Está vendo o arquivo da categoría » ap-9

A caixa da AP-9

bretemas —  12 de Setembro de 2018 — Deixa un comentario

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a reclamar a recuperacion da titularidade pública da AP-9:

Poucas situacións provocan en Galicia enfado da cidadanía máis unánime e continuado que a xestión privatizada da autoestrada do Atlántico caracterizada polas deficiencias do seu mantemento e polas continuas subas das tarifas das súas peaxes, entre as máis elevadas da península. Unha problemática na que chove sobre mollado, como comprobamos hai pouco cando se coñeceu que o Ministerio de Fomento e Audasa, a concesionaria da AP-9, preparan para fin de ano unha nova suba do 2 % como compensación polas obras de ampliación de Rande e da circunvalación de Santiago Compostela. Un incremento que se engade ao do pasado primeiro de xaneiro, cando as tarifas subiron un 1,9% (aducindo idénticas razóns), a pesar de que as obras na Ponte de Rande (a que reiteramos a proposta de rebautizar como «Ponte do capitán Nemo» ou «Ponte Jules Verne») non finalizaron e as retencións e o peche nocturno dos carrís centrais foron constantes ao longo de todo o verán. Outro abuso da concesionaria dunha infraestrutura para a que non existe aínda alternativa gratuíta, que (non o esquezamos) na última década incrementou as súas tarifas en máis do 30 % e cuxos beneficios netos superaron o pasado ano os corenta millóns de euros.

Abusos de Audasa que neste verán foron criticados polas alcaldías do Morrazo, sobre todo por parte de Xoán Manuel Pazos, alcalde de Cangas, a quen temos escoitado na radio denunciar a ocupación por parte da propia concesionaria dos «aliviadeiros» deseñados na ponte de Rande para evitar que en caso de accidente ou avaría dalgún vehículo nos carrís exteriores, o resto dos vehículos quedasen alí atrapados, o que provocaría o conseguinte atasco no corredor do Morrazo ou na saída de Vigo. A ocupación destas «saídas de emerxencia» con contedores, guindastres e vehículos, ademais dos trastornos ao tráfico e a súa seguridade que puidesen ocasionar, xustificados pola concesionaria cun servizo de guindastre a ambas as dúas bandas da ponte, constitúe cada día que pasa a testemuña de que a inauguración da ampliación de Rande do último 30 de decembro, coa presenza protocolaria de Rajoy, Pastor, De la Serna, Feijoo e Caballero, entre outros membros do PP e do PSdeG-PSOE, se fixo cando as obras non estaban finalizadas e coa intención de permitir a inminente suba de tarifas. Nove meses despois daquela «inauguración» as obras de renovación nos taboleiros centrais continúan e as promesas do Ministerio de Fomento (agora en mans do PSOE), como a eliminación da peaxe de Redondela, quedaron en augas de bacallao.

Trastornos para as persoas usuarias da AP-9, que tampouco contamos coa posibilidade de aproveitar o tren do Eixo Atlántico en horario nocturno, que porén non afecta á concesionaria cuxo estado de caixa mellora cada ano (xa anuncia 21 millóns de beneficios no primeiro semestre de 2018). E se isto non abondase para quedarnos con cara de parvos, tamén durante estes días asistimos á batalla polo control da propiedade de Itínere, a propietaria de Audasa, que explota tamén outras dúas autoestradas galegas, a AG-57 do Val Miñor e a AG-55 da Coruña a Carballo. Unha durísima loita financeira, aínda non concluída, entre dous grupos de fondos de pensións internacionais, a sociedade Globalvía, trasnacional formada por tres fondos, OPtrust (canadiano), PGGM (holándés) e USS (británico), e a artellada por APG (holandés) e Corsair (estadounidense), que parece hoxe probable gañadora, tras presentar unha oferta de compra alternativa. En todo caso, unha mudanza de propiedade dunha concesión moi atractiva desde que no ano 2000 foi alongada polo goberno de Aznar até o 18 de agosto de 2048, e que para maior «cabreo» cidadán coincide no ano no que Fomento (en mans do PP) comezou o rescate das «autoestradas quebradas» da Comunidade de Madrid (cun custe de mil millóns de euros), e máis recentemente o novo ministro (socialista) anunciou a decisión de non prolongar as concesións a piques de rematar este ano ou o vindeiro, como a da AP-1 entre Burgos e Armiñón, a AP-7 entre Alacante e Tarragona ou a AP-4 entre Sevilla e Cádiz.

