Está vendo o arquivo da categoría » arquivo_municipal_de_vigo

Arquivos da memoria viguesa

bretemas —  30 de Novembro de 2017 — Deixa un comentario

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo á situación precaria dos arquivos en Vigo:

A pasada semana un grupo de vinte persoas vinculadas coa actividade cultural asinamos unha declaración pública na que solicitamos ao concello de Vigo unhas instalacións dignas e un funcionamento profesional para o Arquivo Municipal de Vigo, ubicado dende 1978 no segundo soto da propia Casa do concello, a carón do garaxe, en condicións hoxe moi precarias. No texto denunciamos “a falta de persoal e de dirección profesional” dun servizo que é de competencia municipal, así como as deficiencias no acceso e clasificación dos seus fondos. Denunciamos as condicións inaxeitadas para a conservación e custodia dos fondos documentais, a incomodidade do actual espazo de consulta presencial e a ausencia dunha sala de lectura axeitada, como tamén o estado de descoido dunha instalación ruidosa e pouco amable para as numerosas persoas usuarias, tanto cidadás curiosas, como investigadoras ou amadoras da historia local.

Expresamos, en definitiva, a nosa preocupación polo estado precario do que debería ser considerado como auténtico “sagrario da memoria municipal”, xa que alí se custodian milleiros de documentos (o máis antigo de 1455), entre manuscritos, libros, cartafoles, publicacións, documentación histórica e relixiosa, actas, censos, planos e expedientes urbanísticos que conforman unha parte esencial da historia escrita de Vigo. No documento reclamamos a instalación do Arquivo Municipal nunha novas dependencias de propiedade municipal que permitan dar cobertura ás necesidades técnicas de conservación dos fondos e do acceso en mellores condicións para as usuarias, así como a dirección profesional do servizo, o comezo da dixitalización dos seus fondos e a creación dunha web que permita a súa consulta en liña.

Xaora, esta situación do Arquivo Municipal non é a única precariedade que sofre a nosa memoria local. A inexistencia dunha Biblioteca de Estudos Locais, como a aberta polo concello da Coruña na rúa Durán Loriga, retarda o coñecemento e a difusión da historia da cidade entre a cidadanía e, sobre todo, entre a poboación escolar. Unha biblioteca especializada en historia de Vigo, tanto como espazo físico como virtual, que como xa temos proposto noutras ocasións, podería nacer moi doadamente dos magníficos fondos existentes na Biblioteca da Escola de Artes Oficios, na que se custodian algunhas das coleccións hemerográficas máis valiosas das localizadas en Vigo. Como tamén axudaría na creación deste centro activador de memoria a coordinación que puidese manter con algúns outros xa existentes, sobre todo os da Biblioteca da Fundación Penzol da Casa Galega da Cultura, e os do Instituto de Estudios Vigueses, entidade filantrópica especializada na memoria do Vigo metropolitano, merecedora de maior atención por parte das diversas administracións públicas das que até agora recibe. Sen menoscabo da súa posible colaboración co activo Arquivo do Porto de Vigo, en funcionamento dende 1881, esencial para entender cabalmente o ADN portuario e atlántico de Vigo, que conta con máis de 60.000 pezas documentais, algunhas extraordinarias, como as fotografías de Sarabia dos anos vinte.

Outrosí sucede coa posta en valor do patrimonio fotográfico recollido no Arquivo Pacheco, un auténtico tesouro para activar a memoria do Vigo da primeira parte do século XX, que nin de lonxe conta cos recursos necesarios para un funcionamento óptimo e para popularizar o acceso ás súas cento corenta mil pezas. Arquivo fotográfico da cidade, que debería ter o seu celme no até agora fantasmal Centro de Arte Fotográfica de Vigo (CAFVI) da rúa Chao, cuxos fondos de propiedade municipal de Ksado e Vigo visións deberían ser ampliados cos do Arquivo Llanos, hoxe propiedade da Consellaría de Cultura, depositado no Museo Etnolóxico da Ribadavia, ao que se poderían engadir os doutros grandes fotógrafos de “Faro de Vigo”, Magar e Cameselle (claves para entender o período de entre séculos), como os de carácter social da fotógrafa internacional de estudio Mari Quintero ou os artísticos de fotógrafos amadores da relevancia de Ricardo Terré.

A situación dos arquivos vigueses expresa a carencia dunha estratexia municipal de memoria, a pesar de que constitúe un requisito para calquera cidade que pretenda proxectarse no futuro. Vigo non pode continuar sendo unha cidade desmemoriada e curtopracista, allea ao seu pasado. A crise case agónica da actual rede museística (co Marco na UCI), a precariedade dos arquivos e o desinterese endémico para crear a biblioteca do estado e desenvolver unha rede de bibliotecas municipais homologable á da cidade da Coruña sitúan a Cultura en Vigo nunha situación de emerxencia. Insistimos no que constitúe unha evidencia, non hai mellores luces que as da lectura e as da memoria.