respecto unánime coas que foi despedido nunha fermosa sonata de amizades.

Galicia pola unión

bretemas —  21 de Xullo de 2015 — Deixa un comentario

Dedido o artigo da semana en Faro de Vigo á iniciativa de celebración cidadá do 25 de xullo.

a_nacion_galega_25-07-2015Ás portas deste 25 de xullo, “día da nación galega”, no calendario oficial “día nacional de Galicia”, para moitos de nós, tamén, “día da patria galega”, producíronse varias iniciativas cívicas –como o “Manifesto pola Unidade”, asinado xa por máis dun milleiro de persoas de diversas procedencias– orientadas a que esta data sexa por fin unha auténtica festa cidadá, na que por riba das diferentes adscricións partidarias, todos e todas as galegas se sintan convocados a participar na defensa do país e dos dereitos da súa cidadanía. Unha data na que a sociedade civil galega, dende a riqueza das súas asociacións culturais, sociais e profesionais, tamén dende o pluralismo das súas organización políticas e sindicais, una as súas mans e angueiras para afirmar a vontade de Galicia de continuar existindo como suxeito político e de enfrontar os retos do seu autogoberno.

Continuando coa tradición galeguista e nacionalista, os promotores desta convocatoria do 25 de xullo da nación galega manexamos como idea esencial a de que Galicia é unha construción que a todos e todas corresponde e na que todos e todas podemos participar dende a nosa vontade individual, sexa acudindo a manifestación, gozando das convocatorias festivas ou consumindo produtos galegos e etiquetados na nosa lingua. Xaora, a deste 25 de xullo protagonizado polo común, é unha apelación nacida da cidadanía á unidade, consciente de que as divisións e os seitarismos só nos conducen a insignificancia e a lamentar aos soños rotos, mentres que a unión multiplica as nosas forzas e intensifica o noso entusiasmo para procurar os camiños que nos permitan decidir o que queremos ser e o queremos deixar as nosas fillas e netos.

Galicia vive un dos momentos máis difíciles da súa historia recente. Dende hai uns anos, o imparable devalo demográfico, que ameaza con destruírnos como pobo, acentúase coa emigración de toda unha xeración de mozos e mozas formados. A crise ruinosa dalgúns dos nosos sectores produtivos estratéxicos produciuse ao tempo que se desfixeron as institucións financeiras galegas. As taxas de desemprego e índices de pobreza e exclusión social continúan sendo das máis elevadas da nosa historia, mentres as cifras do PIB galego sitúanse á cola do resto das comunidades, por baixo da media española. Como as recomendacións de política estratéxica autocentradas continúan sen ser abordadas, dende as de ordenación do territorio e racionalización das administracións locais, como as das infraestruturas portuarias, aeroportuarias, viarias e ferroviarias. Como tampouco se atenden as relativas á prioridade das políticas educativas e de I+D+I ou ao aproveitamento tarifario da nosa produción de enerxía eléctrica.

Nos últimos anos os problemas económicos de Galicia agraváronse ameazando coa desaparición de sectores que para o noso país son estratéxicos e fundamentais, como o leiteiro, o forestal, o pesqueiro, o eólico ou o da construción naval, mais que para o resto do estado ou da Unión Europea poden ser aquí perfectamente prescindibles. O que amosa que as prioridades produtivas teñen que ser escollidas por nós mesmos. Galicia é hoxe un país que necesita activar todos os seus recursos e todas as súas potencialidades produtivas, rexenerar a súa economía para xerar máis traballo e benestar para a súa cidadanía.

A actual onda recentralizadora prexudica tamén os intereses de Galicia e as posibilidades de contar con financiamento suficiente, no marco da autonomía financeira e da consideración das singularidades territoriais e demográficas da nosa comunidade, para ofrecer os servizos básicos de educación, sanidade e dependencia e atender ao marco competencial recoñecido no noso autogoberno. Outrosí sucede coa valoración da nosa lingua e cultura, o patrimonio da humanidade ao noso cargo, que sofren na intemperie un retroceso que as pode levar a unha perigosa insignificancia decorativa, cando non a súa práctica desaparición.

