Está vendo o arquivo da categoría » alberto_núñez_feijoo

Unha Galicia esgazada

bretemas —  18 de Abril de 2009

Ao longo desta semana non tiven oportunidade de publicar anotación ningunha sobre o debate de investidura. Sobre a cuestión, remito ás publicadas por Perfecto Conde, Ian e Antón Baamonde, todas as tres moi interesantes. Porén, hoxe seguín os actos de investidura de Alberto Núñez Feijoo pola Radio Galega e pola transmisión que María Yáñez realizou en twitter (beizóns polos comentarios). Ao longo da mañá, a miña sensación non puido ser máis triste e desacougante. Tanto pola estética do novo escenario (vaia pancartas!) como polos contidos do discurso tecnocraticamente galeguista do presidente (referencias a Cunqueiro, Piñeiro, á Galicia mariñeira e aldeana…). Sexa polas formas, sexa polos contidos das súas propostas, dificilmente Alberto Núñez Feijoo –a pesar da súa retórica chamada ao diálogo coa oposición e a sociedade civil–, vai ser capaz de agachar que coa súa presidencia Galicia volve quedar dividida, esgazada irremediablemente en dúas metades.

Tras todos os seus discursos e declaracións, o futuro comprometido para o idioma de noso é un feito xa irreversible. O novo presidente aposta teimosamente polo modelo defendido polos sectores galegófobos, asumindo acriticamente as falsidades da imposición do galego e o concepto de «liberdade lingüística». O goberno de Feijoo tratará de seducir á sociedade galega cun modelo dunha «Galicia trilingüe» no eido educativo (non sabemos como o conseguirá?, mais por aí sairá a nova chilindrada da reforma do decreto de fomento do galego) e abrirá as portas con toda claridade ao emprego do castelán por parte da Xunta de Galicia (estou convencido, agardo trabucarme, que haberá conselleiros monolingües en castelán), tal como llo solicitan os sectores máis galegófobos. Outrosí sucederá co desenvolvemento do autogoberno, no que propoñerá un modelo de desenvolvemento estatutario de rango semellante ao das comunidades que se constitúen agora nos nosos referentes (Madrid, Valencia…). Sen dubida que o PSdeG-PSOE recibirá nos próximos meses unha envelenada proposta de consenso por parte do novo presidente para aprobar decontado unha reforma do Estatuto. Un golpe de efecto galeguista que, ademais, tería a pretensión de deixar fóra do acordo ao BNG, condenado hai meses por algúns medios (que non ocultan a súa intención de marcar a axenda política do presidente conservador) a ser excluído da política institucional polo seu «radicalismo nacionalista».

O resto dos compromisos de Feijoo, dende as chamadas á rexeneración democrática, á reforma da CRTVG, á esixencia do cumprimento da Lei de Dependencia, marcarán un novo estilo de comunicación política (en clave xeracional, seguramente) que poden darlle moitos réditos ao novo presidente. Aí a exitosa experiencia demagóxica do Audi de Touriño que, con toda seguridade, será repetida durante a lexislatura.En tempos de crise estas medidas políticas (sen custe económico) son as máis rendibles. Pola contra, os seus esquecementos e a súa falta de concreción sobre asuntos tan importantes como a crise industrial, a Cidade da Cultura ou o Medio Rural,ou o perfil intencionadamente baixo que se concederá a determinadas áreas como a de Cultura, agoiran, paradoxicamente, unha presidencia máis volcada sobre a política ca sobre a eficacia de xestión (esa é mellor baza coa que contan os políticos de perfil tecnocrático).

Mentres, na outra banda, tanto o BNG (hoxe en asemblea decisiva para o seu futuro) como o PSdeG-PSOE deberán solucionar os seus liderados e crear un novo modelo relacional que permita artellar, o antes posible (nunha ou dúas lexislaturas) unha alternativa viable ao duro poder conservador. Mentres, haberá que confiar na resistencia e creatividade da sociedade civil para facer fronte a tempos difíciles para a defensa dos valores cívicos do galeguismo. O asociacionismo veciñal, cívico e cultural está chamado a ter un papel decisivo nesta nova etapa que se abre. Na auténtica renovación deste tecido de participación cidadán é onde pode estar ese maletín de Walter Benjamin do que onte falaba no seu groucho Rivas. Este é o tempo para que nazan novas iniciativas en rede na defensa destes valores republicanos. Non lle atopo outra receita para pasar este mal tempo: traballo, intelixencia e entusiasmo.

A lingua e as présas de Feijoo

bretemas —  8 de Marzo de 2009

No artigo da semana de Campo de Granada abordo o dilema que debe resolver Feijoo arredor da promoción do galego. Reproduzo o texto xa que non aparece na web de Faro de Vigo.

