Artigos

Onte 1315: A precocidade de Filgueira

libros-autor-1

Na presentación no Liceo de Ourense dos seus libros dedicados a Filgueira Valverde, a monografía ilustrada de Ir Indo Edicións e a biografía intelectual de Xerais, o profesor Xesús Alonso Montero abordou a precocidade do polígrafo pontevedrés. «Filgueira Valverde foi unha personalidade moi precoz. Aos dez anos lía e tiña interiorizados poemas de Rosalía de Castro. Pouco despois leu a primeira biografía sobre Rosalía publicada polo pontevedrés Augusto González Besada. Sabemos que entre os doce e os trece anos estudou os tres tomos da historia de Santiago, textos áridos de grande erudición.» «Estudou dúas carreiras con brillantez, Dereito e Filosofía e Letras. Dende os quince anos colaborou nos periódicos e comezou a facer investigacións históricas e arqueolóxicas. Aos dezasete anos participou na creación do Seminario de Estudos Galegos, do que foi un dos seus principais referentes.» «proba a súa precocidade o feito de que aos dezaoito anos fose nomeado membro correspondente da Real Academia Galega, pola súa relevancia como investigador.»

Alonso Montero referiuse tamén a controversia que se produciu polo nomeamento de Filgueira como figura homenaxeada neste 17 de maio. «Nesta polémica sempre insisto nunha soa cousa: “Filgueira Valverde foi un obreiro da causa galega”, en expresión de Alexandre Bóveda.««Non esquezamos que Filgueira foi un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos, do Partido Galeguista, do que foi secretario técnico até 1933. Deuse de baixa por un razón moral de raíz eminentemente relixiosa, xa que para el o pacto do Partido Galeguista coa Frente Popular, era incompatible coas súa formulación católica.» «Mais o que se esquece é que Filgueira vota a prol do estatuto de Galicia o 28 de xuño, coma Bóveda e Castelao, non se dá de baixa do galeguismo.»

Ocupouse despois don Xesús de debullar o traballo polígráfico de Filgueira deténdose no seu estudo sobre a Cantiga CIII e na publicación da serie «Adral», nove volumes entre 1979 e 1996. «Adral é unha obra que honra a bibliografía galega de todos os tempos. Un ensaio ameno, áxil e ao mesmo tempo profundo. Cada peza é unha síntese didáctica sobre un tema artístico, literario, histórico ou etnográfico que Filgueira sempre tiña moi investigado, amosando que posuía tamén moi boa man como profesor.»

Onte 1027: O 17 para Filgueira

filgueiraA elección de Filgueira Valverde como figura homenaxeada o 17 de maio de 2015 expresa a polarización interna da RAG e as dificultades da entidade que preside o profesor Xesús Alonso Montero para conectar con sentir común do galeguismo nacionalista. Os responsables desta elección saben a ciencia certa que a escolla do polígrafo da dereita galeguista, alcalde franquista de Pontevedra durante unha década, conselleiro de Cultura e presidente do Consello da Cultura Galega no período autonómico, provocaría o rexeitamento do nacionalismo galego, aínda que sería ben recibida (nun ano electoral) pola Xunta de Galicia. O feito de que fose o secretario xeral de Política Lingüística quen anunciase a elección en Twitter, minutos antes ca propia RAG, semella non ser azaroso. Foi a de onte, pois, unha elección polémica, na que os académicos que apostaron por Filgueira Valverde asumiron os riscos dunha decisión con inevitable transcendencia política.

A Academia apostou por homenaxear a unha figura cultural conservadora cuxa obra literaria en galego máis destacada son os noves volumes de Adral, «libro de varia lección», como os definía o pontevedrés, máis dun milleiros de artigos, publicados entre 1977 e 1996, no Faro, na Voz e no Correo, nos que divulgaba con detalle e erudición profesoral cuestións léxicas, literarias, históricas, etnográficas relacionadas con Galicia e a súa cultura. Nove volumes publicados por Isaac Díaz Pardo en Ediciós do Castro dos que son devoto, fonte inesgotable de coñecemento, de consulta obrigada, a pesar do paso do tempo. Estes textos de Adral, como os que cada sábado publica Méndez Ferrín no Faro, baixo o título «No confín dos espellos» ou os venres Alonso Montero no «Beatus qui legit« de La Voz de Galicia, constitúen un monumento cultural, unha marabilla que merece ser visibilizada e posta en valor, polo esforzo de investigación e alta divulgación que cada unha destas pezas de prosa erudita supón para o corpus da cultura galega. Como tamén posúe interese dentro da obra de Filgueira Quintana viva (1971), o seu único libro de narracións, cuxa primeira parte, «Os nenos» (1927), pode ser considerada como un dos textos alborais da nosa literatura infantil. No entanto, a pesar destes valores da obra literaria de Filgueira, é innegable que calquera das outras candidaturas que onte foron defendidas na RAG, fose a de Carballo Calero, Xela Arias ou Manuel María, contaban cunha obra literaria máis atractiva e diversa, ademais dun carácter máis integrador e actual, como mesmo de contar con máis apoio popular ca do catedrático pontevedrés.

Non é de adiviños aventurar que coa elección de Filgueira Valverde a efeméride do 17 de maio continuará o seu devalo como festa popular e cívica. Coa excepción dos contos xa citados de Quintana viva e da peza teatral de Agromar, asinada en 1936 como J. Acuña, a obra de Filgueira non vai ser doado que no eido escolar acade o interese da doutras figuras. Como tampouco é previsible que a homenaxe, tamén polas características da obra de Filgueira, contribúa a intensificar á lectura e a venda e interese polo libro en galego. Porén, esta elección, inevitablemente, reabrirá o debate (como quedou demostrado en menos de vinte e catro horas) sobre a memoria galeguista na República e no Franquismo, períodos nos que o polígrafo pontevedrés, un dos creadores do Seminario de Estudos Galegos, tamén fundador da editorial Bibliófilos Gallegos, tivo unha participación que será sometida a unha profunda revisión crítica. Xaora, entendo que foi un criterio corporativista o que levou á RAG a liquidar unha débeda pendente cun dos membros da súa estirpe, que formou parte da institución dende 1941 até o seu falecemento en 1996. A de Filgueira é unha escolla arriscada que reabre o debate da relación da Academia Galega coa sociedade da que forma parte e do futuro e sentido da propia efeméride do 17 de maio.