Listado de la etiqueta: aduriz

Campo do Fragoso CLXII

berizzo-le-2REGRESAN AS DÚBIDAS

As dúas derrotas consecutivas fronte ao Vilarreal e o Athletic Club poñen en evidencia as feblezas do Celta e as dificultades do seu adestrador para xestionar o seu banco durante as segundas partes. Máis alá da caprichosa arbitraxe de Matheu Lahoz e as súas ínfulas de estrela mediática, a pobrísima primeira parte dos de Berrizzo fixo que regresasen as dúbidas sobre un equipo que despois de seis meses de competición aínda non foi quen de equilibrar o seu xogo e, a pesar da súa excelente situación na táboa clasificatoria, de asegurar a permanencia na categoría, o seu obxectivo esencial.

Durante os primeiros sesenta minutos, os de Valverde superaron en todos os terreos aos nosos, lembrando o baño que tamén nos deran en Balaídos naquel nefasto partido de copa do día de Reis. Porén, os de Berizzo coa táboa de marcas adversa resucitaron, aínda que tarde. Foi inevitable lembrar que esta fora tamén a secuencia do sucedido no novo San Mamés no partido de volta de copa, cando sendo moi superiores aos nosos lles faltou un chisco máis de folgos e quizais de fe do seu adestrador para superar a eliminatoria. Coincidencias explicables de dous equipos que se coñecen e respectan moito, coma tamén as súas afeccións, a pesar de que o balance dos enfrontamentos recentes sexa moi favorable para os vascos.

A incorporación de Álex López foi a única novidade no cadro dun Celta que saíu a velas vir. Dende os primeiros lances, os leóns gañaron a batalla polo control do medio do campo e ameazaron coas gadoupas de Aduriz e as carreiras e caneos de Iñaki Williams, que toleou a Hugo Mallo, un xogador que tras as lesións aínda non se achegou nin a sombra do que foi. Un penalti dubidoso provocado polo arteiro Muniaín e un saque de recanto cabezado maxistralmente por Aduriz ao longueiro e aproveitado dende a segunda liña por San José abondaron para noquear aos de Berizzo na primeira media hora. Os bilbaínos deixaban a iniciativa ao Celta, mais cando os nosos entraban no seu campo eran desactivados grazas a unha presión colectiva brutal. Sobre cada celeste que pretendía abrir unha liña de pase, fose Krohn, Augusto ou Álex, aparecían decontado tres vermellobrancos. E ben sabemos que o Celta sen contar co control da bóla é un equipo inane, fráxil en defensa e previsible en ataque.

Tras a reanudación, a saída de Aduriz lesionado e a entrada de Santi Mina, cando faltaba media hora, viraron a deriva do partido. O pase de Orellana á posición de enganche foi esencial para que o Celta xuntase as súas liñas e comezase, por fin, a fabricar o seu fútbol. O canteirán puido marcar na súa primeira intervención, cando enfiou a Gorka e o porteiro despexou coa perna in extremis. Na seguinte xogada, o pase da morte de Krohn dende a mesma liña de fondo mereceu que aparecese un rematador. Mais sería na terceira, cando Orellana centrou sobre o segundo pao e apareceu alí Larrivey para marcar dunha soberbia cabezada. A remontada semellaba posible. O Athletic desapareceu do medio do campo e achantouse na súa área para defender de forma meduliana o resultado. Santi Mina, con moita diferenza o mellor dos nosos, e Nolito intentaban unha e outra vez entrar por candansúa banda.

Coma xa sucedera noutras ocasións, a bancada de Río protestou a xestión do partido de Berizzo que adiou os seus trocos até os derradeiros minutos, aparentemente alleo ao devir do reloxo. Mágoa que sobre o cronómetro Larrivey preferise intentar o seu segundo gol que procurar o remate de Nolito moito mellor colocado. Trinta minutos de xogo non abondaron, ao Celta faltoulle tempo e un pouco máis de alento para acadar o empate e mesmo unha vitoria ao seu alcance.