Está vendo o arquivo da categoría » afundación

Teatro García Barbón

bretemas —  18 de Abril de 2017 — Deixa un comentario

Dedico o artigo desta semana no Faro de Vigo a lembrar a historia do Teatro García Barbón e reivindicar a recuperación oficial do seu nome:

teatro_garcia_barbonO 23 de abril faranse noventa anos da inauguración do Teatro García Barbón, coa actuación da compañía de Consuelo Hidalgo e Ramón Peña que puxeron en escena a opereta “Madame Pompadour”. Aniversario que lembramos grazas á nota que Xosé María Álvarez Blázquez incluíu en A cidade e os días, ese extraordinario calendario histórico de Vigo publicado en Faro de Vigo, día a día, ao longo do ano 1959 e que o cronista editaría logo en edicións Monterrei (1960). Unha efeméride que para don Xosé María non podía pasar inadvertida tanto pola posibilidade de lembrar que case un século antes, en 1833, Vigo estreara o seu primeiro teatro, aquel da praza da Princesa (daquela da Alfóndiga), propiedade de Norberto Velázquez Moreno, como polo feito de que despois de case dúas décadas concluían os traballos do edificio deseñado e construído polo arquitecto Antonio Palacios no soar da rúa Policarpo Sanz esquina a Reconquista, onde o 8 de febreiro de 1910 ardera o teatro Rosalía de Castro, cando se celebraba un baile de entroido.

Fora o Rosalía de Castro un teatro nacido baixo un signo adverso, que tivo unha vida efémera, apenas unha década de existencia, dende a súa inauguración o 15 de xullo de 1900 até aquel fatídico incendio do martes lardeiro. Proxectado por Alejandro Rodríguez-Sesmero en 1881 e promovido por unha xunta de pequenos accionistas (que concertaron co concello un préstamo de dous millóns de reais), comezou a construírse o ano seguinte (no que se inaugurou o Teatro Circo Tamberlick) sobre uns terreos que o marqués de Valladares cedeu a baixo prezo; mais as obras quedaron paralizadas polas polémicas entre os promotores e pola insuficiencia do capital subscrito. Disolta a sociedade, os irmáns Benito e Francisco Gómez Román fixéronse cargo do edificado e conseguiron inaugurar o teatro co comezo do novo século. Porén, en 1904 os contratistas de obra vigueses vendérono á casa de “Viúva e fillos de Siméon García”, que pretendía transformalo en centro comercial. Diante da polémica cidadá que a posibilidade da perda do novo teatro provocou, o filántropo José García Barbón comprouno, recibindo en compensación a casa comercial a oferta de compra dun soar municipal na Porta do Sol, onde construirán o actual edificio Simeón.

Tras o incendio do Rosalía de Castro e desaparecido José García Barbón en 1909, foron as súas sobriñas as que encargaron os planos a Antonio Palacios, seguindo os desexos do verinés de que Vigo contase cun gran teatro. O arquitecto porriñés deseña en 1913 un edificio monumental que ocupa toda a mazá, concibido inicialmente como teatro  e cinematógrafo, ao que incorporou a posibilidade de acoller a sede do casino local. Palacios conseguiu unha das edificacións pétreas máis espectaculares e recoñecibles do Vigo do século XX, tanto polo tratamento curvo da fachada principal, executada en granito de Castrelos, como pola gran ventá de sete metros de ancho da fachada posterior, que permitía iluminar directamente o escenario. Unha edificación polivalente na que se diferencian os usos de teatro con acceso por Policarpo Sanz e de cine (bautizado como Rosalía de Castro e inaugurado o 31 de decembro de 1926 coa proxección da película “Mare Nostrum”) pola rúa Marqués de Valladares.

Adquirido pola Caixa de Aforros Municipal de Vigo, o García Barbón foi rehabilitado entre os anos 1982 e 1984 polo arquitecto Desiderio Pernas para transformalo en centro cultural. Un proxecto, tampouco exento de certa polémica, que conservou a esencia do edificio máis que cegou a fachada posterior e modificou o remate do edificio cunha cuberta de cobre onde se instalou unha biblioteca. Modificacións as que Pernas engadiu as coñecidas esculturas dos cabalos de Juan Oliveira (nos machóns ideados por Palacios) e as seis alegorías das artes de Manuel García Buciños, fermosas iconas do edificio actual.