Que fixemos os galegos e as galegas para merecer isto? É xusto que continuemos sendo reféns da concesionaria da infraestrutura que artella a nosa mobilidade interior? Abonda para rematar cos abusos da concesionaria con reclamar que as competencias sobre a AP-9 sexan transferidas polo Goberno de España a Xunta de Galicia, como acordaron (xa por terceira vez) os grupos do Parlamento de Galicia aprobando unha proposición non de lei inicialmente presentada polo BNG? Non sería xa o momento de que Galicia se plantase, dende o seu Goberno até o seu Parlamento, co apoio inequívoco da cidadanía, e reclamase a titularidade da AP-9, que é o mesmo que asumir o seu rescate das mans destes fondos de pensións que esgotan os nosos petos?

A prol do tren moucho

bretemas —  15 de Xaneiro de 2018 — 1 Comment

Dedico o artigo da semana en Luzes a reclamar o tren atlántico nocturno:

O ano comezou cunha subida do 3,1% das tarifas da AP-9. Viaxar en coche de Vigo á Coruña custa 15,50 euros en cada dirección, podendo beneficiarse as persoas usuarias dun desconto do 25% se utilizan a VIA-T e realizan a viaxe de ida e volta no mesmo día. En definitiva, no mellor dos casos, 23,25 euros por un traxecto de 308 km de autoestrada, aos que habería que engadir o custe de 18 litros de combustible, arredor de 21,88 euros (co prezo do gasoil subindo), o que eleva a conta, insisto, no mellor  dos escenarios, aos 45 euros.

En román paladino, cada vez que viaxamos entre as áreas metropolitanas atlánticas achegamos arredor de sete euros a Audasa. Unha actividade que ofrece unha marxe que para si quixeran outros sectores da economía galega. Abonda con botar as contas da vella para sorprenderse coas cifras que supón a explotación desta infraestrutura utilizada por 50.000 vehículos que cada día achegan por portaxes 360.000 euros, dos que en 2016 se estimaba que 100.000 eran de beneficio neto (case un de cada tres euros) para a súa propiedade, cuxo 45% detenta Corsair Capital (un fondo inversor norteamericano), o 23,8% Abanca e o 15,5% Sacyr, os tres principais accionistas. Un negocio que conta coa garantía de continuidade nas tres próximas décadas, desque a concesión foi prolongada en 2000 polo goberno de Aznar até 2048. E, se isto non abondase, unha infraestrutura privatizada sen alternativa gratuíta ningunha para as súas usuarias.

Fronte aos 45 euros de viaxar pola AP-9 contamos coa posibilidade de utilizar o tren do Eixo Atlántico: unha viaxe máis rápida (unha hora e vinte entre as estacións de San Cristobo e Urzaiz) e un prezo por traxecto de 18,10 euros, que podería quedar en 29,00 euros cun billete de ida e volta. Unha alternativa coa que aforrariamos 16 euros con respecto á viaxe en solitario pola AP-9 e coa que gozariamos das comodidades e posibilidades de lecer do tren de velocidade alta, sen menoscabo dos beneficios para o medio ambiente que suporía. Mais aí é onde aparece o problema do horario, xa que a derradeira saída ofrecida por Renfe, tanto de Vigo como da Coruña, é ás nove da noite. Algo incomprensible nun servizo con altas taxas de ocupacións en todas as franxas horarias, das maiores de media distancia de Renfe, que obriga, outra vez, a deixarnos como reféns de Audasa.

