Poeta, republicano, exiliado, comunista


Lorenzo Varela, no medio, xunto a dous compañeiros das Milicias Republicanas

Onte presentamos no Marco os dous libros de Carlos L. Bernárdez sobre Lorenzo Varela. Magníficas foron as intervencións de Manuel Forcadela, o profesor Xesús Alonso Montero e o autor.
XAM fixo unha contundente denuncia da campaña que os sectores conservadores (desde a propia Xunta e a súa presidencia, ou mesmo desde posicións nacionalistas ou galeguistas) están facendo contra a figura do poeta de Monterroso, menosprezándoo como “poeta menor de escasa obra galega” e ocultando o seu carácter de republicano, exiliado e militante comunista (substituídos os tres termos polo eufemismo de “poeta emigrante”).
Comparto as opinións de XAM (un dos poucos defensores, xunto con Isaac, de Varela naqueles días xélidos da súa volta do desterro): lendo os seus versos de non hai posibilidade de ocultamento, o seu foi un exercicio de conciencia e de dignidade, onde a sombra permanente da guerra e a imposibilidade de vivir na terra configúranse como a república da nostalxia e do silencio. Este ano o Día das Letras Galegas merece o apoio máis entusiasta e comprometido dos que cremos na posibilidade de rachar o muro de silencio do exilio e levarlle aos seus protagonistas cestos cheos de pombas e mazás.