Respecto para a crítica

Unha crítica recente aparecida no Cartafol está provocando moita polémica. Desque exerzo a profesión de editor, e xa van aló anos, quizais de máis, nunca quebrei o meu compromiso de non contestar a crítica ningunha por desacertada que fose. Sei que cómpre asumir coa mesma sobriedade os paos cas cenorias. E por moito que me doia o caso que nos ocupa (unha obra que considero das verdadeiramente grandes), non vou rebater a lectura do xove crítico nin comentar a súa pericia no uso dos adxectivos.
Creo que editores e autores debemos apoiar e respectar o traballo da crítica (tantas veces minusvalorada e con tan escasos espazos de difusión nos nosos medios) e esixirlle rigor e independencia, criterios que me consta asume o
responsable deste Cartafol. Equivócanse os que anuncian teorías apocalípticas da conspiración e a existencia de manobras de poderes ocultos que manexen o tinglado da nosa edición. O noso eido é tan pequeniño que non dá para tanto. Atopo a explicación desta polémica nosa nunha cuestión moito máis sinxela: confróntanse as subxectividades e visións da vida que provoca nos lectores e lectoras unha novela tan frondosa literaria, temática e formalmente coma esta. A quen non o fixera, convídoo a que aproveite estes días de lecer para lela de vagariño e sen os prexuízos que poida ocasionar a crítica de marras; logo poderá opinar con liberdade e con coñecemento de causa.
7 comentarios
  1. Lantana
    Lantana Dice:

    Eu penso que case sempre o mellor crítico é o propio lector. E a crítica merece moito respecto, por suposto, pero tamén merece unha crítica propia para que se estableza un diálogo crítico, poderíase dicir.

    Saúdo e saúde, Brétemas.

  2. Peke
    Peke Dice:

    A crítica seria que adoito ler non usa sufixos despectivos; iso é doado e directo, pero insultante. Hai recursos lingüísticos abondos e sutileza para dicir algo sen ofender.

  3. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Peke: a sutileza e a ironía requiren madurez e amosan o talento de quen as utiliza con propiedade. Son as armas dos artistas. Non todos os que escribimos textos, como ben podes comprobar día a día, as posuímos. Eu engadiría outro requisito para a crítica, alén do rigor e da independencia, a piedade. O subxectivismo non implicar tratar de despezar impunemente a ninguén. Cal é a razón de que algúns o fagan? Eles saberán.

  4. Peke
    Peke Dice:

    Máis que piedade, Brétemas, un fino sentido da educación. Non é máis incisivo quen máis se ceba de xeito groseiro, senón quen di o que pensa sen facer alarde dunha presunta belixerancia de non se sabe que e contra que. E xa non digo máis, que xa dixen abondo.
    Ás veces penso que neste pequeno país os peores defectos do grande están amplificados. Unha mágoa.

  5. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Piedade, sutileza, rigor, independencia, educación, coñecemento literario, metodoloxía interpretativa, soltura expresiva, claridade… sonche moitos requisitos para o exercicio da crítica. Non debemos esquecer que o nivel da nosa crítica é parello ao do desenvolvemento do noso sistema literario. Estou convencido de que se contásemos con máis soportes e apoio para a crítica a calidade do seu traballo melloraría. Mágoa que neste momento as súas carencias poidan chegar a facer dano. A pesar de todo, insisto, na necesidade de respectala. Ademais, sempre existe a posibilidade da confrontación de críticas e das subxectividades das lecturas dun mesmo texto.

Los comentarios están desactivados.