Artigos

Onte 1670: Lembranza de Manuel María no Club Faro de Vigo


Emotivo e desmitificador resultou o retrato que onte debuxamos no Club Faro de Vigo os participantes na mesa redonda “Manuel María: fanegas de corazón, alma de poeta” no que acompañamos a Saleta Goi, víuva do poeta homenaxeado este 17 de maio, Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María de estudos galegos e ás escritoras e biógrafas do poeta Mercedes Queixas e Margarita Ledo.

Mercedes Queixas salientou que “Manuel María asumiu “unha ética de vida que transcende a escrita”. “Unha obra, a mais prolífica da literatura galega, cuxo universo nace coas raíces na Terra Chá, medra coa súa formación clásica e multiplícase coa vocación da escrita empregando unha fala popular elevada a lingua literaria universal”. Queixas sinalou que Manuel María non quedou só na faceta literaria, non foi tampouco un mero espectador do seutempo xa que tamén foi libreiro, editor, xornalista, dinamizador cultural, mestre e político”. “Coa súa polivalencia de temas, estilos e destinarios, coa súa escrita contra a morte do individuo e tamén do colectivo, como voz dos silentes e dos expropiados, conseguiu que o país habitase na súa obra”, rematou a autora de Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María.

Margarita Ledo comezou lembrando o seu primeiro encontro con Manuel María e Saleta Goi en Monforte, no ano 1970, cando ela estudante de primeiro de xornalismo en Barcelona. “Agasalloume cun exemplar de Versos para un país de minifudios editado en Buenos Aires por edicións Nós”. Emocionouse Margarita cando confesou que despois lle enviara a súa primeira carta escrita en galego “porque ía conducida a el”, “grazas a Manuel fun tomando conciencia de que a lingua é unha pegada de clase que emerxe”. Reivindicou a académica ao Manuel María xornalista, autor de 1.400 artigos, “froito da súa tema divulgadora e da súa convicción de que cómpre escribir sobre aquilo que se experimenta cos pés, construíndo unha ollada singular do mundo”.

Alberte Ansede abordou “a viaxe interior do último Manuel María”, unha análise da obra poética publicada a partir de 1981, cando aparece Poemas de labarada estremecida, mediatizado por un tempo no que Manuel asiste á desfeita do mundo do campo e da propia lingua. “A obra de Manuel María incorpora unha grande desazón, consciente de que coa Democracia os tempos non son chegados nin para a lingua nin para o país”. “Manuel María inicia un proceso de introspección, de viaxe interior no que salienta o amor pola vida como unha forma de amor polo país”. Na súa análise Ansede salientou que o chairego foi “un dos mellores poetas amorosos da literatura galega do século XX”, “é moi difícil atopar unha combinación tan eficaz de sinxeleza lingüística e xenialidade expresiva”. “Poeta requintado, esteticista, universal rompe cos tópicos do poeta rural e panfletario. Mnauel María ensaiou todos os camiños poéticos”.

Por último, Saleta Goi agradeceu a resposta espectacular que o pobo galego está ofrecendo a Manuel María, “que sempre estivo acompañado de xente”. Tras unha fermosa intervención dende o público de Balbino Pérez Bellas, Saleta Goi aclarou a anécdota da famosa garrafa de caña de Manuel María, citada nunha canción do Zeca Afonso,