Está vendo o arquivo da categoría » begoña_camaño

NOvas_Collazo_Nicolas_30-09-2016

Acompañamos onte a Ramón Nicolás na presentación d’ O espello do mundo en Bueu, acto organizado pola sempre dinámica Librería Miranda. Foron as presentadoras as escritoras e profesoras  Iria Collazo e Lucía Novás, alumnas no seu día do autor, que fixeron dúas lecturas moi luminosas da novela.

Iria Collazo destacou a exhaustividade do traballo da documentación da novela que permitu que as dúas protagonistas, Ona Guiomar Méndez e Hildegarda von Bingen, sexan tan próximas á lectora. «A fluidez da narración fai que nos insiramos na súa relación, abordada dende unha óptica feminista, como toda a novela». «A empatía con elas é moi de agradecer. Son personaxes afoutas, valentes, nunha época que non era propicia para as mulleres que ostentaban poder». «Mulleres que comparten a súa sabedoría, os seus coñecementos sobre o campo, sobre a súa identidade e sobre o seu propio traballo». Collazo sinalou que na novela atopara concomitancias con Herba moura de Teresa Moure e Circe ou o pracer do azul de Begoña Camaño. Confesou que recoñecera a Ramón na utilización dun léxico coidado, marabilloso, «capaz de conseguir que a obra funcione de forma independente». «Foi un verdadeiro pracer ler esta novela», concluíu.

Lucía Novás destacou que a novela abordaba o mundo dos cenobios femininos do século XII, cando as mulleres xa perderan certo poder, aínda que pervivían estes mosteiros como o de San Pedro de Ramirás, onde está localizada a novela. Detívose en salientar a figura de Hildegarda von Bingen, «creadora da lingua ignota, experta en botánica, protomedicina ou ilustración, unha figura fascinante que recupera Nicolás». Concluíu confesando que para ela «o mellor da novela son os textos sobre os seres máxicos, o dragón e o unicornio, onde Ramón Nicolás expresa o seu carácter de poeta».

XG002465013Xuntámonos no espazo agarimoso da Libraría Cartabón para presentar O espello do mundo e celebrar que a novela de Ramón Nicolás fose reeditada dous meses despois da súa aparición. Na primeira das intervencións, o escritor Xoán Carlos Domínguez Alberte salientou que foi en Escudeiros, parroquia do Val de Ramirás, onde xermolou este proxecto literario de Nicolás. A seguir, María Reimóndez confesou que cando soubo do contido da novela non puido evitar “a súa prevención sobre aqueles homes que se apropian de mulleres para protagonizar as súas novelas”, mais que cando a leu comprobou que “no caso de Ramón Nicolás este perigo de apropiación estaba evitado tanto pola súa capacidade grande para escoitar, para establecer empatía co que se escribe e cos seus espazos, como pola estrutura utilizada na construción da novela, facendo explícita a ollada dun personaxe masculino, neste caso Martiño, que funciona como  mediador na exploración de conflitos de poder como os vividos por Ona Guiomar e Hildegarda von Bingen”.

Reimóndez engadiu, ademais, que na novela de Nicolás aparecía “un compromiso explícito para non evitar certos temas, como a sexualidade e o lesbianismo”. “Esta é unha novela que fala do coñecemento, das mulleres como coñecedoras e depositarias do saber que trae ao presente figuras como a de Hildegarda, unha muller sumamente polifacética. Un amor polo saber que está presente no intercambio epistolar entre as protagonistas “. “A escrita da novela é moi coidada e fainos recordar a de Begoña Camaño”. Rematou María Reimóndez dicindo que “esta é unha novela na que un autor non ten medo ao mirar ao espello e mirar as mulleres”.