Dende entón, o edificio perdeu tamén o seu nome orixinario, mudándose en varias ocasións ao fío das obrigadas mudanzas daquel do seu propietario, sendo na actualidade Teatro Afundación Vigo. Xaora, despois de máis de tres décadas, a maior parte dos vigueses e viguesas continúan coñecendo o teatro como o “García Barbón” e o auditorio como o “Rosalía de Castro”, nome do cine (de arte e ensaio) e da cafetaría da rúa Marqués de Valladares que algúns coñeceron. Nomes, transmitidos de xeración a xeración, que como microtopónimos urbanos se configuran como un patrimonio colectivo que debera ser recoñecido. Teatro García Barbón Afundación e Auditorio Rosalía de Castro Afundación poderían ser denominacións máis acaídas para unha das iconas viguesa do noso tempo.

Guardar

Guardar

Guardar

Galicia cen

bretemas —  14 de Febreiro de 2017 — Deixa un comentario

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición Galicia cen organizada polo Consello da Cultura Galega en Vigo.

e227c46_logonegro_inicio_1No actual panorama cultural vigués non pode pasar desapercibida a exposición “Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura” aberta até o 25 de marzo na Sala de Exposicións do Teatro Afundación de Vigo (o popular Teatro García Barbón). Organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG), contando coa colaboración de Afundación e ABANCA, esta mostra ensaia unha fórmula de divulgación histórica, inserida na tradición museística anglosaxona, coa que se pretende un achegamento novidoso ao relato da historia de Galicia.

Manuel Gago, o comisario da exposición, contando coa asesoría dun grupo moi prestixioso de historiadores e documentalistas vinculados ao CCG, procurou centos de obxectos históricos (pezas arqueolóxicas e artísticas, documentos impresos, ferramentas, armas, máquinas, vehículos, roupas…) e entre todos eles escolmou (o que non debeu ser unha tarefa doada) cen pezas icónicas capaces por si mesmas de contar a historia do noso país. Ordenounas cronoloxicamente e agrupounas por grandes e pequenos temas, procurando suscitar o diálogo entre elas a través dos séculos e suscitar o interese do propio visitante.

Artelláronse así os contidos dun proxecto divulgativo multisoporte que ofrece ao público unha exposición itinerante, inaugurada en Compostela o pasado mes de maio; un catálogo, que se pode adquirir en formato de libro impreso ou descargar gratuitamente en pdf; unha aplicación para dispositivos móbiles e unha web na que se poden consultar modelos 3D e animacións. Ademais, o público adulto ten a posibilidade de participar en visitas guiadas á exposición todos os xoves (ás 7 da tarde) e os escolares de todos os niveis educativos nos obradoiros (“A cápsula do tempo”, “Galicia nun quebracabezas de cen pezas” ) concertados con seus centros.

“Galicia cen” admite unha lectura cronolóxica, criterio co que está ordenado o catálogo. Unha viaxe no tempo iniciada coas Ferramentas líticas de Porto Maior preto do Miño, correspondentes ao Paleolítico Inferior; o Colar da Chousa Nova da cultura megalítica feito de variscita, e  a “Estela antropomórfica” de hai seis mil anos, a primeira representación do trasmundo. Un periplo que remata coas Reixas do pazo Baión, un dos primeiros trazos do empoderamento das mulleres do noso tempo, o Cartel de festas dunha verbena de 2015 e o Xabarín de Miguelanxo Prado, a número cen, icona das xeracións nacidas nas décadas de entre séculos.

Xaora, o visitante poderá facer unha lectura transversal, artellada arredor de sete espazos temáticos da exposición. Non faltarán sorpresas nas pezas que pode atopar en cada un deles. No Territorio: a Moeda do rei suevo Requiario, o Mapamundi do Beato de Osma ou o Teodolito co que Domingo Fontán deseñou o seu mapa. No Poder: A Mariscala, a cadea asociada ao mito de Pardo de Cela, ou o Mosquetón do guerrilleiro Foucellas. No trasmundo: un xugo do século IX, o máis antigo do que se ten noticia. Nas Transicións: o Machado de talón, as premoedas de finais do Bronce ou Traxe de feira de comezos do século XX. Nos Códigos: o “Códice Calixitino” (nunha edición facsimilar de 1993) ou a Máquina de escribir utilizada por Emilia Pardo Bazán. Nas Redes. A Ámboa de cerámica de Gundivós ou o baúl dun emigrante. E na Comunidade: a Campá do Hospital do Santo Antonio ou unha vaixela de Sargadelos.

