Volvimos aos Norte con outra dinamarquesa: Unha segunda oportunidade da Susanne Bier. De novo enfrontámonos a dilemas morais sobre valores básicos como os que arroupan a paternidade e maternidade «desexada» ou a fraxilidade de persoas dunha peza, como Andreas, o policía interpretado de forma moi convicente polo famoso Nicolaj Coster-Waldau, o Jamie Lannister de Xogo de tronos. A solidez dun guión, que utiliza os recursos do thriller policial, mantén o interese dunha historia truculenta de bebés mortos e desaparecidos que me lembrou á abordada por Dolores Redondo na súa triloxía do Baztán. Mágoa do remate, innecesariamente azucrado, co que quizais a directora pretende expresar unha mensaxe de esperanza e resarcir ao espectador despois de case unha hora e media de sufrimento, onde se suceden malleiras, violacións e outras noxentas barbaridades machistas. Poucas veces queda tan claro que as cousas no eido do privado non son sempre como aparentan. Unha película desmitificadora.
Artigos

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é editor e mestre. Na actualidade, profesor do CEIP Lope de Vega de Vigo, foi Director Xeral de Edicións Xerais de Galicia S.A., dende o mes de xaneiro de 1994 ao de abril de 2018, empresa na que traballou dende 1990.