Listado de la etiqueta: abc

A Salvo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a publicación do libro A Salvo de Tomás Alonso, biografía deportiva de Joaquín Salvo Pastor

Fun a correr a Librouro en canto souben da publicación d’ A Salvo (La Fábrica de Libros 2020), a biografía deportiva de Joaquín Salvo Pastor (Vigo 1958-2016), escrita polo xornalista Tomás Alonso. Imaxinaba que se trataría de materia moi sensible para min e abofé que non me decepcionou xa que prendín neste relato emocionante, que reconstrúe a traxectoria deportiva e vital do mellor xogador da historia do baloncesto vigués e un dos deportistas mais destacados da nosa cidade. Un texto biográfico alicerzado sobre os piares das voces testemuñais das amizades e das declaracións de admiración unánime dos seus colegas de canastra.

Un relato enriquecido coas pingas de humor e entusiasmo dos días felices nos que o protagonista compartía a ledicia de vivir con xenerosidade desbordada. Páxinas que, sen embargo, non agochan nin as dificultades dalgúns excesos nin a dor das duras xornadas de melancolía nin dos meses da doenza mortal de Quino cando regresou a Vigo, a súa cidade amada, despois dun longo periplo de tres décadas pola península como xogador e adestrador, como un romántico do vello baloncesto aprendido nas canchas de piche e cemento dos salesianos da Ronda.

A Salvo é ademais un referente sentimental para toda aquela rapazada que nos educamos no Colexio Salesianos entre a metade das décadas do sesenta e dos setenta, anos aínda de franquismo e nacional catolicismo nos que o deporte, o cine e o escultismo, as actividades extraescolares preferentes, mitigaban os rigores da férrea disciplina académica e relixiosa da cultura do máximo esforzo que impoñía nas aulas «el consejero» e o resto do profesorado salesiano. Lendo nestas páxinas sobre Salvo, chamabámonos polo primeiro apelido, quedei enchoupado cos recordos e saudades do colexio de Taboada Leal, cuxas novas instalacións inauguramos en 1966. Quedei rendido da fidelidade do narrado cando nun dos primeiros capítulos se conta como o protagonista viña ao centro co seu balón Mikasa botando, fintando, e facendo cambios de mans polas beirarrúas ou entre os coches dende Pizarro á Ronda de don Bosco.

Anécdota que activou a memoria de interminables partidas de frontón e pachangas de minibasket sobre unha única canastra, na mesma cancha onde se formou aquel equipo emblemático de baloncesto, onde o mellor era sempre aquel Salvo incansable, no que tamén xogaban o seu irmán José, Julio Bernárdez e Augusto de la Concepción, dende entón inseparables de Quino, hoxe comprometidos animadores ambos os dous da asociación Memorial Quino Salvo. Adestrado polo avogado Juan Aires de Palacio e promovido polo entusiasmo teimoso do salesiano Amador Lama Tombo, formaban parte daquel equipo das clases dos nacidos no 58 e no 59, entre outros, Jaime Molares (mestre de milleiros de xogadores e xogadoras), Pachi Reigosa (actual reitor da universidade), Berto, Tabo, Gilino, Pazó, José Manuel Dios, Antonio Docampo…

O relato de Tomás Alonso acompaña a Quino ao longo das súas quince tempadas como xogador de elite, dende as dúas primeiras no Obradoiro (1975-1976), onde coincidiu con Tonecho Lorenzo, para el «o mellor xogador do mundo», pasando polas do Helios de Zaragoza e as cinco no Fórum Filatélico de Valladolid en ACB, onde probablemente ofreceu as súas mellores campañas nunha cidade onde deixou un recordo extraordinario, até a súa retirada con trinta e cinco anos en Donostia no Askatuak (1992-1993) de LEB ouro. Traxectoria continuada como adestrador durante case dúas décadas, iniciada en Ciudad de Huelva e Torrelavega, onde ascendeu a Cantabria Lobos de EBA a LEB e despois a ACB (unha das súas xestas), pasando por León e Los Barrios, até o seu regreso a Vigo (2006-2007) para dirixir a fantasía do Gestibérica, que intentaron Julio Bernárdez e Pepe Conde, e rematada en Marín no Peixe Galego (2012), cando lle asexaba o abismo da depresión.

