Artigos

60 anos de Follas Novas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo, coincidindo co 25 de xullo, a lembrar a experiencia de Follas Novas, iniciativa que hai sesenta anos promoveron Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda:

O 15 de xullo de 1957, aniversario da morte de Rosalía de Castro, o matrimonio de escritores Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda inaugurou no seu propio fogar de Buenos Aires, na rúa Asunción 3035, o que bautizaron como Follas Novas, unha empresa editorial galega concibida para reunir todo o que se publicaba en galego e sobre Galicia en calquera lugar do mundo. Pepe e Anisia, daquela uns mozos recén casados, presentaron a iniciativa como “feira permanente do libro galego”, unha organización editorial e libreira continuadora do labor a prol do libro galego que viñan desenvolvendo sociedades e centros galegos e o activista e polifacético Luís Seoane que, contando coa colaboración de Arturo Cuadrado, impulsou edicións de libros galegos nas coleccións Hórreo e Dorna da arxentina Emecé Editores e máis tarde nos selos propios como Nova (1944), Botella al mar (1946) ou Citania (1957).

Un esforzo de resistencia da edición galega no exilio destinado tamén a facerse oír na propia Galicia interior, nos tempos difíciles do franquismo feroz onde os exemplares das edicións destes libros e revistas (como Galicia emigrante) chegaban de matute nos fondos das maletas emigrantes, sendo distribuídos despois de forma discreta nalgunhas librarías comprometidas, como a famosa anticuaria Monterrey de Pi e Margall 14, aberta dende 1948 por Luís Viñas Cortegoso e Xosé María Álvarez Blázquez.

Segundo confesou Xosé Neira Vilas no se discurso de ingreso na Academia Galega, «A cultura galega en Buenos Aires: 1950-1960», no seu primeiro ano de actividade Follas Novas comezou a distribuír as edicións de autor e os fondos de Emecé e Nova dispoñibles, aos que se engadiron os que chegaban de Galicia, os primeiros publicados por Galaxia, Bibliófilos Gallegos e a colección de poesía Benito Soto, que comezaban a reiniciar a actividade editorial galega no interior. Imprimiu catálogos, creou un sistema postal de novidades, que se distribuía entre asociacións de emigrantes, exiliados e universidades, ademais de instalar vitrinas en oito sociedades galegas da capital arxentina, onde se expoñían os libros galegos máis recentes.

Follas Novas organizou actos culturais, como a grande homenaxe a Otero Pedrayo, que chegara a Buenos Aires invitado polo Centro Galego para ditar conferencias e tomar parte nos actos do Día de Galicia de 1959. Entre o 22 de xullo e o 5 de agosto de 1960 preparou a primeira exposición de prensa galega na arxentina, ademais de tres exposicións do libro galego, a do Centro Lucense de Buenos Aires; a de Montevideo, inaugurada por Lois Tobío; e a de Caracas, que contou coa participación de Emilio González López e Pura Vázquez. Cada sábado celebraba unha xuntanzas de mozos galegos e arxentinos nas que se comentaban os libros que ían chegando e se lían poesías e narracións. Follas Novas vendía libros nos actos públicos da comunidade galega, para o que contaba coa axuda de mozos vencellados ás asociacións.

Follas Novas anunciaba as súas actividades nas revistas da comunidade e contaba cunha emisión radiofónica, «Mirador bibliográfico galego», unha iniciativa pioneira onde semanalmente Elsa Fernández, unha colaboradora principal do proxecto, comentaba un libro. Ademais de establecer filiais e núcleos de colaboradores en Caracas, Montevideo, Santiago de Chile e Nova Iork, e na Arxentina en Mar del Plata, Santa Fe e Rosario. Tamén pola súa iniciativa, o 10 de outubro de 1959, creouse en Follas Novas a Asociación Arxentina de Fillos de Galegos, que editaba a revista «Alén mar» e mantería por anos unha fecunda actividade relacionada coa cultura e a historia dos seus ancestros.

Follas Novas tivo tamén actividade editorial iniciada coa publicación de Itinerario galego (1958) de Víctor Luís Molinari, ao que seguiron Terra aluciada (1959) do porriñés Xosé Conde e Esta es Cuba, hermano (1960) de Anisia Miranda, ademais do primeiro poemario de Xosé Neira Vilas Dende Lonxe (1960) e da súa novela fulcral Memorias dun neno labrego (1961). O propio Pepe Neira confesoume que dentro do programa editorial de Follas Novas estaba previsto facer unha segunda edición de Sempre en Galiza (1944) de Castelao, que xestionaran co Rodolfo Prada e Virxinia Pereira, «na que estaba en proceso de análise a posibilidade de incorporar dous novos capítulos que o autor non incluira na primeira». Non foi posible. Como tampouco a publicación da revista «Letras galegas», que deseñaran. O devalar da vida e os seus accidentes, o que Neira Vilas definiu como «problemas técnicos», obrigou a pechar en 1961 a aventura patriótica de Follas Novas, coincidindo coa marcha de Anisia e Neira a Cuba. Un capítulo heroico da nosa edición no exilio que seis décadas despois merece non ser esquecido.

