Listado de la etiqueta: alain_resnais

Onte 1421: A derradeira de Resnais

Non saímos decepcionados de Aimer, boire et chanter, a derradeira película de Alain Resnais. Un film lixeiro, no que aos 91 anos homenaxea ao teatro para volver sobre os seus temas esenciais, o amor e a morte. Ademais do entretido enredo de tres parellas maiores e o seu misterioso amigo, abraia a interpretación xenial dos seis actores dunha película de rexistro teatral. A ausencia de localizacións (apenas unhas paisaxes dos dales de Yorkshire), a utilización da ilustración e de decorados de tea e cartón, coma se dun espazo escénico se tratase, imprimen á película unha arriscada fasquía visual. Xaora, o emprego dunha potente elipse narrativa é o máis destacado deste relato no que nunca chegaremos a ver na pantalla ao seu protagonista. Esta despedida de Resnais non é unha obra mestra nin sequera unha película destacada, mais será lembrada pola súa aposta pola teatralización. O teatro no cine ou o cine teatralizado é a estratexia coa que o bretón afonda nas orixes do cinema, a arte á que serviu.

Onte 900: Finou Resnais

Finou onte o cineasta bretón Alain Resnais, un dos directores que sempre me interesaron dende as primeiras películas do cine clube de ANUE, aquela Providence, baseada no universo de H.P.Lovecraft e, sobre todo, Mon oncle d’ Amerique, unha das primeiras nas que aparece Depardieu. No blog temos celebrado Noite e brétema, a súa película documental sobre a deportación e exterminios nos campos nazis, filmada catro antes da súa primeria longometraxe, Hiroshima mon amour sobre un texto da Margarite Duras e de La guerre est finie sobre guión de Jorge Semprún. As películas que vin de Resnais sempre me pareceron tan complexas coma fascinantes, de narración deconstruída, anticronolóxica unhas, de vontade ensaística e reflexiva, todas. O seu pasamento convida á curiosidade de volver sobre elas.

Onte 568: «Noite e brétema» de Alain Resnais

Esta película documental (32 minutos) do bretón Alain Resnais sobre a deportación e exterminio nos campos nazi é proxectada decote nas clases de Troisième (curso equivalente a 4º de ESO) dos collèges franceses para ilustrar o tema da Segunda Guerra Mundial e o nazismo.

Realizada en 1955, en plena guerra fría, a partir de material de arquivo, esta alfaia do primeiro Resnais (filmada catro anos antes da súa primeira longametraxe, Hiroshima mon amour), constituíu dende entón un muro contra o esquecemento e un alerta dos riscos da banalización do racismo e de calquera forma de totalitarismo. O monólogo poético de Jean Cayrol, supervivente de Mauthausen, locutado por Michel Bouquet, achégalle ao filme grande dramatismo, desvelando (dende o propio título) o veo de silencio que sobre estas atrocidades foron tecendo as autoridades alemás.

As imaxes son brutais, inesquecibles, mostra da faciana máis nefasta da condición humana. As secuencias finais, nas que se citan os famosos «nove millóns de mortos» (unha cifra estimada hoxe entre os cinco e os seis millóns de vítimas do exterminio), apelan á responsabilidade colectiva, non só da sociedade alemá, tamén do conxunto da humanidade con respecto ás atrocidades nazis. «Quen é responsable?» é a pregunta que fai Resnais nesta peza memorable. «A guerra adormece cun ollo sempre aberto. Quen de nós vixía desde ese estraño outeiro para advertir da chegada de novos verdugos?» é outra pregunta fulcral coa que remata este chamamento á cidadanía a construír a memoria e a manterse á espreita fronte calquera forma de totalitarismo. Noite e brétema non perdeu interese. Constitúe un excelente recurso didáctico e de formación cidadá.