A exposición admite tamén unha lectura por territorios. Entre as pezas procedentes do Vigo metropolitano identificamos a Ara ao deus Berobreo (século III-IV), procedente do Morrazo; unha páxina do manuscrito de “Cantares Gallegos”, que Rosalía de Castro entregou a Juan Compañel; algúns exemplares da revista “Vida Gallega” (1909-1938) de Jaime Solá; a portada de “El Pueblo Gallego” do día que se plebiscitou o Estatuto; latas de conservas de principios do século XX; a bicicleta de Delio Rodríguez, dos anos 60; a botella verde de Auga de Mondariz; a máquina de coser de Refrey (1952) ou os petos da Caja de Ahorros Municipal de Vigo (os populares “porquiños”) de comezos dos oitenta.

Inevitablemente, o visitante pode botar en falta algunhas pezas tamén emblemáticas como considerar irrelevantes algunhas das expostas. Non lle faltará razón. Porén, estes son riscos asumidos polos promotores desta exposición concibida para espertar a autoestima e o orgullo e provocar a curiosidade polo relato do país. Obxectivos acadados de longo por un proxecto innovador na divulgación histórica en Galicia que abre vieiros para a súa emulación noutras mostras. Unha exposición moi recomendable para pequenos e maiores, que achega doses de emoción, sorpresa, memoria, humor e coñecemento.

54500f154f-20141028-torrado-premios-julio-camba06Emocionoume moito que a miña familia e tantas das miñas amizades me acompañasen onte en Pontevedra no acto de entrega do Premio Fernández del Riego de xornalismo en lingua galega. Na miña intervención (pode descargarse aquí en pdf) expresei palabras de gratitude para os convocantes do certame (Afundación e Ámbito Cultural El Corte Inglés), para os membros do xurado, para Luís Ventoso (gañador do premio Julio Camba) e para Faro de Vigo, o xornal decano que leva máis de trinta anos publicando os meus artigos. Lembrei o compromiso de Don Paco coa defensa da lingua galega e expresei tamén cales foron as miñas intencións cando publiquei «Illa soidade», a pasada Noiteboa. Para rematar propuxen que os xornais con difusión en Galicia aumentasen o espazo en lingua galega e utilizasen o galego cando esa é a empregada polas persoas entrevistadas ou consultadas pola redacción. Un serán que recordarei.

Teatro García Barbón

bretemas —  22 de Xullo de 2014 — Deixa un comentario

No artigo da semana en Faro de Vigo propoño que o edificio do Centro Cultural da caixa de aforros recupere os seus nomes tradicionais.

Teatro_García_BarbónVigo contou cun gran teatro en 1832. Foi o que na praza da Princesa, extramuros, inaugurou o rico comerciante Norberto Velázquez Moreno. Aquel Teatro de Vigo, gabado por Nicolás Taboada Leal como o mellor da Galicia do seu tempo, funcionou na Porta do Sol durante case medio século, até que en 1882 abriu outro máis amplo e moderno, o Circo-teatro Tamberlick. Este segundo teatro vigués, concibido polo mestre de obras Sesmero como un espazo polivalente, serviu na rúa do Circo (hoxe Eduardo Iglesias), durante case un século, como teatro, circo, primeiro cine vigués e foro político, onde Pablo Iglesias, o ferrolán fundador do PSOE, pronunciou o 6 de xaneiro de 1900 un extraordinario discurso de hora e media de duración. O terceiro dos teatros vigueses foi o Rosalía de Castro, cuxos nomes de proxecto, segundo Jaime Garrido Rodríguez, foran “Romea” e “Cervantes”, situado entre as rúas Policarpo Sanz, Reconquista, Marqués de Valladares e Rosalía de Castro (hoxe Darío Álvarez Blázquez). Un gran teatro decimonónico de estilo italiano, cuxo modelo era a Scala de Milán, inaugurado o 15 de xullo de 1900, tras quince anos de obras, que tivo vida efémera, xa que foi destruído por un incendio o 8 de febreiro de 1910, cando alí se celebraba un baile de entroido.