Aumentar apenas unha frecuencia en cada sentido entre Vigo e A Coruña, con saídas entre as 22:30 e as 23:00 horas permitiría que utilizasen o tren atlántico moitas das persoas que acuden a espectáculos ou realizan xestións vespertinas nalgunha das cidades deste corredor. Se viñese acompañada de pequenos axustes na programación horaria destas actividades, no marco das necesarias políticas de conciliación e racionalización, esta medida provocaría a longo prazo unha revolución na mobilidade entre os habitantes das nosas cidades atlánticas. Os vigueses poderiamos acudir ás representacións do Pazo da Ópera da Coruña e os coruñeses aos concertos do auditorio de Beiramar. Ou uns e outros asistir ás proxeccións do Cineuropa compostelán ou gozar dos partidos do Obradoiro, do Teucro e doutras disciplinas deportivas, por non citar os eventos das festas de verán ou as posibilidades que se abrirían para a mobilidade do estudantado e o profesorado das tres universidades. Un horario nocturno que facilitaría as conexións aeroportuarias internacionais, a pesar de que os camiños de ferro non chegan aínda a ningunha das terminais, o que a longo prazo tamén as faría máis competitivas con respecto a do Porto. En definitiva, contar cunha maior e mellor oferta ferroviaria nocturna só iría en prexuízo do emprego da AP-9, que despois de corenta anos e xa varias veces amortizada, continúa espoliando os nosos petos sen contrapartida ningunha.

A reivindicación doutro horario para o derradeiro tren do día ten que ver, ademais, co deseño dun novo mapa de comunicacións e mobilidade para seis cidades (Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Santiago, Coruña e Ferrol, a única desconectada deste tren) chamadas a funcionar como unha única rede urbana atlántica, capaces de competir e chamadas a colaborar entre todas elas. Abondaría con coordinar as súas programacións públicas e privadas para facilitar a visita das súas cidadanías aos espazos para o lecer, o tapeo e o turismo familiar de fin de semana de cada unha delas.

Tras os elevadísimos investimentos no corredor ferroviario atlántico, tras a redución dos servizos do tren tradicional de proximidade, cómpre activar os servizos dun novo tren capaz de introducir un novo dinamismo intergalaico que coute os localismos reaccionarios. É incomprensible como ningún dos gobernos locais destas cidades atlánticas como tampouco ningún dos partidos da oposición reclamase ao Ministerio de Fomento coa insistencia e convicción necesarias no Congreso e no Parlamento Galego a posta en marcha deste revolucionario tren moucho. Pagaría a pena volver intentalo.

 

A batalla da AP-9

bretemas —  23 de Maio de 2017 — Deixa un comentario

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a situación da AP-9 e a súa relaicón coa cidadanía galega:

No acto de celebración do corenta aniversario dos Premios da Crítica Galicia, Román Rodríguez, lembrou que a primeira edición destes galardóns coincidira en 1978 coa finalización da ponte de Rande, que sería aberta ao tráfico o 7 de febreiro de 1981. Unha proeza da enxeñaría, deseñada no tardofranquismo, daquela a ponte atirantada máis longa do mundo e, agora, a icona da Ría de Vigo de finais do século XX, que catro décadas despois está sendo ampliada para mellorar a mobilidade entre ambas as dúas bandas do mar de Vigo, o que axiña mudará a fasquía de peza arquitectónica máis identificable da nosa liña do ceo.

A ponte de Rande, ademais de formar parte do tramo máis transitado da AP-9, medula de 200 km que comunica o eixo atlántico urbano de Ferrol a Tui, soporta cada día o tráfico de máis de 50.000 vehículos, que dende 2006, liberados de pagamento, tras unha longa loita da veciñanza do Morrazo, contribúen sen embargo a incrementar a factura millonaria dunha peaxe en sombra pagada a medias entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento a Audasa, propietaria da infraestrutura.

2016110316272316882

Como usuario moi frecuente que son da AP-9, anóxame o estado deplorable actual dun vial con deficiencias de mantemento, con redución do persoal asistente, con horarios precarios nas áreas de servizo, con obras interminables na calzada e perigos constantes que, nuns casos, ralentizan a marcha moi por baixo do que sería razoable, e noutros, longas demoras provocadas polos frecuentes accidentes ou avarías na ponte de Rande ou na travesía de Compostela. Inconvenientes polos que os sufridos usuarios nunca somos compensados economicamente nin sequera recibimos desculpa ningunha por parte da concesionaria.

