Listado de la etiqueta: amador_e_daniel

Vigo obreiro do 72

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar a folga xeral de 1972:

Documentándome sobre a folga de setembro de 1972, atopei unha foto publicada no Faro de Vigo o 15 de marzo daquel mesmo ano. Trátase dunha instantánea tomada na Porta do Sol onde varios centos de obreiros ocupan a praza e interrompen o tráfico protestando polas mortes de Amador Rey e Daniel Niebla, baleados o 10 de marzo en Ferrol pola policía armada franquista nunha manifestación sindical de obreiros da Bazán. Unha gran concentración de solidariedade e condena da represión exercida sobre os seus compañeiros ferroláns, como tamén unha recadación de fondos para axudar a cubrir as necesidades das familias dos obreiros ferroláns mortos, detidos ou despedidos, que sorprenderon pola súa magnitude e alarmaron ás autoridades franquistas e aos círculos empresariais vigueses. Unha explosión de protesta social e laboral, que para o historiador José Gómez Alén tivera o seu precedente dez anos antes nos paros en Reyman e nos estaleiros de Vulcano e Barreras, promovidos polas Comisións Obreiras, que a pesar do seu carácter clandestino obterían en Vigo a maioría nas eleccións sindicais de 1971.

Conflitividade laboral que en Vigo tivo a súa continuidade na primavera do 72 na negociación do convenio de Barreras, no que a parte sindical reclamaba 400 pesetas por xornada, semana efectiva de 42 horas, un mes de vacacións e dereito de asembleas, entre outras  reivindicacións. Unha negociación que levou a paralización de todas as seccións da factoría o 10 de maio, ao que respondeu a patronal sancionando con 21 días de suspensión de emprego e soldo a case todo o persoal obreiro e de cinco á maioría do resto dos empregados. Conflito que provocou accións de solidariedade contra as sancións noutras empresas, como Citroën, Vulcano ou Álvarez, entre outras, cuxo traballadores participaron en paros e concentracións como a convocada polas Comisións Obreiras o 26 de maio na Porta do Sol, á altura de Príncipe, onde se concentraron tamén o groso dos efectivos dos “grises”, o que provocou saltos en diversos puntos da cidade. Conflito o de Barreras que supuxo a detención de 15 traballadores e rematou cun acordo entre a patronal e o xurado dun aumento salarial do 17 % (nun tempo de inflación desbocada) e coa retirada das sancións e readmisión dos detidos.

Naquela concentración solidaria do 15 de marzo de 1972 e no durísimo conflito do convenio de Barreras de maio do mesmo ano, que lembramos lendo nas páxinas do primeiro número de Vigo obreiro, periódico das Comisións Obreiras de Vigo, estiveron os xermes da folga de setembro de 1972, que estoupou en Citroën. A faísca saltou o sábado 9 de setembro cando os obreiros da quenda de tarde pararon reclamando a xornada de 44 horas semanais, que permitía librar a tarde dos sábados. Acción que foi respondida pola dirección con extrema dureza despedindo a nove traballadores, entre tres deles enlaces sindicais. O luns 11, nunha asemblea ás cinco da mañá na entrada da factoría, os participantes acordaron non volver ao traballo mentres houbera despedidos e chamaron á solidariedade do resto das industrias da cidade. O conflito estendeuse nos días seguintes a outros centros de traballo, chegando o 16 de setembro a participar na folga cerca de 35.000 obreiros de 30 factorías. A partir do 21 de setembro as empresas comezaron a enviar miles de cartas de despido, 6.000 en poucos días, decidindo o comité que dirixía a folga (a chamada “Intercomisión”) a reincorporación ao traballo o 25 de setembro. O número de despidos definitivos e detidos foi de 400 aproximadamente dos que 125 eran cargos sindicais.

A reivindicación do “sábado inglés” evolucionou en apenas dúas semanas cara a outras reclamacións de carácter socio-político e antifranquista, colocando a Vigo no primeiro plano das loitas sociais e laborais da España tardofranquista. O alcance da folga levou a que o entón bispo José Delicado Baeza fixera pública unha pastoral que chamaba a unha “conciliación xusta”, mentres que os círculos empresariais e autoridades franquistas non foron capaces de articular unha resposta conxunta, máis alá da actuación sen contemplacións da forza pública por toda a cidade e das detencións e malleiras na comisaría dos membros da Brigada Política e Social. Unha batalla que nos meses seguintes   continuou no ámbito xudicial para conseguir na Maxistratura a readmisión, tarefa na que destacaron os avogados laboralistas Fernando Randulfe e Elvira Landín que defenderon os dereitos dos traballadores até en 170 sumarios no Tribunal de Orde Pública (TOP).

Cincuenta anos despois aquela “Gran Folga de Vigo do 72” merece ser lembrada e os seus protagonistas homenaxeados pola súa afouteza en loitar pola conquista dos dereitos e liberdades cos que contamos. Esta hélice obreira e democrática forma parte do ADN da cidade.

Onte 908: 10 de marzo

Amador Rei e Daniel Niebla, obreiros da Bazán, foron asasinados pola policía da ditadura franquista o 10 de marzo de 1972 cando se manifestaban en Ferrol na defensa dos dereitos dos traballadores. Lémbroo como un dos primeiros acontecementos políticos que no remate da miña infancia me fixeron espertar, cando os maiores da casa falaban en voz baixa. Hoxe continúa sendo un dos feitos máis estremecedores da historia contemporánea de Galicia, que nunca debe ser esquecido, merecedor de ser lembrando nas nosas aulas. O seu recoñecemento institucional en 2006, polo goberno bipartito, como Día da Clase Obreira Galega non pexa o seu carácter cívico e reivindicativo, máis aínda no actual contexto de devaluación salarial, con taxas brutais de desemprego, con recortes de dereitos laborais, emigración masiva da nosa mocidade e exclusión e pobreza en todos os segmentos xeracionais, motivos moi semellantes polos que se manifestaban Amador e Daniel.

Recupero a foto daquel 10 de marzo de 1972 recuperada onte por Ferrol 360.

Onte 549: Amador e Daniel

Efemérides como a do 10 de marzo non poden pasar desapercibidas. Recordóunolo Agustín Fernández Paz  en «Era un inverno cruel de chumbo e morte», o título da valiosa anotación que publicou onte recollendo o primeiro verso dun emotivo poema escrito por Darío Xohán Cabana en lembranza daquel día nefasto de 1972. Nun tempo de abraiante precariedade laboral e social coma a que vivimos, é imprescindible facer un exercicio de memoria histórica lembrando o que sucedeu naquel Ferrol  de 1972, cando os obreiros de Bazán e Astano foron ametrallados pola policía. Como debemos facelo cos conflitos de Vigo naquel mesmo ano. Só así seremos conscientes do tremendo esforzo das xeracións que nos precederon, e mesmo das vidas que custaron as conquistas que agora pretenden arrebatarnos. Amador Niebla e Daniel Rei, sempre!!!