Artigos

Unha década de Espazo Lectura

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao décimono aniversario de Espazo Lectura:

Non se entende a capacidade de resistencia da edición en Galicia sen contar coas achegas que durante a última década recibiu de iniciativas de fomento da lectura. Non hai dúbida que entre elas hai que citar o plan de mellora de bibliotecas escolares, promovido pola Consellaría de Cultura e Educación dende 2004, que cos seus clubes de lectura e as súas actividades de animación está transformando a dinámica lectora de varios centos de centros públicos do país. Como tamén hai que facelo co Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que dende 1999 desenvolveu un modelo de intervención lectora sobre unha cidade que pretende mudar a súa pel dende a atención preferente ás crianzas. Sen esquecer, o modelo de corresponsabilidade interinstitucional e intergremial acuñado por Culturgal, a feira das industrias culturais de Galicia, que dende 2007 se celebra no Pazo da Cultura de Pontevedra, recoñecida pola Fundación Contemporánea como “o mellor acontecemento cultural do ano en Galicia”, onde o libro ten protagonismo de seu.

Xaora, nesta relación de iniciativas de éxito do fomento da lectura pública, non pode faltar a de Espazo Lectura (en diante EL), a asociación do Val Miñor sen ánimo de lucro que ten por finalidade o fomento e a animación da lectura, con atención moi singular e constante á lectura en lingua galega e no apoio ao libro galego. Creada o 26 de xaneiro de 2008, aínda que as súas sesións de contos do Contomar comezaran en febreiro de 2006, vencelladas á ANPA do CRA Antía Cal de Gondomar, EL conseguiu en apenas unha década constituír unha comunidade lectora en Gondomar, toda unha xeración que comparte libros e lecturas, así como diversas actividades comunitarias arredor da creación literaria e da lectura como vínculo de socialización. Unha asociación de voluntariado formada por corenta activistas da lectura e duascentas persoas e institucións, entre elas boa parte das editoras galegas e centros escolares do Val Miñor, que axiña se convertiu en referente e recibiu numerosos recoñecementos e premios, entre eles o da Mellor Iniciativa Cultural de Fomento da Lectura, outorgada na Gala do Libro de 2016.

Dende a súa creación EL concibiu a lectura non só como unha actividade individual silenciosa, que require da soidade e da concentración para a conquista dos textos, senón tamén como unha actividade socializadora e compartida de reflexión crítica, que en palabras de Concha Costas, a súa primeira presidenta e fundadora, “nos permita entender o mundo no que vivimos e sentirnos parte da comunidade á que pertencemos”. Eis, a razón de ser de Espazo Lectura, o nome tan afortunado escollido para unha iniciativa que pretende que a lectura se transforme en espazo para a vida, onde é posible gozar da ledicia argallada polo balbordo entusiasta dos picariños lectores co acougo proporcionado polos textos impresos ou dixitais que corren nas pantallas: En definitiva, como sinalou Alberto Manguel, EL asume que “non temos máis remedio que ler”, xa que “ler, case tanto como respirar, é a nosa función esencial”.

Esa é a convicción que move a programación anual de actividades e de clubes de lectura de EL, na que levan participado centos de autores e autoras galegos: Contomar, contacontos de 3 a 9 anos; Os mércores da Casa da Lectura, sesións de dinamización lectora na sede da asociación en Donas; Contos en cueiros, para bebés de 0-3 anos; Lendo contigo, para pais e nais e nenos e nenas de 7 a 11 anos; Comando le, para rapaces e rapazas a partir de 12 anos; Sete vidas e Lecturas debuxadas (cómic), para persoas adultas. Con idéntica intención organiza a “Noite na biblioteca” e a “Fogueira dos versos”, noites fermosas e máxicas que cada ano abren o verán coa luz dos libros e da poesía, a “Sentada lectora”, que en 2012 enfarrapou de libros e lectores e lectoras unha das prazas de Gondomar, ou as dez edicións do “Dar de ler como quen dá de beber”, actividade itinerante que cada 23 de abril leva a lectura a lugares onde non adoita estar presente.