Outro abuso máis de Audasa que dende a apertura do primeiro tramo da autoestrada en 1973 leva ingresados por peaxes máis de 2.400 millóns de euros e que cada día factura máis de 360.000, dos que se estima 100.000 serían de beneficio neto para a súa propiedade, cuxo 45% detenta Corsair Capital, un fondo inversor norteamericano, o 23,8% Abanca, o 15,5% Sacyr, os tres principais accionistas. Un negocio formidable para eles, unha auténtica bicoca, tanto pola súa amplísima marxe de beneficio como pola súa garantía de continuidade nas tres próximas décadas, xa que a concesión, non o esquezamos, foi prolongada en 2000 polo goberno de José María Aznar até os 75 anos (2048), e se isto non abondase, para os usuarios non existe vial alternativo gratuíto ningún.

As cidades galegas do Eixo Atlántico, onde se concentra hoxe o 70% da poboación galega, son reféns da concesionaria da AP-9, unha empresa con inequívoco afán recadatorio e moi refractaria a asumir as demandas dos seus usuarios, a dialogar coas administracións ou sequera a devolver á cidadanía por medio do mecenado e da acción sociocultural e deportiva unha parte dos seus enormes beneficios. Velaí as dificultades que ten o concello de Vigo para establecer un acceso gratuíto ao centro de Vigo dende a rúa Buenos Aires, unha medida solicitada dende hai máis de dúas décadas, ou para obrigar á concesionaria a tomar as medidas necesarias para mitigar a contaminación acústica que padecen milleiros de veciños de Teis. Eis a sanción que o Porto de Vigo impuxo á Audasa polo impago de taxas por uso do dominio portuario na ponte de Rande. Velaí as numerosas queixas nos medios de comunicación e nas redes dos usuarios da AP-9 que reciben como única resposta da concesionaria o incremento dunhas tarifas desproporciondas nunha infraestrutura varias veces amortizada.

A solicitude da transferencia da titularidade e das competencias da AP-9 á Xunta de Galicia, medida proposta polo BNG e aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia, debería abrir un novo modelo de xestión da AP-9 dende Galicia e ao servizo dos intereses xerais da cidadanía galega. Unha medida que, a pesar da negativa inicial do goberno de Rajoy, é perfectamente posible, xa que no seu momento se produciron transferencias de vías similares en Cataluña e Euskadi, e mesmo o actual goberno está disposto a asumir a factura millonaria do rescate das autoestradas fantasmas madrileñas. Como tamén sería posible reducir substancialmente as peaxes dos usuarios, introducir descontos por frecuencia ou establecer a gratuidade para determinados tramos.

Xaora, é imprescindible mudar a relación actual entre os usuarios e a concesionaria, que debe asumir que o contrato de explotación, tamén recolle obrigas e dereitos dos usuarios. A batalla cidadá por establecer un novo marco coa AP-9 está aberta. A unidade de acción de todas as forzas políticas nesta causa de país é imprescindible para establecelo.

Tren atlántico

bretemas —  1 de Abril de 2015 — Deixa un comentario

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o novo modelo de mobilidade e cohesión interurbana que debería supoñer a inminente posta en marcha do eixo atlántico de velocidade alta.

trenFormo parte do grupo de vigueses que hai corenta anos estudamos o bacharelato na Universidade Laboral da Coruña. Sei que fomos uns privilexiados por termos a oportunidade de vivir a experiencia feliz de sermos vigueses de nación e coruñeses de adopción. No entanto, tampouco esquecemos o tempo que daquela levaba viaxar dende Vigo até A Coruña, sempre moito máis de catro horas, fose nas viaxes penosas no fedorento ferrobús ou no Castromil que saía da rúa Uruguai. Durante aqueles anos tan importantes da nosa adolescencia, que coincidiron cos do tardofranquismo e co da morte (na cama) do ditador, descubrimos en longas camiñadas os recantos da Coruña, unha cidade popular preciosa que tamén fixemos nosa. Dende entón sei que a cidade da Torre posúe un celme idéntico ao de Vigo, presente sobre todo no corazón da veciñanza dos seus barrios populares.

