Artigos

Onte 1586: Asociación positiva co galego

imagenOs vinte anos que celebra esta fin de semana a CTNL merecen todos os parabéns. Dúas décadas de moi proveitoso traballo dun colectivo de profesionais a prol da lingua galega compartindo sintagmas de entusiasmo e simpatía. Como ben salientou onte Nel Vidal, que despois de nove anos de traballo arreo abandona a presidencia do colectivo, a estratexia de todas as súas campañas (Gústame o galego, Como cho digo, Agasallo.eu…) foi pular pola asociación do galego coa «positividade, a modernidade e o orgullo«, convencidos que así se poderían desmontar prexuízos e mellorar a percepción que a cidadanía galega ten do seu propio idioma. Os membros da CTNL pertencen por méritos de seu á Galicia inconformista e esperanzosa. Expresamos a nosa gratitude e admiración. Beizón.

Onte 1549: Agasallos

agasallo_03-01-2016

Nestes días andamos todos ás voltas cos agasallos de Reis, eses instantes de ilusión que tras os excesos do Nadal nos devolven á rotina e todos os seus problemas. Onte Vigo era un irevir onde resultaba moi difícil moverse, mesmo en Librouro, a nosa libraría de cabeceira, onde estivemos fedellando un bo anaco. Xaora, para as persoas que non estean dispostas a incomodidade das aglomeraicóns comerciais deste días, utilizar o web de Agasallo.eu pode ser unha magnífica solución. Alí poden atoparse agasallos de moi diversos tipos e procedencias, de distintos prezos, todos ben xeitosos e por riba en galego. A pesar desta febre dos agasallos, está na nosa man atallala utilizando os criterios de consumo responsable e solidario.

Onte 925: Como cho digo :-)

Outra vez a CTNL ofrece unha campaña modélica e moi atractiva de normalización da lingua galega, desta volta co obxectivo de visibilizala nos medios de comunicación. Colectivos profesionais, sociais e cidadáns, ademais de persoas a nivel individual, promovemos esta campaña coa intención de reclamar aos medios de comunicación o dereito a que non agochen a nosa lingua, algo tan doado coma escasamente frecuente, o de non sermos traducidas cando realizamos declaracións ou é solicitada a nosa opinión. O galego utilízase moito máis do que hoxe aparece nos medios de comunicación. Unha situación que é posible reconducir, se cada unha das persoas e colectivos que o utilizamos decote reclamamos o noso dereito a sermos respectadas. Unha mensaxe clara, expresada por persoas procedentes de eidos profesionais diversos (xudicatura, profesorado, investigación, cultura, deporte, xornalismo…), recollida nun fermoso deseño audiovisual, abonda para viralizar a campaña nas redes sociais e procurar o apoio popular. O éxito semella garantido. Coma sucedera con «Gústame o galego» e Agasallo.eu, o presentado onte é outro modelo a emular por outras iniciativas (tan necesarias) que pretendan aumentar o perímetro do abrazo da nosa lingua. A nosa gratitude para os membros da CTNL, especialmente para Nel Vidal, primeiro promotor da campaña, por ser capaces de compartir e contaxiar tantas doses de entusiasmo e optimismo en tempos dificiles. Beizóns para «Como cho digo :-)».

Onte 816: Agasallo.eu

Agasallo.eu foi un dos proxectos que se presentaron no espazo tecnolóxico do Culturgal 2013. É unha plataforma en liña que compila, difunde, dá a coñecer e recomenda agasallos en galego para todas as idades, todo tipo de acontecementos e épocas do ano. Unha iniciativa de visibilización dos produtos e servizos galegos, singularmente da nosa industria cultural (libros, discos, artesanía, tecnoloxía, audiovisual…), textil e alimentaria, ao tempo que de promoción de consumo responsable (tamén na nosa lingua). Promovida pola activísima e sempre innovadora CTNL, Agasallo.eu será presentada oficialmente o vindeiro 11 de decembro e poñerase ne funcionamento ao longo desta semana. Unha iniciativa de normalización moi inclusiva, potenciadora da autoestima e da industria e comercio cultural galego. Chamo a apoiala de forma entusiasta.