Artigos

Ponte nas ondas

Dedico o artigo da semana de Faro de Vigo a Ponte nas ondas, unha experiencia sociopedagóxica modélica de innovación educativa e comunicacións cultural transfronteiriza, merecedora do Premio Ondas 2014 á mellor cobertura informativa.

ponte-nas-1Dende hai dúas décadas o programa educativo Ponte nas ondas pretende romper as fronteiras mentais existentes entre escolares (e cidadáns) galegos e portugueses de ambas as dúas beiras do Miño. Creada como unha xornada anual de radio interescolar na que participaban colexios miñotos de Primaria, Ponte nas ondas é hoxe unha asociación cultural e pedagóxica consolidada cuxo traballo está centrado na recuperación do patrimonio inmaterial galego-portugués e no emprego educativo das tecnoloxías da comunicación.

A súa traxectoria e o traballo fecundo e innovador deste programa educativo transfronteirizo xustificaron que recibise o mes pasado un dos prestixiosos Premios Ondas 2014 outorgados por Radio Barcelona. Sen dúbida, un recoñecemento extraordinario, para unha experiencia de renovación pedagóxica no eido dos medios de comunicación.

Ponte nas ondas naceu en 1995, coincidindo coa apertura da ponte internacional que une Salvaterra de Miño e Monçao, dúas vilas que medraron da man, mais que tamén viviron viradas de costas durante moito tempo. Un grupo de profesores dos centros educativos de cada unha das localidades ideou unha xornada de radio escolar na que estes estudantes miñotos puidesen ter voz en efeméride tan destacada desenvolvendo un traballo colaborativo a prol da difusión da súa cultura común.

Os alumnos e alumnas dunha escola de Monçao, dende os estudios da emisora Ecos da Raia de Monçao, e os do colexio de Alxén (centro onde xa funcionaba unha radioescolar), dende os improvisados na Casa da Cultura de Salvaterra, inauguraron unha ponte de cordialidade, construída con palabras, músicas e ilusións. Unha ponte radiofónica que dende aquela primeira edición uniría aos rapaces e rapazas de ambas beiras do río que nin se coñecían nin sabían que, a pesar de formar parte de dous estados europeos diferentes, compartían refráns, xogos, costumes, cancións, en definitiva, contaban cunha lingua e cultura común.

Tras a incorporación ao programa de escolas das vilas unidas polas pontes, Tui-Valença do Minho e Arbo-Melgaço, como da Guarda-Caminha, comunicadas por ferri, o traballo escolar común e o intercambio cultural sobardou os límites dun proxecto que cada ano escollía un tema monográfico e no que xa participaban radios comerciais e públicas na súa maratón radiofónica que chegou a superar as trece horas.

Co novo século o proxecto densificouse. As escolas participantes aumentaron e comezaron a traballar de forma sistemática sobre o patrimonio inmaterial común da rexión arraiana e miñota coa intención de presentar a candidatura (2004) para que a Unesco o declarase como obra mestra da humanidade. Ese obxectivo levou a que todas as escolas traballasen sobre a cultura oral, o intanxible, o que non se ve, e se transmite oralmente na cadea xeracional e familiar. Froito desta estratexia recolléronse centos de testemuñas sobre as festas estacionais, romarías e crenzas, e milleiros de textos de cantigas, regueifas, contos, lendas, adiviñas, vivas na memoria das familias de ambas as dúas beiras do Miño. Foi tamén na primeira década do século cando Ponte nas ondas comezou a emitirse por internet (audio e vídeo) e as escolas comezaron a utilizar as novas tecnoloxías da comunicación, o que permitiu a ampliación do programa a centros educativos doutros países do espazo cultural da lusofonía, sobre todo do Brasil, polo que circula o sangue dunha lingua que aos galegos e galegas non nos resulta allea.

A exitosa experiencia de Ponte nas ondas, as súas actividades educativas sobre o patrimonio dunha tradición cultural común galega e portuguesa, apoiadas sobre os lazos lingüísticos da lusofonía e do emprego dos medios de comunicación e tecnoloxías dixitais, contribuíu a dotar de contidos culturais e simbólicos ao proxecto da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, unha iniciativa política que nunca chegara a funcionar máis alá dalgunhas iniciativas económicas intermitentes ou de proxectos políticos tan fráxiles e volubles como os do chamado Eixo Atlántico, que nunca chega a arrincar.

Mais tamén contribuíu Ponte nas ondas a afianzar nas escolas participantes prácticas de renovación pedagóxica, como o traballo cooperativo dos docentes e escolares dentro e fóra da aula, a utilización de medios tecnolóxicos de comunicación a distancia, a apertura de cada comunidade escolar á súa contorna, a participación doutros profesionais e medios no traballo didáctico, a realización de intercambios, a publicación de libros e cedés…

Beizón pois por tan valioso traballo sociopedagóxico á asociación cultural e pedagóxica Ponte nas ondas e aos que son os seus responsables, os profesores Santiago Veloso e Gerardo Feijoo, promotores e animadores tamén da experiencia dende o seu inicio.