Está vendo o arquivo da categoría » alberto_ruíz_gallardón

Onte 1096: Retirada a tempo

bretemas —  24 de Setembro de 2014 — Deixa un comentario

aborto-libre-e-gatuitoA retirada do anteproxecto de lei do aborto anunciada por Rajoy e a demisión presentada onte por Gallardón son unha clara vitoria do movemento feminista e da cidadanía mobilizada contra unha contrarreforma tan regresiva para os dereitos das mulleres como a presentada polo que foi ministro de xustiza. Esta é unha clara vitoria da sociedade civil, mais tamén un alivio para as mulleres que son as únicas que deben decidir sobre a súa maternidade. Como tamén, nono esquezamos, unha proba da eficacia que a mobilización cidadán ten na defensa dos dereitos e liberdades conquistadas. Rajoy e o equipo de Arriola comprenderon, por fin, o perigo electoral que corrían impoñendo unha contrarreforma avalada só polos grupos ultraconservadores e a xerarquía da igrexa católica. Mágoa que este criterio realista non fose utilizado antes para evitar a aprobación da contrarreforma educativa de Wert, cuxa orixe e o seu rexeitamento son semellantes ao anteproxecto retirado. Outrosí debería suceder coa reforma anunciada no procedemento de elección das alcaldías. Ben sabe Rajoy que é preferible unha retirada a tempo que lamentar a derrota.

Vin onte o excelente documental sobre a manifestación «O tren da liberdade» que tivo lugar en Madrid o 1 de febreiro pasado, promovida por dúas asociacións de mulleres de Asturias en defensa do dereito das mulleres a decidir e contra a reforma da lei de aborto presentada polo ministro Gallardón no Congreso. Unha peza audiovisual, preparada polo Colectivo de Mulleres Cineastas, chea de potencia, valor e emoción. Ás portas dunha probable aprobación este mes por parte do Goberno destoutra gravísima restrición das liberdades das mulleres, a difusión deste documental moito paga a pena. O aborto é un dereito. Prego compartir en blogs e redes sociais.

Despois que o Congreso rexeitase no serán de onte a proposta do PSOE para retirar a lei do aborto, algunhas deputadas do Partido Popular aplauden satisfeitas ao ministro de Xustiza Alberto Ruíz-Gallardón polo seu éxito. A pesar da votación secreta, a maioría conservadora (PP, Unión Democrática de Catalunya e UPN) pechou filas e impuxo os criterios morais da Igrexa Cataólica sobre sobre o dereito das mulleres a decidir sobre a súa maternidade. Coma sucedeu coa LOMCE, non haberá posibilidade ningunha de evitar este disparatado retroceso promovido polo Goberno de Mariano Rajoy, o principal responsable de ambas as dúas leis. Non esquezamos, Ignacio Wert e Alberto Ruíz-Gallardon apenas protagonizan o traballo máis ingrato no marco dunha estratexia moi meditada neste segundo treito da lexislatura.

Onte 828: Indígname

bretemas —  21 de Decembro de 2013 — Deixa un comentario

Indígname a lei de Gallardón liquidando o aborto como dereito. Indigname esta lei machista que controla a vida das mulleres. Indígname que as mulleres, coa excepción de se son violadas, non teñan dereito a decidir sobre o seu propio corpo e sobre como orientar as súas vidas. Indígname que médicos e xuristas poidan obrigar a unha muller a ser nai contra a súa vontade. Indígname a hipocresía dos membros deste goberno que impoñen a súa moral ao conxunto dunha sociedade que saben diversa e plural. Indígname que o PP renuncie a gobernar para a maioría social ofrecendo á xerarquía da igrexa católica e aos sectores máis conservadores do seu partido as mulleres como moeda de cambio que oculte a súa xestión económica catastrófica. Indigname que as rapazas máis humildes se expoñan os perigos dos abortos clandestinos. Indigname que outras se vexan obrigadas a saír ao estranxeiro para abortar. Indigname que se criminalice o aborto cando se retiran as axudas a dependencia. Indígname este retroceso social de décadas provocado por unha dereita tan egoísta e hipócrita. Indígname.

Onte 609: Retrocesos

bretemas —  10 de Maio de 2013 — Deixa un comentario

Anóxanme as «reformas» que o goberno Rayoy pretende aprobar estes días. Semella que en todas elas atrasamos as agullas do reloxo tres ou catro décadas. Coa «reforma» da Lei de Costas, que reduce a 20 metros o espazo de costa protexido, retrocédese a 1969, cando se aprobou aquela primeira «Lei de costas» tardofranquista coa que se iniciaron os recheos e as barbaridades na nosa beiramar. Coa LOMCE, rexeitada onte por milleiros de persoas na rúa, recupérase a segregación temperá e por sexos da LXE de 1970, os trinta e cinco alumnos por aula e as reválidas no noso bacharelato elemental, a pretensión do currículum único dos »Programas renovados» do primeiro goberno de UCD ou o carácter non troncal do galego, catalán e éuscaro (denominados na LOMCE como «lingua cooficial», coma se non o fose tamén o español), anteriores á aprobación da LOXSE. Medidas que moi pouco teñen que ver coa necesidade de reducir o elevadísimo fracaso escolar do noso sistema, que duplica a media europea, e atacar os vergonzosos niveis de paro xuvenil. Se os retrocesos educativos de Wert non abondasen, o ministro Gallardón coa súa lei do aborto pretende retroceder máis alá da lei de supostos de aborto de 1985, o que supón un ataque brutal á liberdade das mulleres para decidir sobre o seu propio corpo. O máis paradóxico de ambas as tres reformas lexislativas é que ningunha delas responde a demandas dunha maioría social, a propostas de modernización do sistema produtivo ou sequera a intencións de mellorar a convivencia ou procurar maiores cotas de igualdade na sociedade. Tres »reformas» que só se poden comprender pola presión de lobbies que representan a intereses inmobiliarios ou da influencia pura e dura da igrexa católica, que con Rajoy no poder pretenden recuperar o terreo perdido. Imos mal.