Como reitera o escritor Xurxo Souto Vigo e A Coruña son a mesma cidade portuaria, mais durante estas catro décadas medraron viradas de costas. Un fenómeno ao que non foron alleos nin os acedos enfrontamentos futbolísticos sacados do seu contexto deportivo nin os localismos de tres pesetas dalgúns dos seus alcaldes, que de forma demagóxica utilizaron, e continúan utilizando, o enfrontamento atávico coa cidade rival como o seu mellor argumento para xustificar as súas decisións ou incapacidades. Vigo e Coruña viviron incomunicadas, a pesar de que son os dous músculos principais da economía galega, capaces de concentrar unha cuarta parte do PIB galego e de artellar nas súas áreas metropolitanas un terzo da poboación galega e xerar arredor do 60 % da actividade exportadora de Galicia.

Nun país como Galicia, onde a pesar de tres décadas de autogoberno, aínda non se abordou nin a ordenación do seu territorio nin a reorganización da súa administración, o enfrontamento e a incomunicación entre as súas dúas cidades principais constituíu un factor retardatario para o seu crecemento e un lastre para o desenvolvemento das infraestruturas. Nese contexto a ninguén pode estrañar que Vigo e A Coruña compitan a cara de can polas conexións de cadanseus aeroportos, a pesar que ambos os dous son os máis deficitarios da rede de AENA, ou que en ausencia dunha estratexia de proxección internacional de Galicia o fagan polas escalas de cruceiros atlánticos para os seus portos, coa intención de potenciar a actividade turística cara ás alfaias do seu patrimonio, a Torre e as Cíes. Senllas mostras dun fracaso cuxa responsabilidade principal radica na ausencia dun proxecto de integración das áreas urbanas de Galicia. Porén, é un feito que A Coruña e Vigo compiten na mesma categoría, a das cidades europeas atlánticas, o que as obriga a compartir unha estratexia de cooperación institucional (dos seus concellos, cámaras de comercio, asociacións empresariais, veciñais e cívicas), mais tamén de comunicación permanente e intercambio entre as súas poboacións.

Por ventura, A Coruña e Vigo son dúas cidades que grazas á apertura inminente do Eixo Atlántico ferroviario de velocidade alta quedarán á carreiriña dun can, apenas a unha hora e dez minutos. Unha noticia histórica que supón o remate dun proxecto de mobilidade interior concibido hai vinte anos polo conselleiro Xosé Cuíña. Un tren atlántico que permitirá que Vigo e Pontevedra funcionen como unha única rexión urbana, xa que levará menos tempo chegar dende a estación de Urzaiz a Pontevedra que a Samil. Un tren veloz que se conta con tarifas asequibles (o que hoxe é un interrogante), horarios alongados e máis frecuencias (incluída as anteriores a medianoite), permitirá que as cidadanías das catro cidades poidan compartir programación deportiva, cultural, festiva e, sobre todo, actividade comercial e turística. Unha auténtica revolución para o modelo galego de mobilidade, baseado no emprego da carísima AP-9 (o grande negocio destas tres últimas décadas), que reducirá o emprego do vehículo privado, ao tempo que sen dúbida facilitará o achegamento entre as veciñazas e a superación de tantos prexuízos localistas.

A chegada do tren atlántico á estación de Urzaiz debería levar a construír decontado alí por parte da Xunta de Galicia unha estación de autobuses, o que facilitaría a intermodalidade do servizo de transporte metropolitano, no que sería ridículo non participase o concello de Vigo. Como tamén a reformular todo o tráfico ferroviario en Galicia, tanto das liñas de cercanías, como das comunicacións coa Meseta, que sabemos sofrirán novos atrasos, como do tren celta con Porto. A Xunta e todos os concellos implicados deberían pactar con Adif e Renfe un novo plan para o tren galego desta década. Trataríase apenas de aproveitar a oportunidade que supón a chegada a Urzaiz do tan custoso e anceiado tren atlántico.