A lingua e as présas de Feijoo

As declaracións recentes de Alberto Núñez Feijoo sobre a súa intención de recuar dende a Xunta de Galicia nas políticas de fomento do galego son moi preocupantes. Se estes anuncios retrógrados se concretan como primeira medida política do novo goberno, asistiriamos a unha ruptura sen precedentes do consenso autonómico acadado hai case tres décadas arredor do estatuto das dúas linguas que se falan en Galicia. Unha medida que, sen dúbida, esgazaría ao país e a súa cidadanía en dúas metades, o que tería consecuencias políticas e sociais imprevisibles xa que a lingua galega é o primeiro ADN de todos os cidadáns que residimos en Galicia e de todos aqueloutros que aquí deixaron as súas raíces e a levan ou a adquiriron polo mundo adiante. O galego é o idioma que a todos nos abraza (tanto dos que o utilizamos como o dos que prefiren instalarse no castelán), unha raíz chantada no futuro sobre a que todos temos responsabilidade.

No entanto, comprendo que estes anuncios de Feijoo, concretados, polo momento, na intención de derogar o decreto de fomento do uso do galego no ensino, obedecen á súa urxencia por vender o éxito da súa vitoria (e, por ende, a de Mariano Raxoi) á prensa conservadora madrileña, obsesionada na súa persecución das políticas de normalización lingüística, baixo a falsidade de tratarse dunha “imposición” dos partidos nacionalistas cataláns, vascos e galegos. Enredado nesa tea de araña, apupado polas agullas de Jiménez Losantos e Pedro J. Ramírez, o futuro presidente da Xunta realizou na COPE unhas declaracións tan imprecisas como alarmantes sobre a liberdade dos pais para elixir a lingua da aprendizaxe da lectura e das “materias troncais”. Afirmacións que non teñen encaixe coa actual estrutura da rede educativa galega e co desenvolvemento normativo sobre o uso da lingua galega emanado da Lei de Normalización de 1983. Como quere Feijoo organizar os colexios e institutos en función deste modelo de elección? Apoiará a segregación do alumnado en función da lingua vehicular escollida polas familias? Haberá aulas ou centros castelanófonos e outros galegófonos? E os pais e nais que quixeren continuar como modelo lingüístico mixto vixente? En tempos de crise, valorouse o custe económico do modelo? Sendo a primeira medida de goberno, implantarase xa o vindeiro curso? É compatible este modelo de elección co obxectivo, establecido nos currículums vixentes, de que todo o alumnado ao remate da ESO posuirá idéntica competencia no emprego de ambas as linguas oficiais? E que facemos co profesorado?

Mais paradóxico aínda é que estas declaracións de Feijoo á COPE sexan contraditorias co programa do PP-G (presentado como “un contrato integral co pobo galego”). Nesas máis de trescentas páxinas nada se fala dun modelo educativo de elección lingüística, salientándose, pola contra, a aposta dos conservadores polo trilingüismo para todos, co “obxectivo de que ao remate da lexislatura a metade dos centros sexan trilingües impartindo un terzo das materias en inglés, outra en castelán e outra en galega”. Outrosí sucede co espazo dedicado á “Lingua Galega”, onde se recolle a aposta do PP-G “dende as súas fondas conviccións galeguistas para garantir que todos os cidadáns de Galicia puidesen exercitar os seus dereitos lingüísticos en liberdade, e, particularmente, os que elixen o galego, dada a situación de marxinación histórica” ou o seu compromiso de “garantir o equilibrio e proporcionalidade nas materias que se imparten en galego e castelán no sistema educativo, permitindo a necesaria flexibilidade”. Posicións programáticas matizadas, das que podemos discrepar, máis moi afastadas doutras caracterizas pola belixerancia galegófoba.

Señor Feijoo, aclárenos, a que debemos atender: ás súas declaracións a Jiménez Losantos (que o animaba, tamén, a deixar de falar en galego no Parlamento) ou ao programa publicado polo seu partido? O seu goberno vai apostar polas teses de monolingüismo galegófobo defendidas por sectores moi minoritarios como Galicia Bilingüe ou vai facelo pola continuidade das políticas de promoción da lingua galega enmarcadas polo consenso alicerzado dende a Lei de Normalización Lingüística, no que participan todos os partidos e as forzas sociais? Na intelixencia e na afouteza para resolver felizmente este dilema, residirán boa parte das súas posibilidades para que comece sendo o presidente de todos galegos (tamén deses máis de oitocentos mil que non o votamos) ou o primeiro que promoveu dende a Xunta de Galicia políticas de extinción da nosa lingua. Señor Feijoo, nas súas mans queda o futuro do noso idioma. Precisa tempo para resolver un dilema que merece unha reflexión serena e profunda, nesta súa aposta e do seu partido, xogámonos o futuro do ADN de todos os galegos.