Sobre as cinzas do teatro Rosalía de Castro as herdeiras do filántropo verinés José García Barbón encargaron a Antonio Palacios a construción dun gran teatro ao servizo de Vigo. Un proxecto ambicioso que o arquitecto porriñés expuxo á cidadanía viguesa hai un século, un edificio monumental con funcións de teatro, casino e cine que tras máis dunha década de traballos sería inaugurado en 1927 como teatro García Barbón. Dende entón, o gran teatro de Palacios foi considerado como unha das iconas vigueses, fachenda arquitectónica do pulo dunha cidade laboriosa e cosmopolita. Albergaba os salóns do elitista Casino, un gran teatro con acceso dende a rúa Policarpo Sanz e do cinematógrafo Rosalía de Castro (bautizado xa así na súa inauguración) con acceso dende Marqués de Valladares. Cinema coqueto, ao que despois se engadiría un restaurante e cafetaría, que durante os anos setenta funcionaría como sala viguesa de Arte e Ensaio, onde vimos películas inesquecibles e inentendibles como aquela búlgara “Corno de cabra” en cartel durante moitas semanas.

Adquirido por Caixavigo para transformalo en centro cultural, o García Barbón foi rehabilitado, baleirado na súa totalidade, entre os anos 1982 e 1984, polo arquitecto Desiderio Pernas. Unha rehabilitación non exenta de polémica, xa que foi modificada a fachada orixinal de Palacios da rúa Marqués de Valladares, ademais de cubrirse a terraza cunha cuberta de cobre baixo a que se instalou unha biblioteca. A esa reforma de Pernas pertencen as magníficas esculturas dos cabalos de bronce de Xoán Oliveira e as cinco pezas alegóricas de Manuel García Buciños da fachada principal.

Tras esta rehabilitación o edificio foi rebautizado como Centro Cultural Caixavigo e, máis tarde, seguindo o proceso de fusións da entidade prropietaria, como C.C. Caixanova e C.C. Novacaixagalicia. Xaora, a pesar da teimosa insistencia dos responsables da caixa de aforros de erradicar os nomes de García Barbón e Rosalía de Castro de edificio tan emblemático, a memoria popular viguesa, sempre tan sabia e prudente, continuou utilizándoos. Hoxe, cando Vigo perdeu para sempre a caixa de aforros e tamén a sede da fundación Novacaixagalicia (unha decisión da Xunta de Galicia que Núñez Feijoo debe explicar con detalle), e antes de asistir a un novo bautizo do edificio, semella moito máis razoable recuperar as denominacións históricas e populares para o que continúa sendo o primeiro teatro de Vigo: “Teatro García Barbón” e “Auditorio Rosalía de Castro”; ás que atrevo propoñer se engadan as de “Biblioteca Plácido Castro”, en lembranza do grande tradutor, e “Sala de Arte Urbano Lugrís”, en memoria do que foi o pintor primeiro da cidadeatlántica. Este exercicio de restitución da memoria cultural viguesa debería estenderse ao edificio onde a caixa de aforros instalaou o seu Centro Social na rúa Policarpo Sanz, que debería recuperar o seu nome popular de “Casa Bárcena”.

Na nova etapa que abre a fundación Novacaixagalicia, bautizada como A Fundación, un proceso do que moi pouco sabemos os cidadáns galegos, é imprescindible que os sinais de identidade vigueses sexan respectados. Os propietarios de Abanca, como tamén os responsables de A Fundación, onde van ter un importante peso decisorio, non poden esquecer que o Teatro García Barbón, o Auditorio Rosalía de Castro e o Centro Social Casa Bárcena (e a súa colección de arte galega, a primeira e máis importante do patrimonio de noso) forman parte esencial do ser de Vigo e da súa área metropolitana.

Quentin_BlakeEstou feliz coa concesión do Premio Fernández del Riego de xornalismo en lingua galega. Desque souben a noticia, non teño palabras abondas para agradecer todos os parabéns recibidos de amigos e amigas que tanto me queren. Son moi afortunado. A miña gratitude ha ser tamén para os membros do xurado que escolleron «Illa soidade», un artigo publicado a noiteboa pasada coa intención de denunciar a exclusión que sofren moitos dos nosos veciños e veciñas. A miña gratitude, xaora, para os responsables de Faro de Vigo, que levan trinta anos acollendo os meus textos sempre en galego. Grazas, mil grazas e un cento. Seguimos.