Listado de la etiqueta: amin_maalouf

Amin Maalouf, Premio Príncipe de Asturias das Letras 2010

Quen me coñece sabe ben da miña admiración pola obra de Amin Maalouf, o escritor francófono, de orixe libanesa, que vive dende hai anos na Normandía francesa. Coñecímolo hai dez anos cando viu a Compostela a presentar a edición en galego da súa, até agora, última novela A viaxe de Baldassare, traducida por Xavier Queipo e Lolis Torres París. Dende aquela viaxe quedamos engaiolados tanto pola súa proximidade humana e elegancia como pola causa que defende a da esperanza, a de enxergar camiños de encontro entre civilización e culturas, sen menoscabo ningún para asumir a diversidade e a diferencia como esencial á condición humana. Para Maalouf «a universalidade dos valores esenciais e a diversidade das expresións culturais» son dous principios tan intanxibles como inseparables para poder volver a repensar o mundo dende a primacía da cultura e, sobre todo, dende a identidade cultural de cada comunidade.Velaí o interese con que recibimos o seu informe sobre a diversidade lingüística como un reto proveitoso para contribuír a consolidación de Europa. Velaí o entusiasmo co que editamos o pasado ano A deleiba do mundo, un ensaio fulcral na súa traxectoria, no que diagnóstica de xeito anticipatorio a profundísima crise do capitalismo da mundialización. O feito de que hoxe obtivese o Premio Príncipe de Asturias das Letras 2010 constitúe, pois,unha fachenda que non podemos agochar. O pasado ano, Amin Maalouf xa recibiu o Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia do ano 2009 co que se valora as persoas ou institucións significativas polo seu labor a prol da unidade europea ou a preservación do patrimonio cultural do continente. As nosas beizóns  para o bo de Maalouf que sempre ten a deferencia de recoñecer a Xerais como súa editora en lingua galega.

«A deleiba da lingua»

No artigo da semana, con motivo da manifestación de hoxe, recollo a liña argumental de Amin Maalouf sobre a diversidade cultural e lingüística como eixos dunha nova civilidade.

Amin Maalouf acaba de publicar A deleiba do mundo (Xerais 2009), un ensaio apocalíptico e ao tempo esperanzado no que identifica as razóns polas que neste inicio do novo milenio as nosas civilizacións emorecen e, ao tempo, propón as vías que puidesen evitar a regresión anunciada. O escritor franco-libanés –galardonado este ano pola Xunta de Galicia co Premio Compostela que recoñece o labor a prol da unidade europea e da preservación do seu patrimonio cultural– enuncia con toda a claridade o dilema que debe resolver a aventura humana ao longo deste século: “seguir pola vía das civilizacións enfrontadas, que se imitan e se uniformizan, ou crear unha soa civilización humana, pero que se desprega a través dunha infinita diversidade”. Para seguir a primeira, abonda con irnos á valga preguiceiramente, como facemos hoxe seguindo o modelo da homoxeinización cultural empobrecedora. Elixir a segunda vía precisa dun arreguizo, dun compromiso con dous principios, intanxibles e inseparables para Maalouf, “a universalidade dos valores esenciais e a diversidade das expresións culturais”.

Esta concepción de Maalouf supón volver pensar o mundo dende a primacía da cultura e, sobre todo, dende a identidade cultural de cada comunidade, que ten como compoñente insubstituíble a súa lingua. As súas palabras son a este teor inequívocas: “respectar unha cultura é animar o ensino da lingua que a leva, é favorecer o coñecemento da súa literatura, das súas expresións teatrais, cinematográficas, musicais, pictóricas, artesanais, culinarias, etc.” Para Maalouf é posible unha humanidade consciente do seu destino común, reunida arredor dos mesmos valores esenciais, pero (e volvemos roubarlle as súas palabras) “seguindo a desenvolver, máis que nunca, as expresións culturais máis diversas, as máis abundantes, preservando todas as súas linguas, as súas tradicións artísticas, as súas técnicas, a súa sensibilidade, a súa memoria, o seu saber.”

Esta preocupación pola primacía da cultura e a conservación da diversidade lingüística xa se concretara o pasado ano no estudo “Un reto proveitoso. Como a multiplicidade de linguas pode contribuír á consolidación de Europa” (dende entón Informe Maalouf) que dez intelectuais encabezados por el presentaron á Comisión Europea. “Se Europa ten sentido é porque pobos libres decidiron vivir xuntos e agardan que as súas linguas e as súas culturas se expandan en vez de reducirse ou desaparecer” é a idea trabe sobre a que se propón un novo modelo de plurilingüismo europeo. Para contrarrestar unha tendencia aparentemente imparable de utilización dunha única lingua europea, o Informe Maalouf propón que xunto á aprendizaxe da “lingua materna ou identitaria” e da “lingua de comunicación internacional”, cada un dos europeos opte ademais por unha “lingua persoal adoptiva” para ser aprendida con paixón e permitir o acceso a outra cultura. Unha vez máis, Maalouf aposta polo plurilingüismo e pola diversidade cultural como o mellor investimento para a convivencia e, neste caso, para o proceso de construción europea.

Este modelo maaloufiano de linguas que suman e enriquecen a cada un dos individuos e ao acervo común das comunidades ás que pertencen foi tamén o que impregnou as políticas lingüísticas levadas en Galicia durante as tres últimas décadas. Políticas prudentes de converxencia e integración que pretenden conseguir idéntica competencia nas dúas linguas cooficiais para que logo cada cidadán escolla nos diferentes ámbitos a que sexa da súa preferencia. Sobre este modelo forxáronse os acordos da Lei de Normalización Lingüística de 1983 e o Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004, as dúas pezas senlleiras que recollen os consensos forxados por todas as forzas políticas e sectores sociais arredor do uso e da aprendizaxe das linguas que falamos os galegos.

Fronte a este modelo consensuado de integración e de aposta pola diversidade lingüística (que no caso noso non pode ser máis que de decidida promoción da lingua galega en todos e cada un dos ámbitos da vida social, xa que sofre un perigo real de desaparición motivado por un proceso acelerado de substitución lingüística) abriuse camiño en Galicia un modelo negacionista de monolingüismo en castelán (presentado baixo a falsa aparencia de “bilingüe”) que contando co apoio do Goberno Galego e do seu presidente pretende dinamitar sen contemplación ningunha todos os consensos acadados sobre o uso e a aprendizaxe das linguas en Galicia. Algo verdadeiramente inaudito e irresponsable.

Hoxe en Compostela, milleiros de cidadáns galegos camiñaremos para reclamar que non se dinamite a esperanza dun pobo milenario que ten na súa lingua e na súa cultura a súa mellor contribución á aventura da humanidade.

«A deleiba do mundo», o novo Maalouf

Este mes teremos nas librarías o novo Maalouf. Teño a impresión que este é un libro de ensaio que contribúe a introducir racionalidade e certas doses de esperanza no actual debate sobre a deleiba que vivimos.