Artigos

Onte 1027: O 17 para Filgueira

filgueiraA elección de Filgueira Valverde como figura homenaxeada o 17 de maio de 2015 expresa a polarización interna da RAG e as dificultades da entidade que preside o profesor Xesús Alonso Montero para conectar con sentir común do galeguismo nacionalista. Os responsables desta elección saben a ciencia certa que a escolla do polígrafo da dereita galeguista, alcalde franquista de Pontevedra durante unha década, conselleiro de Cultura e presidente do Consello da Cultura Galega no período autonómico, provocaría o rexeitamento do nacionalismo galego, aínda que sería ben recibida (nun ano electoral) pola Xunta de Galicia. O feito de que fose o secretario xeral de Política Lingüística quen anunciase a elección en Twitter, minutos antes ca propia RAG, semella non ser azaroso. Foi a de onte, pois, unha elección polémica, na que os académicos que apostaron por Filgueira Valverde asumiron os riscos dunha decisión con inevitable transcendencia política.

A Academia apostou por homenaxear a unha figura cultural conservadora cuxa obra literaria en galego máis destacada son os noves volumes de Adral, «libro de varia lección», como os definía o pontevedrés, máis dun milleiros de artigos, publicados entre 1977 e 1996, no Faro, na Voz e no Correo, nos que divulgaba con detalle e erudición profesoral cuestións léxicas, literarias, históricas, etnográficas relacionadas con Galicia e a súa cultura. Nove volumes publicados por Isaac Díaz Pardo en Ediciós do Castro dos que son devoto, fonte inesgotable de coñecemento, de consulta obrigada, a pesar do paso do tempo. Estes textos de Adral, como os que cada sábado publica Méndez Ferrín no Faro, baixo o título «No confín dos espellos» ou os venres Alonso Montero no «Beatus qui legit« de La Voz de Galicia, constitúen un monumento cultural, unha marabilla que merece ser visibilizada e posta en valor, polo esforzo de investigación e alta divulgación que cada unha destas pezas de prosa erudita supón para o corpus da cultura galega. Como tamén posúe interese dentro da obra de Filgueira Quintana viva (1971), o seu único libro de narracións, cuxa primeira parte, «Os nenos» (1927), pode ser considerada como un dos textos alborais da nosa literatura infantil. No entanto, a pesar destes valores da obra literaria de Filgueira, é innegable que calquera das outras candidaturas que onte foron defendidas na RAG, fose a de Carballo Calero, Xela Arias ou Manuel María, contaban cunha obra literaria máis atractiva e diversa, ademais dun carácter máis integrador e actual, como mesmo de contar con máis apoio popular ca do catedrático pontevedrés.

Non é de adiviños aventurar que coa elección de Filgueira Valverde a efeméride do 17 de maio continuará o seu devalo como festa popular e cívica. Coa excepción dos contos xa citados de Quintana viva e da peza teatral de Agromar, asinada en 1936 como J. Acuña, a obra de Filgueira non vai ser doado que no eido escolar acade o interese da doutras figuras. Como tampouco é previsible que a homenaxe, tamén polas características da obra de Filgueira, contribúa a intensificar á lectura e a venda e interese polo libro en galego. Porén, esta elección, inevitablemente, reabrirá o debate (como quedou demostrado en menos de vinte e catro horas) sobre a memoria galeguista na República e no Franquismo, períodos nos que o polígrafo pontevedrés, un dos creadores do Seminario de Estudos Galegos, tamén fundador da editorial Bibliófilos Gallegos, tivo unha participación que será sometida a unha profunda revisión crítica. Xaora, entendo que foi un criterio corporativista o que levou á RAG a liquidar unha débeda pendente cun dos membros da súa estirpe, que formou parte da institución dende 1941 até o seu falecemento en 1996. A de Filgueira é unha escolla arriscada que reabre o debate da relación da Academia Galega coa sociedade da que forma parte e do futuro e sentido da propia efeméride do 17 de maio.