Proxecto-Edición, A Feira

A Feira do Proxecto-Edición é unha moi boa iniciativa á que, despois da celebración da súa primeira edición esta fin de semana, aínda lle queda moito treito para consolidarse como cita de encontro da edición artística e alternativa e do mundo do deseño. Na miña visita comprobei que o mellor son os contidos expositivos, sexa polo interrogador e o orixinal dalgunhas propostas da chamada edición “alternativa” como pola calidade dalgunhas publicacións, especialmente Entre-cruzar, a publicación da feira. Porén, o máis decepcionante foi a abraiante falta de público na Feira (apenas uns centos de persoas cando eu estiven), quizais provocada por unha deficiente política de comunicación dos organizadores e, seguramente máis, pola inercia dos nosos medios de comunicación para alertar sobre estas iniciativas.
A mesa redonda na que participei o domingo sobre a distribución da edición comercial foi para min, tamén, un chisco incómoda na medida en que alí se volveron a repetir moitos prexuízos sobre o estado actual da edición. Non acredito na diferenza entre editores independentes (supostamente libres) e comerciais (supostamente amordazados) na medida que todos dependemos da recepción dos nosos produtos por parte dos lectores. Outra volta, seméllame máis operativa a diferenciación que Giulio Einaudi, como sinalou moi acertademente Víctor F. Freixanes, estableceu entre editores de cultura e editores de mercado.
Compracerse na diletancia dunha suposta edición independente, á que nada lle importan os resultados comerciais dos seus produtos e a súa visibilidade no mercado global, é, para min, xa moi pouco defendible. Aproveitarse das posibilidades da nova textualidade electrónica ou dos mecanismos da impresión baixo demanda son camiños que tanto os chamados editores independentes (ou “alternativos”, como a eles gusta denominarse) como os editores tradicionais debemos saber explorar para promover unha edición cultural.
Agardo que en vindeiras edicións esta Feira, moi ben arranxada nos seus aspectos técnicos, colla maior pulo entre o público interesado no mundo do deseño, da arte, das publicacións periódicas e, en xeral, no mundo do libro. Para os editores galegos foi unha boa proba de cara á preparación do do Culturgal no mesmo recinto e que pretendemos celebrar no mes de maio de 2007.

Etiquetas: ,
2 comentarios
  1. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Isto non tén nada que ver co teu tema de hoxe, Bragado, pero ¿saberiasme dar algunha información acerca da desaparición do blog “O vixía entre o centeo”, a quen saudaches no teu con alborozo? Será certo que o tal responde ás iniciais de XANC, doado de recoñecer, como fixo algún blogeiro?

  2. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Pois acabas de informarme dese particular. Efectivamente non aparece xa na rede. Sobre a identidade do blogueiro, tamén lin nalgures esa referencia que apuntas, mais non teño datos ningúns sobre o particular. lamento a desaparición dun blog sobre temas literarios galegos.

Los comentarios están desactivados.