Artigos

Onte 1561: Ler fainos máis felices

Woman_reading_Marie_FoxSe aos abrazos extendidos dos que escribiamos hai uns días, engadimos os beneficios da lectura, apuntados nun artigo de Emma Rodríguez en ELPS, a vida pode ser moito máis levadeira e feliz. Isto polo menos é o que cren as responsables dunha investigación da Universidade de Roma III para as que as persoas lectoras «están máis satisfeitas cas non  lectoras«, sendo «en xeral menos agresivas e máis optimistas». A lectura de ficción, como en xeral a lectura en profundidade, aquela que require atención e actitude reflexiva, ten un carácter terapéutico, xa que reduce o estrés e contribúe ao desenvolvemento psicosocial e da capacidade de empatía, na medida que axuda a entender máis os sinais, actitudes e comportamentos das outras persoas. Como sinala Alan Brew, que foi editor do Financial Times, «ler aos grandes escritores faiche unha persoa mellor preparada para tomar decisións creativas, interesantes e educadas». Nunca está de máis atender estas gabanzas da lectura, un deses «vicios virtuosos« que axudaan a entender mellor a vida e vivila máis plenamente.