Listado de la etiqueta: a_historia_interminable

Onte 1653: «Tártarus» de Antonio Manuel Fraga

Tartarus_FNAC_23-04-2016

Moito pagou a pena a presentación de Tártarus, a novela de Antonio Manuel Fraga, que fixemos na FNAC con motivo do día do libro. A crítica María Xesús Fernández conversou co autor sobre unha novela de fantasía da que salientou «o seu carácter de relato enmarcado no que unha muller relata a historia protagonizada por outra que accede a un mundo mítico».

XG00248001O autor confesou que a súa idea era que esta novela xuvenil puidese ser lida tamén polo público adulto. «Quixen que estivese presente a música, a narración oral e unha relación entre unha persoa nova e outra adulta, como xa fixera no Castañeiro de abril. Sei que é unha novela de fantasía e asumo que escribo máis literatura de fantasía da que eu mesmo consumo.» Ao fío das pegadas de Ende e Tolkien na creación deste entorno de ficción verosímil, o autor confesou que fora divertida a creación deste mundo: «Aproveitei unha serie de realidades parciais. Os nabrallos naceron en Cuba, como un reflexo de certas realidades que vimos nalgunhas cidades, a vitalidade dos seus habitantes, o tráfico caótico e, sobre todo, o seu optimismo para superar as dificultades. O mundo de Nigrofe tamén saíu de Cuba. Como foi engaiolante crear a linguaxe güenda, inspirada nas linguas do norte de Europa. Pola contra a lingua mallumá provén sobre todo do esperanto.» «A vontade foi crear unha sociedade simplemente distópica, que pode lembrar á sudafricana do apartheid, aos ghettos xudeus ou á Palestina actual».

Antonio expresou a súa preocupación de que fose comprendido o crebacabezas da novela, xa que está estruturada sobre dúas voces principais, a de Guiomar e a da súa profesora de klavia, ás que se incorporan outras, ao xeito de monecas rusas. «A novela pode lerse de xeito liñal, pero tamén pode xogarse a identificar as relacións existentes entre as dúas historias paralelas.» No que atinxe á incorporación de textos informativos ao comezo de cada capítulo, o autor xustificounos na media que «forman parte do xogo de construción deste mundo ao que pretendín darlle máis autenticidade».

María Xesús Fernández elacionou Tártarus con outras obras da literatura de fantasía nas que existe un paso a outro mundo como Alicia no país das marabillas, as Crónicas de Narnia ou a Historia interminable. Fraga confesou que, efectivamente, fora a súa intención que existise un paso entre as dúas historias, como tamén que existise, como sucede na novela de Ende, unha relación entre unha persoa nova e outra vella«. Seguiu a conversa salientando a importancia das personaxes femininas e da feminización dos propios espazos, xa que para autor «esta é unha novela de mulleres con valores que as afastan dos típicos».

Rematou a conversa sinalando a importancia da evolución dos propios personaxes, o que caracteriza ás novelas de iniciación, así como salientando o autor a importancia da presenza da música na obra, tanto polo feito de que as protagonistas sexan unha mestra e unha alumna de klavia, como pola importancia que ten o Hicupé, para os güendos, música inspiraada na negra de jazz«. Antonio Manuel Fraga rematou anunciando que deixara aberta a historia para darlle continuidade nun segundo volume no que xa está traballando.