Quesada, mestre da retranca

bretemas —  20 de Xuño de 2016 — Deixa un comentario

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Fernando Quesada, mestre do humorismo gráfico galego falecido o pasado sábado.

quesadaCando souben do pasamento de Fernando Quesada lembrei aquela noite feliz da cea da Fundación Magar na que lle tocara no sorteo unha bolsa de produtos conxelados. Fernando, moi contento por tan valioso premio, lamentaba que se lle entregase apenas un vale para ir buscalo á tenda ao longo da semana. “Seguro que isto é unha coña de Magar” dicíanos aos compañeiros de mesa, escarallándose de risa.

Fora aquela unha noite feliz na que celebrabamos, tamén, a publicación de “Chispas de Quesada” (2007), o seu derradeiro libro antolóxico no que escolmou con paciencia entre as súas vinte mil viñetas, pouco máis de duascentas, unha pequena mostra da colaboración diaria que mantiña en Faro de Vigo dende o 3 de xuño de 1961, cando Díaz Jácome, daquela redactor xefe do decano, lle publicou o seu primeiro chiste político, sendo director do periódico Manuel Cerezales. Un libro que editamos en Xerais coa intención de continuar aqueloutros catro de “Chispas da roda”, publicados nos anos setenta con moito éxito na colección “O Moucho” de edicións Castrelos, así como os de Galaxia nos oitenta como “Xente de hoxe”, “Xente para todo” ou “Xente a esgalla”. Porén, despois da presentación das nosas “Chispas” no Corte Inglés, da man do seu amigo Ceferino de Blas, Fernando despediuse das páxinas de Faro no verán de 2011, case coincidindo co pasamento da súa compañeira Ana Legido, mergullándose na soidade dun escuro silencio.

Os que aprendimos a ler no Faro comezabamos o periódico polo chiste de Quesada, que nos achegaba o primeiro sorriso do día, un alustro de ironía en branco e negro, non exento dunha sutil dose de acedume, unha das marcas singulares da ollada retranqueira de Fernando. Aquelas viñetas iluminaron durante cinco décadas aos lectores de Faro polos aconteceres da actualidade política, social e deportiva de Galicia e, sobre todo, da cidade e do Celta de Vigo. Unha auténtica proeza xornalística, unha obra gráfica monumental dun humorista, debuxante e notable pintor figurativo que funcionou como o enganche imprescindible entre a primeira e xenuína tradición do humor gráfico galego desenvolvida antes da Guerra Civil por Castelao, Maside, Cebreiro e o ponteareán Ignacio Vidales Tomé e as xeracións posteriores de humoristas contemporáneos, tanto a dos anos setenta e oitenta formada por Siro, Xaquín Marín, Pepe Carreiro, Gogue, Bofill e Xosé Lois “O Carrabouxo”, como a máis recente, a do século XXI, a dos Davila, Aguilera, Kiko da Silva, Pinto e Chinto, Santi Gutiérrez e outros moitos. Nomes todos que se espellaron no mestre Quesada e que fixeron de Galicia a auténtica potencia da retranca que é hoxe.

Fernando Quesada foi o terceiro irmán dunha familia de pintores ourensáns. Comezou a publicar os seus primeiros debuxos na revista do Club Deportivo Ourense onde din tamén xogaba ao fútbol de forma xenial. Despois de rematados os seus estudos de Profesorado Mercantil e de ingresar en 1958 no corpo de xestión da Facenda Pública (onde traballou ata a súa xubilación en 1998), chegou a Vigo en 1961, iniciando as súas publicacións en “Faro de Vigo”. Colaboración que ampliaría, dende 1964, nas páxinas da prensa madrileña, primeiro en “Arriba” e, logo a partir de 1969, no vespertino “Pueblo”, onde os seus chistes adquiriron gran popularidade, e noutras moitas revistas como “La Codorniz”.

Quesada contoume como daquela mandaba o seu chiste a Madrid polo tren que saía cada tarde de Urzaiz ás oito e cuarto. Xeralmente non había problema, mais algunha vez, cando non secara o entintado dos seus caricaturizados (Nixon, De Gaulle, Mao Tse Tung ou Golda Meir) ou non lle atopara decontado os tres pés ao gato, o maquinista do expreso debía recollelo en Redondela ou Porriño, estacións ás que Fernando saía disparado no seu seiscentos para entregarlle a viñeta que comezara a preparar nas horas da sesta, despois dun día na oficina. Anécdota que demostra que aquel tren levaba, ademais do mellor peixe fresco Ría, outras delicias non menos exquisitas, os “pasatempos e filosofías, brincadeiras e retrancas” do Quesada.

Coa tímida apertura da censura dos anos setenta, Fernando Quesada foi gañando peza a peza os límites da temática dos seus chistes explorando a cotidianidade da cultura tradicional e empregando, xa dende 1970, a lingua galega como a principal das súas viñetas, o que en palabras de Francisco Pablos “permitiulle reinventar un país”. É entón cando aparecen os seus personaxes máis característicos e divertidos: os labregos mestres da retranca, os afiadores que levan media hora pedindo paso, os emigrantes sentados nas súas maletas, os albaneis e os canteiros que manexan petrodólares, os gameleiros que adiantan en cambio de rasante ou os maquinistas que botan terra a un asuntiño… Quesada foi un tipo xenial de aspecto incontrolado, un “coñeiro” que atopaba os furados agochados do cotián, un mestre da retranca que hoxe choramos e nunca esqueceremos.

Comparte este artigo:
Facebook Twitter Digg Email

Sin comentarios

Podes ser o primeiro que abre unha conversa sobre este artigo.

Deixa unha resposta

Podes utilizar algúns tags HTML para formatear a túa resposta. Preme no seguinte link HTML. <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

*

Canto suman 6 + 5 ?
Please leave these two fields as-is:
Esta pregunta faise porque a maioría dos comentarios veñen de robots. Deste xeito sei si és humano.