Listado de la etiqueta: axencia_efe

Onte 1292: Ramón Luis Acuña

ramon_luis_acuna_sanchezTriste a nova do pasamento do xornalista ourensán  Ramón Luis Acuña, con quen colaboramos na recuperación de Fírgoas, a obra do seu pai o poeta Manuel Luis Acuña. Correspondente en España durante moitos anos de Le Figaro, delegado da axencia EFE en París durante a Reforma Política, especialista en política internacional, director da cátedra UNESCO sobre Minorías, Nacionalismos e Culturas Transnacionais, Acuña foi outro dos grandes xornalistas galegos do século XX. Defensor dos valores da tolerancia e do diálogo, presentes no seu libro El deber de tolerancia, nas últimas dúas décadas batallou pola posta en valor da figura do seu pai, membro daquela xeración ATEO de mestres ourensáns que defenderon as luces da República. Hai uns días varios amigos da «causa Acuña» recibimos un correo seu no que celebraba o feito de localizar en Bos Aires un orixinal da primeira edición de Fírgoas. Deixounos unha lembranza saudosa.

Celso Collazo, xornalista

No artigo desta semana en Faro de Vigo homenaxeo ao xornalista Celso Collazo:

Celso-Collazo-en-Plaza-Guadalix-768x1024Hai uns días morreu en Guadalix de la Sierra Celso Collazo Lema, unha das lendas galegas do xornalismo internacional. Nacido en Vimianzo o 15 de novembro de 1921 no berce dunha familia galeguista (o seu pai, colaborador de Castelao, foi paseado en Ponteareas no mes de setembro de 1936 e o seu tío, pouco despois, en Ourense), Collazo pertenceu a esa xeración de galeguistas históricos formada por persoas extraordinarias como Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto, Plácido Castro, Xosé María Álvarez Blázquez ou Valentín Paz Andrade, ás que coñeceu en Vigo na segunda metade da década de 1940 na tertulia do café bar Derby, unha illa de libre pensamento e lecer que rexía Albino Mallo García, situada na praza de Urzaiz, á que tanto debe a cultura viguesa no franquismo.

Souben da vida de lenda de Collazo polo tamén xornalista Carlos G. Reigosa, un dos seus grandes amigos e valedores, a quen asesoraba na documentación da súa vindeira novela, sobre todo nos episodios referidos a presenza no porto de Vigo de nazis e xudeus, coincidindo cos anos de remate da Segunda Guerra Mundial. Un tempo ao que o vimiancés non foi alleo, xa que chegou a nosa cidade de fortuna no ano 45, tras pasar antes pola Coruña e Pontevedra, comezando a frecuentar a tertulia que despois de xantar se desenvolvía no Derby, daquela rebautizado como Bar Imperial, xa que foron erradicados dos locais os nomes estranxeiros. Conta o meu admirado Álvaro Álvarez Blázquez que entre as ringleiras de mesas e baixo a luz dos espellos reuníanse pintores e escritores vigueses para falar de todo o xeneroso mundo das humanidades e tamén do que sabían había que calar Alí acudían, entre outros, Plácido Castro, Paco del Riego, Xaime Isla, Maside, Laxeiro, Lugrís, Priego de Oliver, Pepe Meixide, Xosé Sesto, Sevillano, Xavier Andrade, os catro irmáns Álvarez Blázquez e, tamén, o mozo Celso Collazo quen destacaba por ser un xogador invencible de xadrez, capaz de ser o único que fixo táboas nunha partida simultánea que alí xogou con xadrecistas vigueses o fenómeno Arturito Pomar.

Segundo Albino Mallo naquelas tertulias do Derby destacaba Collazo pola súa cultura, “de quen apenas se sabía que facía á parte de ler”. Naquel foro era considerado como “a gran promesa da literatura galega”, por algunha das súas colaboracións en “La Noche”, e admirado pola súa facilidade para aprender idiomas, contanto apenas cun dicionario e unha gramática, o que despois lle abriría moitas portas. Foi o xornalista Manuel Blanco Tobío quen en 1951, cando Celso estaba moi apretado polas necesidades económicas, lle ofreceu un emprego en Madrid na Dirección General de Prensa, onde comezou a súa traxectoria como xornalista e ao ano seguinte casou coa pintora coruñesa María Antonia Dans. En 1957 foi enviado especial en Londres do diario “Pueblo”, incorporándose o mesmo ano na axencia EFE da man de Carlos Mendo para montar a súa primeira corresponsalía na cidade do Támese. Iniciou así a súa traxectoria como correspondente da axencia española en Londres (1957-68), Moscova (1970-75), Nova York (1975-77) e Washington (1980-82). En todos estes destinos a súa foi casa de acollida para os seus amigos galeguistas, como sucedeu en 1966 cando Del Riego e Cunqueiro viaxaron a Londres. Entrevistou en exclusiva ao presidente Carter en 1980 antes da súa viaxe a Europa e, como sinalou Jorge Mira, foi un dos primeiros xornalistas que se ocupou da divulgación científica e tecnolóxica, sobre todo do desenvolvemento da informática e do nacemento da rede, chegando a formar parte da Academia das Ciencias de Nova York.

Colaborou na fundación da editorial SEPT e, a pesar do seu periplo internacional, nunca perdeu o seu contacto con Galicia e coas iniciativas galeguistas. O pasado ano, cando xa non podía ler nin consultar Internet, vivindo días difíciles de soidade, sen apoio case ningún, doou á Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura 17.700 documentos da súa biblioteca persoal de grande valor, milleiros de fotografías, libros e revistas, o 80 % en inglés, entre os que hai moitos exemplares da colección de “The Times Book Review”, ademais doutros documentos sonoros e audiovisuais. Conversador infatigable, posuía unha memoria extraordinaria que compartía con xenerosidade. Mestre de xornalistas, un dos promotores da apertura informativa internacional do franquismo, Celso Collazo fixo súa a frase do seu amigo Peter Tunne: “o papel esencial da prensa non é satisfacer ao informante, senón confortar ao aflixido e aflixir ao confortado”. No entorno da actual crise de hibridación do xornalismo nun mundo multipolar, a figura do xornalista galego Celso Collazo merece ser posta en valor. O día 2 de agosto terá en Vimianzo, a súa vila natal, o seu primeiro recoñecemento en Galicia. Non era sen tempo!

Onte 1028: Celso Collazo

celso_collazoÉ incomprensible que a noticia do pasamento en Madrid aos 92 anos do de Celso Collazo Lema non merecese máis atención en Galicia. Correspondente internacional da axencia EFE en Moscova, Londres ou Nova York, este fillo de Vimianzo pertence ao grupo dos máis importantes correspondentes de prensa do século XX. Nos últimos meses tiven frecuentes noticias súas, xa que era moi bo amigo de Carlos G. Reigosa, a quen asesoraba na documentación da súa próxima novela. Celso Collazo pertencía á xeración de xornalistas vigueses de posguerra, participante activo na tertulia artístico literaria do Derby, entre os anos 1945 ao 1949, na que asistían amigos de seu coma Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto, Xosé María Álvarez Blázquez, ou María del Carmen Krukemberg… Casou coa pintora María Antonia Dans, mantivo amizade con Plácido Castro, colaborou na fundación da editorial SEPT e, a pesar do seu periplo internacional, nunca perdeu o seu contacto con Galicia e coa súa cultura. A figura de Collazo merece ser recuperada do esquecemento.