Onte 1515: «O último día de Terranova» en Lume

lume_terranova_26-11-2015

Iniciamos onte na Libraría Lume da Coruña a que será unha longa xira de varios meses de presentacións da novela de Manuel Rivas pola xeografía galega da libraría, onde o factor humano da presenza agarimosa e o consello do libreiro e da libreira confire un valor engadido ao encontro da lectora co libro e coa seu autor ou autora. Unha xira que continuará o sábado ao mediodía na Libraría Sisargas e coa que Rivas reivindica o valor da libraría como hábitat natural do libro literario, mais tamén como espazo público para o libro e para a lectura, como celme da convivencia cidadá.

XG00215001O último día de Terranova é unha homenaxe a libreiros desaparecidos, como o vello Antón Patiño de Librouro, o da memoria de ferro, ao que Rivas xa dedicara Os libros arden mal, e o coruñés Molist, de quen o autor conserva a lembranza da súa presenza como referente nos seus días de mocidade. Mais tamén é unha homenaxe a cinco das libreiras coruñesas de hoxe, a quen está dedicada a obra, Lola, Amparo, Marta, Silvia e Begoña. A novela constitúe unha homenaxe á libraría nun momento decisivo do proceso de hibridación da comunicación literaria e de banalización da cultura e da edición. Terranova é o nome da libraría da familia de Vizenzo Fontana e Garúa, a repartidora arxentina de libros, que fuxiu das gadoupas da triple A. Xaora, Terranova é un lugar inesquecible, un refuxio para náufragos da vida, un espazo de acollida de persoas e animais, un lugar protector, o mellor posible para alumbrar unha nova vida. Terranova e a libraría onde caben todas as librarías, como lugares de vida, espazos de liberdade, encontro e memoria.

Terranova é un espazo de memoria durante seis décadas, desque Antón, o vello mariñeiro, quixo darlle un futuro aos seus fillos, Comba e o tío Eliseo, e eles co profesor Amaro Fontana converteron a Cámara Estenopeica nun lugar onde vivir o exilio interior e gardar e distribuír os libros prohibidos que chegaron nos dobres fondos das maletas dos emigrantes. A libraría como espazo de contrabando de libros, como ponte permanente con Buenos Aires, a cidade onde se desenvolveron catálogos literarios extraordinarios como os da editorial Botella al mar de Arturo Cuadrado e Luís Seoane ou os da Fabril editora de Jacobo Munick, tanto pola calidade dos seus textos coma pola beleza dos seus libros. Libraría Terranova que mantiña conexión permanente con París onde o editor Pepín Martínez publicaba os libros de Ruedo Ibérico, fachos de liberdade.

O último día de Terranova recolle algúns fíos que Manuel Rivas deixou apenas ganduxados en 2006, cando publicou Os libros arden mal. Como aquela é unha expresión do malestar da cultura, localizada baixo o ritmo da lumieira do faro. Como aquela, é unha homenaxe ao mundo do libro, antes ás bibliotecas e edicións libertarias, agora ás librarías e editoras do exilio. Como aquela, ten estrutura de mosaico, aínda que probablemente menos complexa e moito máis breve. Ambas as dúas novelas xiran arredor do valor da cultura, do pensamento, da edición, da escritura e da lectura literaria como actividades que conforman os territorios da liberdade, os horizontes de esperanza.

O último día de Terranova comparte a xeografía interior, as palabras e a fragrancia da natureza d’ A boca da terra, o libro de poemas publicado o pasado verán. Un espazo e atmosfera comúns que facilitaron que Rivas ofreza nesta novela algunha das súas páxinas de prosa máis fermosa e puída de toda a súa obra. Unha novela na que conflúen vidas reais e imaxinarias, a cultura popular e a libresca, mais tamén xéneros, xa que abala entre a novela negra e os relatos de amores, mais sempre coa sutil presenza da ironía (para Rivas «ese humor que coñece a dor«) na voz de Vicenzo, o narrador en primeira persoa do vivido e do recordado. Unha historia na que conflúen os espazos do exilio e da oposición. Unha radiografía da sociedade actual do malestar, onde todo resiste ameazado polos carteis de «liquidación de existencias por peche inminente de negocio». En palabras de Rivas na presentación de onte «O último día deTerranova é unha viaxe entre a perda e o afecto, onde cada personaxe ten un sustituto co que dialoga, Amaro con Eliseo, Vicenzo con Dombodán…»

Hai dous días, Mercedes Corbillón, a libreira de Cronopios de Pontevedra e Santiago, publicaba no seu perfil de Facebook a primeira anotación que coñezo sobre O último día de Terranova. Cualificaba o libro de Rivas de marabilloso. Transcribo un anaco do seu texto: «Remateino nun bar, mentres Lola tomaba torta de chocolate e eu andaba en Certo Punto do Espírito con Eliseo, perdida nos silencios de Amaro e pechando os ollos para lembrar aquel día no que a liña do horizonte sobre o mar me fixo chorar». Mellor non se pode dicir.