Artigos

Onte 1629: Activismo literario de Xerais

Que_non_te_aten_Cafetaria_Vilariño_Ponte_Carreira_31-03-2016

Foi onte outra intensa xornada de activismo literario de Xerais, no que durante o serán se desenvolveron tres presentacións simultáneas doutras tantas novidades recentes da editorial. Na Numax de Compostela, Fran Alonso e Alba Cid acompañaron a Ismael Ramos na presentación do libro de poemas Os fillos da fame, premio Johán Carballeira do concello de Bueu. No salón de plenos do concello de Ribeira presentamos a obra xuvenil A cacería de Amadeo Cobas, gañadora do premio de novela cidade centenaria, ao tempo que asinabamos co alcalde a continuidade da nosa colaboración neste certame de narrativa curta. Xa case na noitiña na Cafetaría Vilariño de Ponte Carreira o incansable Manuel Iglesias Turnes presentaba Que non te aten, contando coas intervencións de Pilar Sampedro e Cándido Iglesias e coa colaboración da Libraría Pedreira. Activismo que continuaremos esta fin de semana con novas convocatorias literarias. No serán de hoxe na Biblioteca González Garcés da Coruña cunha nova presentación de Que non te aten, que pechará a actuación dos Cantareiros do Naval. O sábado á tarde Xurxo Souto prresentará na Biblioteca de Muxía o seu espectáculo “Oceano para terrícolas”, baseado nos seus Contos do mar de Irlanda. Ao mesmo tempo no Liceo de Noia Amadeo Cobas presentará A cacería da man do escritor Ramón Carredano, acto co que a editorial celebra o día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.

Comezaremos os actos da vindeira semana o martes na Fundación Luís Seoane da Coruña, onde o alcalde Xulio Ferreiro participará na presentación d’ A Galicia urbana. En Pontevedra acompañaremos na primeira feira do libro deste 2016 a Alberto Fortes, Ramón Caride, Álex Alonso e Anxo Angueira que presentarán as súas novidades, actos que coincidirán coas presentacións da novela de Amadeo Cobas en Vigo e Santiago. Pecharemos a semana o venres na Casa do Libro de Vigo coa agardada estrea de Esmeraldina, a pequena defunta con Ledicia Costas e Víctor Rivas, protagonistas destacados tamén do Salon do Libro Infantil de Pontevedra. E o sábado ao mediodía presentaremos no concello de Fornelos de Montes a edición de Ramón Nicolás de Non debían medrar, coa que celebramos o centenario do nacemento de Manuel Lueiro Rei e a entrega do premio de poesía que leva o seu nome.

O esforzo de Xerais procura visibilizar as nosas novidades en espazos e localidades diversas, procurando chegar a novos públicos. Nun momento de hibridación e de incerteza, cando desapareceron practicamente as políticas públicas de lectura e de apoio ao libro editado en galego, o futuro do noso sector está tamén na nosa capacidade para activar o interese dos lectores e lectoras e ampliar o perímetro do seu abrazo. Nesa angueira seguimos.

Onte 1602: «De las librerías», Fray Diego de Arze

De_las_librerias_Museo_Masso

No Museo Massó de Bueu, onde presentamos onte O dobrón de a oito, a magnifica novela de aventuras de Alberto Fortes, atopei nunha porta un bronce no que se reproduce un texto de Fray Diego de Arze sobre as librarías. Chamou moito a miña atención atopar un texto tan interesante sobre bibliofilia barroca nunha sala onde se expoñen algunhas maquetas de embarcacións da armada española do século XVIII, que o historiador Xosé Fortes Bouzán nos situou á altura das mellores do Museo Naval de Madrid.

9788490011997_frontcoverFedellando despois na rede comprobo que o texto de Diego de Arze pertence a un libro escrito a finais do XVII polo franciscano murciano e publicado pola Biblioteca Nacional en 1988,  cuxo longuísimo título expresa as súas intencións:

De las librerías, de su antiguedad y provecho, de su sitio, de la estimación que de ellas deben hacer las repúblicas, y de la obligación de los príncipes, assi seglares como eclesiasticos, tienen de fundarlas, augmentarlas y conservalarlas.

En todo transcribo o texto do bronce de Massó que, salvando algunhas distancias sobre o papel da relixión, non perdeu miga de interese sobre o papeldos poderes públicos na promoción das librarías (e bibliotecas):

Si es vuestro, como de buenos padres de la patria, juntad thesoros, ensilar trigo, proveer armas, ordenar ferias para las necesidades públicas y menester de los pobres, y tiempo de guerra y comodidad de la contratación, no pongais en olvido las librerías, pues son los thesoros de los ingenios, los graneros del pan de la sabiduría, las armerías contra los enemigos de la religión, las ferias de la contratación de las letras.

Onte 1581: «O dobrón de a oito» de Alberto Fontes

XG00236601Presentamos onte no Ateneo de Pontevedra O dobrón de a oito de Alberto Fortes. Confesou o autor pontevedrés que escribira «a novela que me gustaría ler: de aventuras, de iniciación, que transcorrera na Galicia do século XVIII, que eu imaxinara tras a lectura de moita documentación onde se pode ver a Galicia daquel tempo polo miúdo». Para Fortes a novela aborda «a explotación dos campesiños polos donos da terra, fosen señores eclesiásticos ou forais, que se mantivo en Galicia até hai algúns anos, xa que coñecín o recendo da Galicia clásica na nosa aldea de Caroi.» «Sei que aquela Galicia barroca era un país chuvioso, enfangado. En 1769 houbo seis meses onde non se viu o sol, choveu seguido, pasouse moita fame. Era aquela unha Galicia de choupanas colmadas, aínda non telladas. Un país de tabernas de viño malo, que se levantaban ao pé das praias, onde había moito contrabando de sal e tabaco de Virxinia.» «Un país de pousadas cheas de bichos, como escribiu Borrow na súa viaxe por Galicia.»

Continuou a súa intervención Alberto Fortes referíndose a «aquel país de mareantes e navegantes, nun tempo onde se crea a Armada Española e os tres departamentos marítimos». «Os rapaces da beiramar tiñan a obriga de enrolarse na armada como grumetes e máis tarde como gavieiros, en condicións de vida moi duras, algúns quedaban mancos ou tocos.» «Un país no que había un odio ao inglés, o que explica o fenómeno do corso e a aparición de Benito Soto que asaltaba só a barcos ingleses.» «Imaxinaba parroquias con escribáns falsarios, xuíces corrompidos e curas caciques. E por último, un país onde había fidalgos pobres.» «Nesta Galicia da que tanto falou Otero con saudade –cando lembraba que “o millo foi o mellor presente que chegou a Galicia”, xa que financiou todo o barroco galego–, quixen ambientar esta novela de aventuras clásica, que agardo sexa do voso agrado.»