Xaora, a cerna deste relato vital moi emotivo está en cada páxina onde é posible recoñecer a xenerosidade do seu protagonista e o seu amor incondicional a un deporte que fixo razón da súa vida. Un baloncesto romántico que este xigante concibía como un xogo de asociación e cooperación baseado na entrega incansable fose como defensor tenaz (Quino foi o único xogador capaz de anular a Epi) ou fose como asistente desinteresado ou tirador preciso. Valores humanos e deportivos recoñecidos aquela noite memorable do 20 de febreiro de 2016 no Coliseum da Coruña onde o vigués nunca distinguido foi ovacionado durante tres minutos por milleiros de afeccionados que recoñecían así a un home que fixo da súa vida BALONCESTO. Por ventura, libros como este de Tomás Alonso e actividades como as organizadas cada ano pola asociación Memorial Quino Salvo contribúen a continuar en Vigo esa loita incesante da memoria contra o esquecemento. Grande Salvo!

Onte 1448: O galego Gómez Noya

gomez_noyaJavier Gómez Noya proclamouse onte en Chicago campión do mundo de triatlón, converténdose cos seus cinco campionatos no mellor deportista de todos os tempos nesta durísima disciplina. Como era previsible, a maioría das informacións publicadas en medios madrileños, dende ABC ao Público, baseadas na nota de EFE, salientaron o carácter «español» do deportista, substituíndo a súa condición de «galego» pola de ter «nacido hace 32 años en Basilea (Suíza), pero instalado desde bebé en Ferrol (Coruña)». Un revirado eufemismo que non pode ocultar que Xavier é fillo de emigrantes galegos na Suíza.

Por ventura, La Voz de Galicia non agocha a condición de galego do noso heroe, mentres que Faro de Vigo salienta o seu carácter de «ferrolano, pero pontevedrés de adopción», xa que na cidade do Lérez é onde adestra. En todo caso, estas referencias dalgúns medios foráneos, coa excepción decorosa do diario Marca, expresan os estereotipos prexuizosos existentes sobre a condición de «galego«, asociada decote a noticias negativas, mais que sen embargo é agochada cando a nosa xente protagoniza éxitos deportivos ou culturais. Todo un paradoxo que merecería un estudo detallado. No entanto, ningunha das informacións cuestiona a proeza do pentacampión, un dos mellores deportistas da historia, tan orgulloso do seu país e da súa lingua. Parabéns, moitos, Xabi!!!

Onte 395: Enquisas

As tres enquisas publicadas na fin de semana (CIS, LVG e ABC) coinciden en que o Partido Popular de Galicia manterá a súa maioría. Coa exepción do optimismo do xornal dirixido por Bieito Rubido, que lle proporciona a Feijoo unha maioría cómoda, semellante ás que adoitaba obter Manuel Fraga, parece que a esta altura da campaña o máis verosímil continúa sendo un resultado axustado. No entanto, entre as tres sondaxes hai diferenzas considerables sobre o resultado que poidan obter o PSdeG-PSOE e o BNG. Con todo o que ningunha discute é a aparición dunha cuarta forza, a Alternativa Galega de Esquerda de Beiras e IU, sen descartar a posibilidade que Compromiso por Galicia obteña representación na provincia de Ourense, o que abriría o Parlamento Galego a un maior pluralismo. Como semella tamén moi probable, a pesar dos esforzos dos medios centralistas, que nin Mario Conde nin Rosa Díez vaian a pintar un caravel na política galega. A campaña comezou esta fin de semana morna, con pouca participación nos actos electorais organizados polas candidaturas da oposición, polo menos nos que se celebraron en Vigo; un síntoma que corroboraría a existencia dunha feble pulsión de cambio. Quizais os debates bilaterais que comezan esta noite, onde se bota en falta un encontro Beiras-Feijoo, axuden a animar un proceso no que a inhibición electoral pode ser moi elevada e decisiva.