Listado de la etiqueta: alberto_manguel

Onte 1723: Lectura lenta

066092dd847fcea3b7b72a1d99391f4fGustei da reportaxe de El Pais na que asocia a actividade lectora coa lentitude. Esa marabilla de deixarse abrazar por unha novela ou un ensaio durante varias horas seguidas, cando se activan os procedementos cognitivos máis complexos e a memoria funciona como un termostato incapaz de discriminar o vivido e o lido. A lectura lenta como tempo para a lectura reflexiva e meditada fronte á inmediatez e a velocidade da lectura zapeada e fráxil das cronoloxías das redes sociais, sometidas á brevidade e a descontinuidade dos hipertexos. Manter o hábito da lectura lenta axuda a conformar un estilo de vida saudable, capaz de combater o estrés e o desacougo do imperio do inmediato. Máis aínda cando sabemos que a profundidade, lentitude e dificultade continúan sendo, como sinalaba Alberto Manguel, as tres dimensións que dan acceso ao pracer da actividade lectora literaria.

[Alberto Manguel, «El sueño del Rey Rojo», Alianza Editorial, páxina 475]

Ler é a capacidade de entrar nun texto e exploralo ao máximo das nosas habilidades persoais, tomando posesión súa nun acto de reinvención.

Onte 356: «El sueño del Rey Rojo», novo libro de Manguel

Estou enguedellado co novo libro de Alberto Manguel, El sueño del Rey Rojo, outra entrega do arxentino-canadiano arredor da lectura, que concibe como «a máis humana das actividades creativas». Desque en 1998 lin Una historia de la lectura, sigo con enorme interese cada un dos seus libros que publica con excelencia e agarimo Alianza. El sueño del Rey Rojo enlaza coa paixón carrrolliana de Manguel que expresara hai máis dunha década En el bosque del espejo,do que recolleu algúns ensaios. Ambos os dous títulos quedan unidos, ademais, en cadanseu subtítuo que fai referencia ás «palabras e o mundo», sintagma co que Manguel reivindica a dimensión ética da lectura e a súa condición intrinsecamente humana: «considero que somos, en esencia, animais lectores e que o arte da lectura, no seu sentido máis amplo, defínenos como especie». Para Manguel é a palabra impresa a que lle «dá coherencia ao mundo» sendo a experiencia da lectura a que permite que o libro mude de forma nas mans de cada lector ou lectora. A finalidade da lectura, unha das reflexións claves do volume, é «descubrir nun libro o rexistro da propia experiencia». Para Manguel «ler é a capacidade de entrar nun texto e exploralo ao máximo das nosas habilidades persoais, tomando posesión súa nun acto de reinvención». El sueño del Rey Rojo é un libro fermoso, que para min precisa dunha lectura a sorbiños, atenta e demorada. Moi recomendable para letraferidos e amantes da metalectura.

[Alberto Manguel, «El sueño del Rey Rojo. lecturas y relecturas sobre las palabras y el mundo». Alianza Editorial 2012]

A lectura é o que nos define como especie e a “palabra impresa” o que dá “coherencia ao mundo”.