Listado de la etiqueta: artes_escénicas

Crise das artes escénicas

No artigo da semana en Faro de Vigo abordo a situación das artes escénicas ao fío do informe do Observatorio da Cultura Galega.

l17c7f1A publicación a pasada semana do “Panorama estatístico das artes escénicas” preparado polo Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega amosa a crise profunda deste sector cultural en Galicia. Uns datos que non deixan lugar a dúbidas sobre o momento crítico que sofren todas as actividades profesionais e afeccionadas relacionadas co teatro, a danza clásica e contemporánea, o teatro de monicreques, o mimo, a maxia e o circo. Os datos son contundentes. De 2009 a 2013 perdéronse case o 50 % das representacións teatrais en Galicia, que pasaron das 2.944 ás 1.495; como tamén se reduciu nun 38 % o número de espectadores e espectadoras, o que supuxo unha perda de 225.000 entradas, e baixou a recadación nun 26 %, uns 900.000 euros, con respecto a unha facturación do sector teatral que en 2009 chegou a ser superior aos tres millóns de euros.

Retroceso notable da actividade teatral en Galicia que levou tanto a diminución do número de festivais escénicos como o de compañías, reducidas nun 20 %, a pesar de que o noso país con 213 compañías estables ocupa a quinta posición dentro das Comunidades Autónomas, supoñendo o 6,6 % das existentes en España, porcentaxe felizmente por riba do da nosa poboación. Un retroceso de actividade artística que se produce tamén en termos moi semellantes nas relacionadas coa danza e coas outras expresións das artes escénicas.

Quizais o máis alarmante deste informe do Consello da Cultura Galega sexa o relativo ao consumo cultural dos fogares galegos en espectáculos. Un dato que con 36,5 euros por ano (2013) sitúa a Galicia no derradeiro lugar entre todas as comunidades autónomas, mesmo por detrás de Estremadura (46,5 euros) e de Castela-León (48,6), moi lonxe da media española de 77,8 euros. Un consumo en continuo retroceso dende 2007, cando supuxo en Galicia unha cantidade de case 74 millóns de euros, mais reducida a 39 millóns en 2013, o que representa unha severa diminución do 47,15 %.

Porcentaxes estatísticas que expresan dúas cuestións relevantes. A primeira, que na actualidade os galegos e as galegas gastamos en espectáculos bastante menos (arredor da metade) ca maioría dos cidadáns doutras comunidades. A segunda, que reducimos este consumo, tamén a case a metade, durante o período da denominada crise económica. Baixa importante do consumo que levaron ao sector profesional das artes escénicas á redución do seu nivel de emprego (sendo na actualidade arredor das 1.800 persoas as afiliadas á Seguridade Social en Galicia na rama de actividades de creación artística e espectáculos), á diminución dos seus ingresos de explotación, ao aumento das perdas das empresas e a un endebedamento moi alto, xa por riba do 100%.

Tras esta importante redución do consumo e da actividade das artes escénicas en Galicia están os efectos devastadores do incremento do IVE cultural, que dende o mes de setembro de 2012 pasou do 8 % ao 21 %, cuxos efectos se fixeron sentir tamén sobre outros sectores das industriais culturais, como o do cine, o da música en vivo e o da comercialización de libros electrónicos. Un incremento fiscal denunciado de forma teimosa polos sectores da industria cultural e do lecer co famoso berro de silencio, ese xesto de levar un dedo á boca para expresar que se pretende calar a cultura, que a pesar de que nunca acadou a recadación que pretendía o ministro Montoro non ten trazas de ser modificada polo goberno de Mariano Rajoy.

Mais tamén sobre esta profunda involución das artes escénicas en Galicia está o desinterese da actual Xunta de Galicia polo conxunto da actividade cultural en galego, expresada na persistencia do recorte das súas axudas e o escaso interese sobre o futuro dos seus sectores. Durante as últimas tempadas, o teatro que se fai en Galicia e en galego, coa excepción dalgúns festivais, está practicamente desaparecido das carteleiras convencionais (abonda ver a programación de teatro galego recente en Vigo), o que lesiona tanto o dereito dos espectadores e espectadoras a ver este tipo de funcións coma o de actores, actrices e profesionais da escena galega a desenvolver a súa actividade.

Para saír deste auténtico precipicio, as artes escénicas en Galicia, sobre todo o sector teatral, precisa dun plan estratéxico que recupere un nivel mínimo de actividade. Como xa expresamos noutras ocasións é posible optimizar a rede de salas para ampliar o número de funcións e espectadores. É posible introducir medidas de estímulo directo para o público, como as do bono cultura, ensaiadas noutras comunidades. Como é posible priorizar o apoio a este sector cultural, onde continúa existindo un emprego importante, sobre a quimera de “relanzar” a programación da Cidade da Cultura, que como era previsible continúa desangrando os orzamentos da Consellaría de Cultura.