Listado de la etiqueta: aminetu_haidar

Aminetu Haidar e o asento de Rosa Parks

Agustín Fernández Paz escribiu un fermosísimo artigo lembrando a proeza de Rosa Parks. Foi o 1 de decembro de 1955 cando Rosa Parks se negou a obedecer en Alabama a un condutor de autobús que lle dixo que cedese o seu asento a un pasaxeiro branco. Hoxe un fermoso artigo dos cineastas Paul Laverty e Ken Loach recorda o acto de dignidade individual daquela muller farta de ceder e ceder, que supuxo un punto de inflexión da comunidade afroamericana na súa loita contra a segregación racial, comparándoo coa folga de fame que vén desenvolvendo dende hai días Aminetu Haidar no aeroporto de Lanzarote. A situación de Aminetu pon en evidencia a vergonzosa situación de esquecemento na que España deixou ao pobo saharui e a prepotencia coa que manexa Marrocos o conflito. O único delito que cometeu Aminetu foi ao seu regreso dos Estados Unidos cubrir na tarxeta de embarque o apartado destinado ao estado ao que pertence coas palabras «Sahara Occidental» (o nome do seu país) en vez de «Marrocos» (o nome do estado que dende hai máis de trinta anos invade o seu país). Cansa de ceder e ceder escribiu apenas o nome da súa nación. Esta resistencia non violenta, amparada polo valor das palabras, é a razón pola que as autoridades marroquinas lle impiden entrar no seu propio país (ocupado). Aminetu, rebelde, é unha estranxeira na súa patria por ser fiel á dignidade das palabras. O Goberno español xa non pode permanecer máis tempo coma se fose un mero espectador da situación de opresión sobre o pobo do Sahara Occidental. Zapatero e Moratinos teñen a obriga moral de encabezar a mobilización da comunidade internacional para que de vez se cumpran as resolucións da ONU e de presionar sobre ao veciño marroquino para que as respecte. A afouteza e a dignidade de Aminetu, coma no seu día fixera Rosa Parks, quizais estea abrindo o proceso do Sahara Occidental cara a súa autodeterminación. A nosa apreta solidaria para ela e para os seus compañeiros e compañeiras.