E froito dese compromiso coa lectura pública, a asemblea de EL acordou en maio suspender as actividades na Biblioteca Municipal e renunciar á reserva de crédito do concello de Gondomar destinado a pagar as visitas dos autores participantes na programación da biblioteca preparada por EL. Un conflito que ten a súa orixe na precariedade de funcionamento e das instalacións da biblioteca municipal de Gondomar e no desinterese da alcaldía actual e do seu equipo de goberno por recuperar o diálogo con EL, que conta co apoio do pleno e coa solidariedade dos centros do Val Miñor. A loita por unha biblioteca digna en Gondomar resume hoxe o compromiso desta modélica asociación de voluntariado de fomento da lectura, que merece na súa primeira década de vida todas as beizóns e gratitudes.

Onte 1263: Noite da Edición 2015

noite_da_edicion_2015

No Pazo da Cultura de Pontevedra celebrouse a Noite da Edición 2015 na que se entregaron os premios aos mellores libros do pasado ano, outorgados polos membros da Asociación Galega de Editores. Nesta edición homenaxeouse ao editor Telmo Eiriz, propietario de Galinova que celebra o vinte e cinco aniversario da súa actividade. Antes de comezar a cerimonia, Anxos Riveiro, concelleira de Cultura de Pontevedra guiounos polo Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que na súa XVI edición dedica a súas actividades ao tránsito Da Ciencia á Ficción.

A cerimonia foi conducida polas poetas Lucia Aldao e María Lado con grande axilidade e humor, o que moito axudou a ganduxar as numerosas intervencións da noite. Comezou Laura Rodríguez, presidenta da nosa asociación, sinalando con claridade meridiana as importantes dificultades do sector editorial en Galicia e convidando a participar na campaña de promoción da lectura #eusiqueleo promovida pola AGE durante os meses da vindeira primavera dos libros. O noso admirado Alfonso García Sanmartín, ex-presidente da AGE, fixo a laudatio do labor editorial de Telmo Eiriz, quen nas súas palabras de resposta convidou a defender o libro impreso en papel.

Kalandraka, Alvarellos, Baía e Xerais levaron os galardóns nas diversas modalidades, correspondendo a María Reimóndez o premio Xosé María Álvarez Blázquez á mellor autora do ano. O seu discurso brillantísimo homenaxenado a Begoña Caamaño, que recibira o mesmo premio dous anos antes, e reclamando unha maior implicación do sector editorial na publicación de textos de mulleres e na igualdade real, foi un dos momentos máis relevantes. Como tamén o foron as palabras de Agustín Fernández Paz, cando agradeceu o Ánxel Casal ao mellor libro de ficción por A viaxe de Gagarin, denunciando os prexuízos que se volven verquer sobre a literatura e sobre a lingua galega. Foron tamén momentos moi bonitos para nós, as palabras de gratitude de Helena Pérez, en nome de Xerais, despois de recibir o premio Xosé Neira Vilas ao mellor libro infantil por Escarlatina, a cociñeira defunta, así como as da súa autora, Ledicia Costas cando colocou o seu aclamadísimo libro no territorio dos que procuran a igualdade de facto entre os mozos e as mozas, neste caso entre os grandes da cociña.

Particular relevancia para os editores galegos ten en cada Noite da Edición o premio Francisco Fernández del Riego co que a xunta directiva da nosa asociación recoñece unha iniciativa cultural ou editorial externa ao noso colectivo. O premio foi nesta edición para as Bibliotecas Escolares de Galicia polo seu labor continuado e compartido de fomento da lectura, promovido e alentado dende o equipo da Asesoría de Bibliotecas Escolares, formado por Cristina Novoa, Pilar Sampedro e Xosé Luís Barreiro. Un recoñecemento necesario, para un traballo de máis dun milleiro de profesores e profesoras que merece a maior gratitude dos editores.