Artigos

Onte 1236: «Timbuktu»

30156_timbuktu-cartel-peliculaAbderrahmane Sissako quixo con Timbuktu ofrecer unha película con clara intencionalidade política, realizar un alegato contra o integrismo yidahista nos países subsaharianos. Xaora, conseguiu tamén un cadro visual de beleza conmovedora sobre a conquista da dignidade e o respecto das persoas.

Ambientada en Tombouctou, na lingua koyra, Timbuktu, a mítica cidade dourada do deserto, declarada patrimonio da humanidade, situada hoxe na república de Mali, a película do director mauritano pretende alertar sobre os perigos do integrismo islamista e o disparate que supón a imposición violenta e hipócrita da sharía que prohibe fumar, escoitar música ou xogar ao fútbol e recluír ás mulleres detrás do velo e das luvas.

Abofé que Sissako o consigue enfiando con sutileza unha historia principal, a da familia do pegureiro Kidane, con outras moi breves, mais dun grande impacto emotivo. Eis as escenas memorables dos futbolistas danzaríns sen pelota, a da meiga fouta ruando e desafiando as prohibicións, a da muller que nega o casamento da súa filla ou a dos rapaces reunidos e castigados a latigazos por cantar a estirpe da súa terra: «Esta é a miña terra, Timbuktu «Maliba» / a terra do amor / a terra do afecto / a terra da dignidade / está é a miña nación…»

No entanto, a cerna do filme está no devir do pegureiro tranquilo, alleo na súa jaima ás andanzas dos fanáticos, confiado no acougo da música e o amor da familia, que de súbito, por mor dunha acción fortuíta (esas coincidencias azarosas que moven as historias, das que tanto fala Paul Auster) vese obrigado a enfrontarse á irracionalidade dos yidahistas. Na dignidade do comportamento de Kidane e na afouteza resistente do motorista repartidor de auga reside certa mensaxe de esperanza da película.

Ademais, a forza da música de Fatoumata Diawara and Amine Bouhafa, que impregna de melancolía unha das cidades máis vibrantes do continente africano, e o coidado de todo o cadro visual, cunha atención á composición da paisaxe, fan aínda máis engaiolante esta traxedia política, non exenta de sutil ironía. Recoméndoa.