Neste marco Galicia precisa activar o seu autogoberno en termos políticos, mais aínda cando o que semella inevitable proceso de fragmentación política levará, previsiblemente, despois das eleccións xerais á apertura dun debate decisivo sobre a nova articulación territorial do estado. Xaora, ás portas deste 25 de xullo, Galicia precisa activar o seu proxecto colectivo, actualizar a súa vontade inequívoca de profunda rexeneración económica e política. E precisa facelo co protagonismo e entusiasmo dunha maioría social de cidadáns e cidadás que comparten un sentimento de pertenza a un país, do que se senten orgullosos e identificados. Xa o anunciou Curros Enríquez no poema “Pola unión”, que musicara hai uns anos o cantor Benedicto: “… na unión dos bos galegos / está da patria o porvir!”.

Onte 1200: «Galicia canta»

bretemas —  10 de Xaneiro de 2015 — Deixa un comentario

Galicia_canta

Comentei onte con Luís Ferreiro, director da Fundación Celso Emilio Ferreiro, o éxito da reedición de Galicia canta, considerado o primeiro long-play da música galega. Unha valiosa peza de coleccionista, recuperada no pasado mes de decembro pola Fundación CEF nunha edición non venal moi reducida.

Un disco na que o poeta de Celanova tivo moito que ver tanto na creación dalgunhas pezas como no seu proceso de edición e mesmo de distribución. Celso Emilio acuñou en Caracas en 1970 a idea de facer para a Galicia emigrante unha antoloxía dos intérpretes dalgúns dos integrantes da «canción galega moderna», a maior parte deles de Voces Ceibes, que comezaban a editar os seus singles e EPs en Edigsa e Xistral. Xustifícao nun textiño de presentación do disco, asinado como Arístides Silveira (un dos seus heterónimos), no que se diferencian os seis temas do lado A, no que se recuperaron as gravacións de Xavier (del Valle), Benedicto, (Xerardo) Moscoso, Guillermo (Rojo), Miro (Casabella) e Xoán Rubia, daqueloutra media ducia do lado B, gravada en Caracas por Xulio Formoso. O propio Celso Emilio tocou o pandeiro na «Pandeirada ao Che» de Xulio Formoso, ademais de ser autor de tres dos poemas do disco, «Romance incompleto» de Xavier e «Pola longa lonxanía» e «O dedo na chaga» de Formoso. Como tamén sabemos que Celso Emilio se ocupou de argallar a carátula do vinilo, recuperando ilustracións de Luís Seoane, e a súa distribución baixo o selo Pobovox (do que Galicia canta foi o seu único título). Contoume onte Luís Ferreiro que o disco fora distribuído entre as comunidades emigrantes de Caracas, Buenos Aires e Montevideo, e que algúns exemplares foran enviados a Galicia.

Sei que particular interese musical teñen hoxe os seis temas de Xulio Formoso, daquela universitario galego residente en Caracas, que musicou poemas do propio Ferreiro e dos poetas emigrantes irmáns Farruco e Ignacio Sesto Novás. Como sei que non se debe esquecer que dúas das súas cancións foron versionadas por intérpretes actuais, «Cholo peruán», incluído en 1978 por Pilocha no seu primeiro disco, e a xa citada «Pandeirada ao Che» por Luar na Lubre en 2005 no seu disco Saudade.

A recuperación deste long play alboral, realizada con grande fidelidade e respecto ao orixinal por Luís Ferreiro e o equipo de Ouvirmos de Xosé Aldea, constitúe un fito para a memoria da música galega das últimas cinco décadas, tanto pola singularidade desta antoloxía como polo feito da destacada participación do poeta Celso Emilio Ferreiro naqueles difíciles anos da emigración venezolana. Escribiu Arístides Silveira na presentación do disco que «esta é unha canción [referíndose á galega] que está á altura deste momento histórico, e a súa presenza deixará, sen dúbida, unha profunda pegada na cultura de Galicia.» Non se equivocou unha miga Celso Emilio, non. Galicia canta é unha pequena alfaia que conservaremos coma ouro en pano na nosa discoteca galega. Parabéns á Fundación CEF pola recuperación, especialmente a Luís Ferreiro e Xosé Aldea que a fixeron realidade.